martes, 27 de octubre de 2009

Galicia e a Dieta Atlántica (IV)

Convén caracterizar a dieta atlántica por contraste coa que gozou ata agora do máximo predicamento: a mediterránea (na que, por certo, incluíase ata hai algúns lustros a dieta galega, entendida como unha modalidade súa, pero provista de certas peculiaridades). Se considera que quen se benefician deste estilo de alimentación conforman unha poboación asentada xeograficamente na zona sur dos países europeos ribeiregos: España, Portugal, Francia, Italia e Grecia. Todos eles participan dunha climatoloxía, un certo ecosistema e mesmo uns modos de vida, que contan con non poucas afinidades. Polo regular, para cociñar recorren á utilización de aceites vexetais, e de xeito eminente ao de oliva. A dieta mediterránea caracterízase ademais pola súa riqueza en froitas e verduras, proteínas de orixe animal, procedentes de peixes frescos ou curados, algunhas carnes e embutidos. Tamén polo aproveitamento de legumes secos provenientes da horta, amén do recurso ao pan, ao arroz e ás pastas alimenticias, e mesmo tamén aos queixos frescos e curados -na súa maioría de ovella e cabra- aos froitos secos, ao mel e ás olivas. Nin que dicir ten que o viño desempeña un papel transcendental, en particular como acompañamento das comidas. No almorzo interveñen os froitos secos e o mel, en tanto que o queixo e as froitas xogan un papel salientable nas sobremesas. Polos demais, na culinaria mediterranea contan con notable tradición e importancia os pratos elaborados exclusivamente con vexetais (aínda que non son privativos desta franxa, posto que tamén se consumiron moito na área da meseta): gazpacho, pisto, escalibada e menestra. Pratos que contan con arraigamento tradicional nesta zona levan así mesmo verduras na súa composición, aínda que en combinación con algunhas carnes ou peixes: trátase primordialmente do cocido, da potaxe e da paella. Cabe resaltar o feito de que na súa elaboración se emprega aceite de oliva. En termos xerais, adóitase admitir que se trata dunha dieta equilibrada, capaz de mellorar o benestar físico das persoas, entendido como aquel estado que proporciona non soamente saúde senón tamén ledicia de vivir e pracer. Tamén se valora a súa reigame histórica: formouse a través do tempo mediante a achega de sucesivas culturas alimentarias; primordialmente, dos pobos fenicios, cartaxineses, gregos, romanos e árabes, pero sen esquecer tampouco as acheguas procedentes do Novo Mundo.
Polo que se refire á dieta atlántica, propiamente dita, é mester salientar que se trata dunha forma relativamente específica de alimentación extrapolada dunha gran área xeográfica conformada pola franxa de poñente dos países europeos ribeiregos do Océano Atlántico: o litoral de Portugal, Galicia e toda a costa norte de España, Francia e outra serie de países do occidente atlántico. Hai que considerar non só uns produtos alimenticios peculiares, senón tamén uns procedementos culinarios, uns valores, un xeito de comer e unha maneira de compartir os alimentos e, ao cabo, unhas formas de sociabilidade expresadas nas invitacións, nas sobremesas con demoradas conversas, e tamén nas romaxes e festas gastronómicas.
(Publicado en Galicia Hoxe, 23/10/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario