miércoles, 19 de junio de 2013

Xornadas Viño e Cultura: Á. Cunqueiro. 20 Xoves, ás 20 horas. Caf. Luces de Bohemia (R. Colón, 34. Vigo)

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 5ª SESIÓN (CLAUSURA): ÁLVARO CUNQUEIRO Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Intervén na sesión: D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. ADEGA invitada: ENTRE OS RIOS (Pobra do Caramiñal. IXP do Barbanza-Iria) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 20 de Xuño, ás 20 horas. PRESENTACIÓN A quinta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, na que intervirá D. Anxo Lorenzo, posto que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra dun dos escritores más imaxinativos das nosas letras e forxador ademais dunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia: Álvaro Cunqueiro, natural de Mondoñedo, vila –como el dicía- rica en pan, en augas i en latín. Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta das claves esenciais da súa obra literaria en relación coa cultura popular do viño en Galicia. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños, e o recitado dunha escolma de textos representativos do quefacer de Álvaro Cunqueiro, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo cunqueiriano. Nesta ocasión poderemos apreciar os caldos da Adega Entre os rios: unha pequena adega artesá (e casa de turismo rural, de engádega) rexida pola familia Crusat, situada na Pobra do Caramiñal (IXP do Barbanza-Iria) que ten como buque insinia un galardoado albariño sobre lias Altares de Postmarcos. Elabora, ademais, un branco multivarietal de probada calidade, Casal do Monte, e un moi digno tinto mencía Pintadoiro. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo San Simón, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada