lunes, 12 de abril de 2010

A Xente de Bronce. A Cascarilla (IX)

O café era un luxo que o proletario só moi rara vez se podía permitir. De feito, o ámbito privilexiado para o seu consumo -o café como establecemento onde se privilexiaba esta clase de disfrute - era un espazo reservado en exclusiva (antano a separación entre as clases estaba moito máis marcada) para os varóns da burguesía ou dos sectores pudentes: significativamente, os seis cafés que había no ano 1925 na cidade do Apóstolo estaban todos eles no centro da vila, e nin tan sequera un abrira as súas portas nalgún dos barrios. O chocolate poucas veces era asequible para a familia proletaria: o habitual era que tomara cascarilla.
Os máis comedidos co alcol tomaban no almorzo pan, de millo ou centeo, fervido en auga, ou ben en leite; isto último, só os máis afortunados. Ás veces, engadíaselle un chisco de unto e sal. Os mellor mantidos tomaban leite con pan, que era algo moi característico neste medio social na Compostela das postrimeirías do século XIX. Outra variante eran as papas de millo ou ben o caldo. Chocolate, dende logo, apenas o cataban, aínda que si un subproduto, como puña de relevo un testemuño: “Suelen desayunarse con cáscara de cacao y un cuarterón de pan”. Polo demais, o desaiuno consistente en café con leite non estaba apenas difundido nos medios populares galegos a fins do dezanove. En cambio, en Barcelona era un desaiuno corrente entre os traballadores daquel mesmo tempo.
¿E ás once? Nas fábricas e obradoiros non estaba previsto unha interrupción a media mañá para tomar un bocadillo, por exemplo, a modo de tentempé, así que moitos traballadores non tomaban nada. A non ser que levaran ‘de estrangis’ no peto unha anaco de pan e o puidesen tomar cando non os vixiaba o capataz. Nos medios artesáns, as veces facían algunha escapada a taberna próxima para tomar algo de viño ou caña. Á hora do xantar, non podía faltar unha cunca de caldo, no que constituía un costume habitual remollar anacos de pan. Este era a clase de condumio proletario: “Se denomina caldo a un cocimiento de verduras y patatas con tocino, acompañados de abundante carne de cerdo: lacón, cabeza y chorizos; no obstante, para las clases populares este último ingrediente quedaba convertido en una “ilusión” por su alto coste; limitándose casi siempre a legumbres de clase inferior con un poco de grasa”. Son moi numerosos os testemuños que teiman en salientar a importancia do caldo na dieta popular; así, un documento recollido por Saurín de la Iglesia sinala que a alimentación esencial do obreiro galego consistía en: un “calducho” de grelos con habichuelas y unto, pan, vino, y si había lugar, un puñado de castañas”. Outra opción de compango podía consistir en patacas con touciño, ou unha presada de castañas, un prato de arroz, unha potaxe, unha tortilla con pouco ovo, un cocido moi modesto, bacallau ou arenque con patacas... “y consumen además borona, legumbres, pescado de ínfima clase y corta cantidad de carne en un día festivo por ser excesivo su precio”. Auga, da fonte máis achegada (non podían perder tempo en recorrer á doutra máis distante que tivese un auga máis limpa), e con moita fortuna, algún viño.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 19/03/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario