sábado, 8 de mayo de 2010

Xavier Castro. CURSO: CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

CURSO: CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

Lar das Meigas: un espazo para a convivencia cordial. Ámbito de cultura e goce do pracer do viño, que medra co coñecemento.

O curso de Cultura do Viño e Literatura consistirá nun ciclo de cinco sesións, ao que se poderá asistir dun xeito completo, ou ben soamente a algunha das sesións específicas que libremente se escolla. Trátase de realizar un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica enolóxica, e tamén ós característicos da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce do viño.
Este curso ten unha orientación transversal. En cada sesión ofrecerase uns tipos de viños que garden relación coa obra (e, por veces, tamén coa vida) dun escritor. Explicarase o vínculo que existe entre ambos, comentaranse os apartados da obra literaria nos que se fai mención ao viño, e mesmo se fará algúns recitados de poemas ou fragmentos en prosa.
Os escritores aos que está dedicado este curso son os seguintes: Charles Baudelaire, Álvaro Cunqueiro, Miguel de Cervantes, Ramón María del Valle-Inclán e, ao cabo, Aymeric Picaud (o monxe que pergueñou a primeira guía de peregríns, intuída no Códice Calixtino). Polo tanto, o colofón do curso estará dedicado ao Viño no Camiño de Santiago.
As explicacións do condutor do curso farán referencia ao escritor que centra o interese da sesión (lagarada), e estarán entreveradas con comentarios cos participantes (aléntase a participación e son benvidos os comentarios e as preguntas dos alumnos) sobre o viño, os temas enolóxicos, gastroculturais (as maridaxes entre o viño e a gastronomía) e con momentos de goce e padaleo do viño. Haberá asimesmo interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño e que garden algún tipo de vínculo co escritor que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas (visualizadas nunha pantalla dixital) ou obras clásicas de diferente xaez, como tamén jazz e música popular tradicional.
O viño pide algún compango. E para iso servíranse pichos compostos por bos pans campesiños, de millo e centeo, amén de friames de porco celta (a todo isto da dereito a inscrición).
Non se exclúe que a sesión poida rematar, se o ambiente creado polas persoas asistentes o fai pertinente, cun canto coral no que participemos tod@s. Na primeira sesión, e se cadra nalgunha outra tamén, o acto rematará coa audición da canción máis leda e feliz composta polo enxeño humano: o brinde con copas de champan con que Verdi exaltou a ledicia de vivir, e de beber, na aria Libiamo, incluída na memorable ópera La Traviata. E, despois de todo isto, como gusta de dicir Caballero Bonald: -Que nos quiten o bebido!
O esencial é que cada sesión constitúa unha experiencia de goce da convivialidade arredor do viño –que sempre foi un pracer social-, dun xeito lúdico, pracenteiro e cultural. Preténdese que resulte interesante, motivador, que induza a máis amplas lecturas e a sabios padaleos de estimables viños. Nestas sesións teórico-prácticas, lúdico-serias (ou jocoserias, que dirían os nosos devanceiros composteláns) e festivo-culturais importa moito desenvolver o espírito e difundir unha cultura da bebida acougada, de calidade e compartida.
O condutor do curso será o amateur da cultura do viño, Xavier Castro, autor dos libros: A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Ediciones Trea), e recentemente A rosa do viño (Galaxia).

SESIÓNS:
1ª Sesión (Maio. 11 Martes): Charles Baudelaire
2ª Sesión (Maio. 21 Venres): Álvaro Cunqueiro
3ª Sesión (Xuño. 04 Venres): Miguel de Cervantes
4ª Sesión (Xuño. 09 Mércores): Ramón María del Valle-Inclán
5ª Sesión (Xuño. 15 Martes): Aymeric Picaud (Códice Calixtino). Viño no Camiño de Santiago

CALENDARIO E HORARIO
Periodicidade: Semanal.

DATAS:
Maio. 11 Martes
Maio. 21 Venres
Xuño. 04 Venres
Xuño. 09 Mércores
Xuño. 15 Martes

HORA: de 20 horas á 21’30

LUGAR DE REALIZACIÓN
As sesións (lagaradas) terán lugar no local Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago)

INSCRICIÓN
A inscrición realizarase no local de Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. 15705 Santiago). Horario: 10’30 a 14, 16’30 a 20’30. Sábados e Domingos aberto ao medio día). Pódese efectuar tamén a matrícula cubrindo a ficha de inscrición adxunta e reenviando a: lardasmeigas@gmail.com. Deberá realizar tamén o pagamento da matrícula en Ibercaja, nº de conta: 20858265160330075713, indicando se o fai en todo o curso ou nunha sesión concreta, e presentando logo o resgardo en Lar das Meigas, o día da actividade.
Para máis información Teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / Páxina Web: www.lardasmeigas.com)
Admítese a inscrición no conxunto do curso que consta de cinco sesións (convén efectuar o pagamento no momento de cubrir a ficha de inscrición: prezo 42 €), ou ben nalgunha das sesións concretas, especificando en cal delas se inscribe (prezo de cada sesión: 9’5 €)



FICHA DE INSCRIPCIÓN
Nome e Apelidos:
Enderezo:
E-mail:
Teléfono:
Inscríbese (marcar cunha cruz a opción que interese):
No Conxunto do Curso:
Na 1ª Sesión (Maio. 11 Martes) Charles Baudelaire:
Na 2ª sesión (Maio. 21 Venres) Álvaro Cunqueiro:
Na 3ª Sesión (Xuño. 04 Venres) Miguel de Cervantes:
Na 4ª Sesión (Xuño. 09 Mércores) Ramón María del Valle-Inclán:
Na 5ª Sesión (Xuño. 15 Martes): Aymeric Picaud (Códice Calixtino). Viño no Camiño de Santiago:



CURSO DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MUSICA
1ª Sesión (Maio. 11 Martes, ás 20 horas) Charles Baudelaire

A primeira sesión do Curso de Cultura do Viño, Literatura e Musica dedícase a unha figura central das letras francesas, e forxador da modernidade poética inscrita no ámbito da urbe convertida en territorio literario: o flâneur por excelencia, Charles Baudelaire.
Un dos poetas que con máis talento cantou ao viño e os seus efectos estimulantes sobre o espírito humano. Foi ademais un creador interesado no spleen e os seus antídotos.
Os comentarios de Xavier Castro, os padaleos do viño, e o recitado de poemas de Baudelaire combinaranse con audicións musicais de fragmentos de óperas (visualizadas nunha patalla) de Mozart (A frauta máxica e O rapto no serrallo), Rossini (O conde Ory), Johann Strauss fillo (O morcego) e Verdi (A Traviata)

Servirase viño albariño, nobre branco galego, quizais o máis ilustre do país, como hexemónicos foron asimesmo en Francia os grandes viños brancos, tidos por axeitados para os príncipes por sangue ou talento. Degustarase nomeadamente o albariño xenérico da Denominación de Orixe Rías Baixas, que será presentado polo presidente do Consello Regulador Xosé Ramón Meiriño. Haberá ocasión de catar tamén un viño tinto francés e, ao cabo, servirase unha copa de cava para acompañar a tosta de marmelada de laranxa doce e amarga (como é a poética do malditismo de Baudelaire) e útil tamén para o brinde que faremos ao remate (provisorio) do acto.

Esta primeira sesión servirá ao propio tempo de acto de presentación do último libro do condutor do curso, Xavier Castro, que leva por título: A rosa do viño, onde se fai ampla alusión a Baudelaire en relación coa cultura do viño; deste xeito, ten cabal sentido que dirixa unhas palabras sobre o contido de dita obra o director da editorial Galaxia, Victor Freixanes, xurdio membro da nosa sociedade literaria e cordial amante dos nosos caldos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario