sábado, 11 de abril de 2009

Coresma

Cóntase que en tempo de Coresma uns fradres dun mosteiro situado a beira do Sil tiraban porcos e ternascos ao río en tanto que outros os pescaban á altura do convento, para logo cociñalos. Diante do díxome-díxome dos fregueses acerca da desvergoña do abade, este respondeulles con impostada mansedume evanxélica: "Meus irmáns, ¡todo o que cae na rede é peixe!".

En xeral, os días de vixilia e xaxún, pesaban durante todo o ano, pero en particular no tempo de Coresma. Daquela, agardábase con ilusión a chegada do domingo de Pascua de resurrección, que era cando por fin se podía comer carne. O sábado de véspera denominábase "sábado longo", polo interminable que se facía o tempo de xaxún na agarda do desexado domingo de resurrección. Ao domingo invocábaselle cunha expresión que indicaba o gozo e a ledicia que representaba a licenza de poder xantar debidamente outra vez. Velaí o dito popular: "Sábado longo, xaxaraxa, domingo de Pascua éche mañá".

Tamén existía a solución, ou cando menos o paliativo, da bula. No século XX existen abondosas testemuñas da utilización dunha bula que se denominaba da santa Cruzada, que facía alusión á cruzada medieval contra o Islam. Desde a súa orixe no século XV, como privilexio especial, a bula tivo os seus detractores. Nesta corrente crítica inscríbese a célebre composición poética do Arcipreste de Hita, quen, coa súa cáustica pluma, denunciaba a realidade que constataba no seu tempo: Yo vi a muchos monges en sus predicaciones/ denostar al dinero e a sus tentaciones,/ en cabo, por dinero otorgan los perdones,/ asuelven el ayuno e fazen oraciones.

Na primeira década do século XX as autoridades relixiosas galegas constataban que a "moderna impiedade" viña exercendo unha oposición sistemática á Bula da Santa Cruzada, polo que encargaban a cregos e predicadores que puxesen particular empeño en explicar a verdadeira historia da Bula, coas grazas, indulxencias e privilexios que por mediación dela outorgaba o Papa. A Igrexa non conseguiu disipar certa confusión que sempre parece que houbo ó respecto, nin desde logo tampouco as críticas que suscitou. Mencionaba Juan José Moralejo o caso dun crego que se trabucara ó dar na parroquia as pertinentes explicacións sobre quén tiña Bula, quén podía comer carne nos venres de Coresma... e, engedellado na profusa casuística, rematou a cuestión sinalando que o que tivera Bula podía comer carne, e o que non tivese carne, pois...¡que comese a Bula!".

O marqués de Salamanca obtivo grandes ganancias gracias á construción dos ferrocarrís tanto en España coma noutros países. Só o dos Estados Pontificios lle ocasionou perdas, mais obtivo como compensación unha bula amplísima para non observar as vixilias, da que se ufanaba, poñéndoa nun cadro de honra na súa capela do pazo de Recoletos.

As bulas non só se expendían nas parroquias, tamén nos colexios. Félix de Azúa recordaba que cando cursaba o bacharelato na La Salle Bonanova cos Irmáns da Doutrina Cristiá, un par de meses antes da Semana Santa os frades vendíanlle aos alumnos a Bula que autorizaba a comer carne durante a Coresma.

(Artigo publicado no xornal Galicia Hoxe el 27-3-2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario