miércoles, 3 de marzo de 2010

A Xente de Bronce (VI)

Continuamos a examinar a alimentación popular urbana. Un estudo referido a Santiago de Compostela revela que, no século dezanove, o touciño resultaba máis barato que a carne de vacún nas dúas primeiras décadas. Pero a partires de 1821, o tuciño se pon polas nubes, supera sensiblemente o prezo da carne de vaca, e nalgúns anos mesmo chega a duplicalo. Por conseguinte, moito touciño non poderían comer os obreiros. Pouca carne de porco podería haber no pote dos traballadores urbanos que máis ben soñaban con comer “marisco do cortello”, a non ser que criasen o animal na casa. Resultaba moi común o recurso á sardiña, o arenque e o bacallao; e máis tarde as latas de peixe en conserva, que resultaban baratas. En fresco, ademais da sardiña no verán, cando estaba de temporada e, como se adoitaba dicir, “en comida”, podía adquirir o “peixe do gato”, o que tiña o menor prezo, como as fanecas, panchos, lorchas, xoubas e raias. No que conerne aos traballadores que residían en núcleos do litoral conseguían variaban un pouco tedio da súa dieta con algúns moluscos e mariscos que puidesen apañar na praia ou nas rochas. Cando a necesidade, senón a crúa fame, apertaba, andazo que adoitaba aflixir os sectores populares, había que aguzar o enxeño. Na Pobra do Caramiñal, na década de 1930, e nomeadamente nos anos da guerra e postguerra, era unha practica moi habitual que as mulleres que traballaban nas fábricas de conservas aproveitasen algún descoido na vixiancia a que estaban sometidas para levar á boca algún anaco de peixe. Polo demais, as que traballaban en seccións da fábrica nas que non lles resultaba doado acceder ao peixe que estaban a preparar, levaban das súas casas mendrugos de pan, ou tamén algunha pataca que agochaban no peto da bata de traballo. Coa complicidade das operarias que se encargaban da prepararación do guiso previsto para o enlatado das sardiñas, conseguían mollar o alimento no prebe.
O prezo da pescada era disuasorio (un pouco máis asequible era a bertorella, considerada de inferior clase) e los probes só se permitían tomala cando estaban doentes, ou quizais nas últimas… ou eles ou o peixe. “Cando un pobre come unha merluza, un dos dous debe de estar moi mal”, apunta un vello dito popular. Aínda que poida parecer obvio, convén indicar que a merluza se consideraba un alimento de doada dixestión e apropiado para os enfermos, en especial preparada dun xeito sinxelo, en cocción. Por parte, a familia comía ovos con parsimonia, querese dicir, de cando en vez; con máis regularidade se tiñan galiñas de seu. No inverno tomaban menos, pois cando facía frío –como agora- as galiñas diminuían a posta. As pastas estaban moi pouco difundidas. En cambio, era moi habitual tomar a fariña do cereal en forma de papas. Como é ben sabido, os traballadores mantíñánse con abondosas racións de pan, basicamente de millo, centeo, ou ben confeccionado cunha mestura dos ambos cereais (ao parecer existía a crenza de que a inxesta continuada de pan elaborado exclusivamente co centeo resultaba perxudicial para o estómago). O de trigo non o tomaban máis que nalgunha ocasión festiva.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 26/02/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario