jueves, 15 de julio de 2010

Festas Gastronómicas Populares 2

O país arde no verán en festexos gastronómicos. O antecedente da auténtica enxurrada de festas culinarias multitudinarias que pivotan arredor dun produto popular ou prato gastronómico xorde no ano 1953, coa exaltación do viño Albariño de Cambados. Nos anos sucesivos, desenvólvese facendo gala dun notable despregamento de recursos promocionais, do que constitúe unha mostra a creación da Serenísima Orde do Albariño. Nos sesenta aparecen varias máis, en especial sardiñadas, exaltacións dos mariscos (a máis destacada é a que se celebra no Grove, que data de 1963) e un pouco máis tarde as churrascadas, de ascendencia indiana, que promoven en especial a carne de vacún, e particularmente a tenreira galega. O fito máis senlleiro dos sesenta foi sen dúbida a Festa do cocido de Lalín, que xorde en 1969. Foi na década de 1990, cando se produciu un auténtico boom das festas de exaltación culinaria, alcanzando na actualidade unha cifra que supera os 3.000 festexos populares.

As festas gastronómicas constitúen en boa medida a expresión do localismo, da identidade do pobo ou a parroquia, que se vincula a un produto característico da zona, ou ben a un preparado culinario tradicional polo que os seus habitantes manifestan un grande apego. Expresan un certo minifundismo lúdico e festivo, patente tamén en tantos outros aspectos da vida social tradicional do país, e en ocasións advírtese unha formulación da identidade localista revestida dun certo carácter de competencia entre cidades, pobos e mesmo parroquias e aldeas que rivalizan para ver cal delas consegue a festa máis exitosa, medida pola cantidade de racións consumidas, o número de asistentes e a orquestra de máis sona que amenizou a velada festiva. Estas celebracións presentan algúns aspectos moi positivos: ofrecen produtos de calidade a bo prezo, e que é preferible consumir ‘in situ’. Cultivan fórmulas gastronómicas xenuínas e interesantes. Adhírense a unha cociña de impronta saudable (bos produtos, poucas especies, omega 3, preferencia da cocción sobre a fritura, en conformidade coa dieta atlántica)
Expresan a adhesión popular de que goza a gastronomía tradicional galega. Son tamén a expresión do apego á identidade gastronómica que contribuíu a frear a penetración da gastronomía foránea trivializada, globalizada, uniforme e pouco ou nada saudable que se adoita bautizar como ‘fast food’ ou ‘dirty food’.

A festas de exaltación dun produto alimenticio probablemente serviron para prestar maior atención e valorizar o alimento en cuestión, o que contribuíu á súa preservación e autentificación, de modo que serviron de base para a súa promoción como moderno produto galego de calidade. Ao cabo, expresan o pracer para comer e convivir. As festas gastronómicas distáncianse do epicureísmo do despropósito característico das comidas excesivas das festas do patrón. A celebración constitúe un acontecemento razoable e cordial, no que se produce a convivencia amable de moitas persoas entregadas ao grato pracer de gozar dalgún alimento apreciado (ou bebida) cos demais. Polo regular, fanse con siso e xeito.

(Publicado en Galicia Hoxe, 11!07/2010)

martes, 6 de julio de 2010

Festas Gastronómicas Populares

Convén examinar un feito social importante no noso país: as festas gastronómicas populares. A través da historia de Galicia viñéronse celebrando romarías e feiras que estaban revestidas dun carácter de celebración gastronómica. Nelas, as familias levaban viño e empanadas ou ben asaban un cabrito que os seus integrantes repartían sobre un mantel estendido sobre a herba á sombra dun carballo. Era tamén moi habitual que os feirantes e romeus tras efectuar os seus tratos, ou formular os seus rezos e peticións, tomasen viño en rústicas tabernas improvisadas ou estables, e desen conta de racións de carne ao caldeiro, bacallau con patacas ou polbo á feira, mentres escoitaban o son dunha gaita. A media tarde, ou á noitiña, tomaban algunha copa de resolio acompañado de rosquillas ou melindres.

As festas gastronómicas consisten na exaltación dun produto ou prato gastronómico. Gozan de gran aceptación e a súa celebración constitúe un verdadeiro acontecemento social. Estas festas gastronómicas populares xorden na década dos sesenta, coa superación dos problemas alimentarios do país, o incremento paulatino do nivel de vida e os cambios sociais e políticos que albiscaban o renacer da identidade colectiva galega tras do franquismo. Conforme ía quedando atrás o mundo rural e mariñeiro tradicional, este pasaba a idealizarse no terreo gastronómico. É o nacemento do "enxebre", unha palabra de gran éxito popular, que tivo a súa expresión preferente no campo da gastronomía e o produto que lle serve de base.

Non cabe dúbida que este feito garda estreita relación co intenso éxodo do campo á cidade -en moitos casos, da aldea á vila- co correspondente aumento da poboación urbana, o xa mencionado incremento do nivel de vida e a mellora sensible da dieta (que deixaban atrás os anos do fame). Comezan a partir de entón o leite industrial (primeiro de bolsa, logo de tratrabrik), os iogures, o pan elaborado en modernas panificadoras e a bollería industrial, o polo e o porco de granxa, o peixe conxelado, etc. co que se inicia un proceso de idealización da comida caseira típica do país, elaborada en potes pendurados sobre lareiras ou instalados sobre cociñas de ferro (substituídas polas modernas de gas butano). Daquela é cando se propaga o concepto da comida “enxebre”, que ten moito de celebración do sabor que tiñan outrora os “auténticos” alimentos típicos do país elaborados mediante procedementos culinarios simples, pero con resultados louvables. Adóitase valorar as cousas cando comezan a perderse, e no surximento do festexo gastronómico hai algo de nostálxico, como tamén de afirmación e orgullo do produto xenuíno da localidade en cuestión. Tenuemente deu comezo tamén na década dos sesenta un fenómeno de cambio de conciencia ao compás do avance da sociedade de consumo (anteriormente, era para a maioría unha sociedade de autoproducción e subconsumo) que as autoridades relixiosas acusan de “auxe da mentalidade materialista”. O feito constatable é que as festas gastronómicas constitúen un fenómeno laico.

(Publicado no xornal Galicia Hoxe, 02/07/2010)