lunes, 14 de junio de 2010

Atribulada Historia da Pataca (e IV)

O proceso de difusión da pataca foi promovido en parte polos sectores dominantes da sociedade e por unha fracción ilustrada das autoridades públicas, como o pon de relevo unha Real Orde, do ano 1800. Porén, en moitas localidades tivo lugar un proceso de signo ben distinto, ata certo punto contraposto: foron os labregos máis pobres (bodegueiros) os que, por carecer de alternativas e teren un padal menos esixente, asumiron o protagonismo. Pegerto Saavedra dou a coñecer o seguinte testemuño reportado, no ano 1771, por un veciño da comarca de Viveiro, quen, en referencia ás patacas indicaba que: “en competencia con el mijo, centeno, maíz, alubias [y] trigo, non tienen estimación, ni personas de conveniencia las gastaron para su alimento, sino para cebar puercos, pero lo ejecutan varios labradores que no viven con cumplido surtido de aquellos granos y en los últimos años, por su escasez, socorrió a muchos y se extendió su siembra, cuidado y crianza”. Pola súa banda, outro labrego, neste caso do concello de Burón, salientaba a contribución realizada pola pataca de cara a erradicación das fames episódicas, e o efecto indirecto que tamén tivo diversificando os recursos dispoñibles, e permitindo conseguintemente o abaratamento do prezo dos graos (referíndose en primeiro termo ao centeo). Nestes termos se expresou, no ano 1786: “este fruto es tan pingüe y útil a los pobres labradores que, desde que algunos años a esta parte todo este país se dedicó a su sementera, se desterró el hambre y puso los granos a un moderado precio”.

Por veces, os labregos tiveron que optar entre dedicar algunhas das súas prezadas terras de labranza ao cultivo do cereal ou ben ao da pataca. Certamente, tiveron unha razón de peso para preferiren o pan de centeo aos cachelos, como o pon de manifesto elocuentemente este dato: un kilogramo de centeo proporciona un nivel de calorías 3’5 veces superior a outro de patacas. Aínda que o labrador ignorara este dato, coñecido só con posterioridade e unicamente pola comunidade científica e algunhas persoas moi instruídas, é posible que o percibira empiricamente, ou cando menos o intuise, reparando no distinto efecto de ambos alimentos exercían no seu propio corpo. En contraposición, as patacas tamén presentaban unha avantaxe comparativa: constituían un cultivo moi agradecido, pois cada semente proliferaba dun xeito moi abondoso. A fartura da colleita facía posible que se puideran comer moitas, e a cantidade unida á función que cumprían de deixar ben saciado o apetito, permitindo ao paisano erguerse da mesa co bandullo cheo; de poder, en suma, comer ata quedar farto, compracía extraordinariamente ao agricultor. Un dato axuda a calibrar a abondosidade da pataca como planta de cultivo: en relación co centeo, o rendemento da pataca, a igual superficie cultivada, resultaba sete veces superior. Este feito non era ignorado polos labradores, que coñecían por experiencia que os tubérculos resultaban dabondo máis produtivos que os graos, nin tampouco polas as autoridades, que dispuñan de estudos e informes ao respecto.

(Publicado en Galicia Hoxe, 04/06/2010)

Atribulada Historia da Pataca (III)

Foi certamente atribulada a historia da difusión da pataca en Galicia. Moitos galegos seguíanse resistindo a probala aínda ao promediar o século XIX, nomadamente na Galicia litoral. Agora ben, a esas alturas a selección de variedades xa tiña progresado notablemente nalgunhas comarcas, e xa había quen sabía cociñar cachelos ben sabedeiros. O viaxeiro inglés Widdrington –considerado por Richard Ford como un observador meticuloso e ben informado- percorreu Galicia, en 1843, e opinou que as patacas que se cultivaban nela e tivo ocasión de probar, eran “delicious”. Pero para chegar a esta situación houbo que recorrer un longo proceso. Existe unha impagable documentación xudicial, achegada por Pegerto Saavedra, que da expresiva conta do xeito en que se produciu a introdución da pataca nunha das primeiras zonas nas que se cultivou. Nela, os tubérculos coñecíanse dende tempos recuados pero unicamente se empregaban para cebar os porcos. Diversos episodios de fames obrigaron aos labregos a ter que comelos, e tamén a procurar novas sementes. Tal foi o que declararon, no ano 1800, as testemuñas nun preito que enfrontou ao mosteiro de Penamaior cos fregueses da contorna que lle tiñan que pagar desmos.
No ecuador do século XVIII, os veciños máis vellos reportaron que na comarca non se coñecían outras variedades de patacas máis aló das silvestres, coas que non se facía “granjería ni comercio”. Así estivo a situación, ata o momento no que uns arrieiros, vidos de Ribadeo, achegaron unha nova semente que pasou a cultivarse con positivos resultados no que atinxe a calidade do produto. Un de tales arrieiros depuña que trouxera para si mesmo dende dita vila un ferrado de patacas “rubias”, “y comenzó a plantarlas en su huerta o cortiña, y advirtiendo los demás sus convecinos lo útil que era dicho fruto le pidieron algunas…, y con ellas se fue propagando dicha semilla”. Temos así descrito como se produciu o aludido proceso de difusión. E aínda engadía o susodito que, despois, sentíndose algo descontentos os cultivadores porque se ben dita raza de patacas era de probada calidade, producía nembargante froitos moi miúdos, resolvéronse a introducir outra variedade coñecida co nome de “indias”. Con esta quedaron ao parecer máis satisfeitos, polo que a seguiron cultivando e así facían aínda no momento de evacuar a súa declaración.
Adoita acontecer que as innovacións agronómicas e a introdución de novos cultivos e mesmo a asunción de certas prácticas de consumo, que gozan de respetabilidade ou están avaladas pola ciencia e a moderna tecnoloxía, son asumidas primeiramente pola capas sociais máis acomodadas e instruídas. Agora ben, no que concirne á pataca á dinámica innovadora non se desenvolveu con arreglo a este patrón. Ou cando menos non dun xeito exclusivo. Ben certo é que en determinadas fases do proceso, e nalgunhas zonas concretas, os sectores prominentes da sociedade, e tamén as autoridades, enarbolaron a bandeira da renovación.
(Publicado en Galicia Hoxe, maio 2010)

Atribulada Historia da Pataca (II)

Os campesiños das terras interiores resolvéronse a cultivar a pataca de maneira xeneralizada tras da década dos setenta do século XVIII, probablemente acuciados pola fame que os aflixiu a raíz da crise de subsistencias de 1768-1770. A maior abundamento, no ano 1798, a pataca, denominada tamén a “bella americana”, constituía un alimento habitual en numerosas comarcas do interior e, xa a comezos do século XIX, desempeñou un papel de crecente importacia na alimentación, nomeadamente da provincia de Lugo e tamén das montañas setentrionais.

Pero este proceso non foi un camiño de rosas. Nun principio poucos aldeáns tiñan o menor afán de comela e empregábana preferentemente como forraxe para o gando. Agora ben, tras superar o noxo que lles inspiraba ao comezo, decidíronse a sementala con gran profusión e atrevéronse a incorporala de maneira plena a súa dieta. Deste xeito, a difusión desta planta americana polo interior de Galicia fixo posible unha sensible mellora da alimentación labrega, xa que deixou de depender tanto da colleita de centeo. Este feito constituíu un dos factores primordiais do notable crecemento da poboación que experimentou esta zona -nomeadamente as terras lucenses-, a partir do último cuarto do século XVIII. En consecuencia, na Galicia interior a pataca desempeñou un papel conspicuo na alimentación, nomeadamente no transcurso da segunda metade da centuria ilustrada cando se conseguiu obter unha segunda colleita de castañas de Indias mercé ao emprego do abonado intensivo. Pola contra, os campesiños da costa tardaron máis tempo en superar os prexuízos contra o tubérculo, por resultarlles desagradable o seu aspecto terroso, e por encontrar sospeitoso que medraran no desacougante submundo telúrico, coma se dalgunha maneira fose no Averno onde se xestara.

Para entender isto convén ter en conta que moitos pensaban daquela, dacordo co imaxinario da época, que os froitos nobres non medraban debaixo da terra, senón a plena luz do sol, e mesmo consideraban que canto máis altura chegaran a alcanzar máis celestiais resultaban. Neste senso, a denominación que recibe a pataca en francés –a lingua, por certo, do agrónomo Parmentier- ilustra con claridade estas connotación semánticas: a pomme de terre situábase en contraposición á pomme du ciel. Tamén constituíu un atranco o feito de ter un gusto máis amargo que as variedades que se impuxeron despois, froito dunha selección de especies (por certo que os emigrantes en América achegaron ó retornaren moitas variedades novas, nomeadamente nas primeiras décadas do século XX). E aínda se poden consignar outros factores que prexudicaron a reputación das patacas: o almacenamento deficiente, unha culinaria pouco desenvolta, caracterizada por unha condimentación escasamente coidada, e, ao cabo, algúns rumores que correron sobre certas doenzas misteriosas asociadas ao tubérculo (un movemento psicosocial de certo pánico, a xeito dunha versión reducida do Grand peur que se difundiu entre o campesiñado durante a revolución francesa). Deste xeito, aínda a mediados do século XIX, moitos non superaran a repulsión que lles inspiraba, e conseguintemente cultivábana pouco, en particular en determinadas parroquias da Galicia costeira.

(Publicado en Galicia Hoxe, maio 2010)