martes, 24 de agosto de 2010

A Maldición dos Peregrinos

a maldición dos peregrinos

O clero practicaba a caridade e instaba os fieis ao seu exercicio, advertindo en ocasións do risco que podería correr quen negase a un peregrino “un ben de caridade”. O Códice Calixtino reitera as amoestacións neste sentido, e ilústraas con cumpridos casos nos que saen escarmentadas persoas remisas á dádiva. A estas ameazas sumábase o temor a recibir a maldición dos propios peregrinos, como plasma Valle-Inclán na súa obra ‘Flor de Santidad’: en efecto, un peregrino de poboadas barbas e greñas lacias que axitaba o vento, situado diante do portalón dunha fonda salmodiaba isto que segue: -“¡Buenas almas del señor, haced al pobre peregrino un bien de caridad!”. A correosa dona da fonda, cun sentido moi arrefriado da compaixón, despachouno sen contemplacións dicíndolle: -“¡Vaia con Dios, hermano!”. Pechou a porta atrás dela e o peregrino afastouse rosmando e batendo as pedras co cueto do seu bordón. Mais, “De pronto volvióse, y rastreando un puñado de tierra la arrojó a la venta. Erguido en medio del sendero, con la voz apasionada y sorda de los anatemos, clamó: -¡Permita Dios que una peste cierre para siempre esa casa sin caridad!” A maldición fixo o seu efecto, a partir de entón as ovellas do rabaño da dona, inexplicablemente, comezaron a morrer.

Por parte, como prevención fronte á eventual precariedade alimentaria que resultaba previsible no transcurso Camiño, ao peregrino viríalle ben dispor de certas reservas de graxa, como consecuencia de engordar mercé a unha dieta abundante. Mais non era esta unha posibilidade real para a maioría dos camiñantes, por ser na súa maioría de moi modesta condición. Os individuos sobreviven en tempos difíciles, aturando dietas hipocalóricas e aínda inxestas carenciais, desprovistas de algúns nutrintes esenciais, grazas a determinados ardides que o corpo pon espontaneamente en funcionamento. Cando o consumo é deficitario o individuo atópase con escasas forzas e aínda menos ánimos, para desenvolver unha actividade física normal. Desde logo, a fame é incompatible co sexo, posto que todo o apetito libidinal concéntrase obsesivamente no anceio de comer. A actividade física da persoa afectada polo fame devece espontaneamente. O corpo necesita aforrar enerxía e para iso debe limitar o esforzo. Agora ben, canto veño sinalando resulta, por definición, de dificil aplicación no que concierne ao fenómeno da peregrinación. En efecto, o peregrino, aínda comendo mal, ten que esforzarse en proseguir o camiño. Sabe que non debe parar. Pero tamén é certo que a mente -ou, se se quere, o espírito- pode moito en determinadas situacións nas que a motivación é forte. Existen, como diría Kafka, “artístas da fame”. De feito, os peregrinos foron historicamente capaces de desenvolver unha actividade física moi alta con dietas por veces moi exiguas. O quid da cuestión reside en tivesen ben internalizado que contaban: “coa axuda do señor Santiago”, como proclamaba con infranxible fe aquel peregrino sen par do romance medieval: -“Eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán, / se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará”.

(Publicada en Galicia Hoxe, 20/08/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario