sábado, 27 de abril de 2013

XORNADAS VIÑO E CULTURA GALEGA. SANTIAGO. Cafetería do CEGAC. 30 Abril ás 20 horas

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA 1ª SESIÓN: MARUJA MALLO Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC). Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5. Santiago. Data: Martes, 30 de Abril, ás 20 horas. Adega invitada: Entre os rios (Pobra do Caramiñal) PRESENTACIÓN: A primeira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da artista galega Maruja Mallo, caracterizada polo seu talante persoal innovador e a súa obra pictórica vangardista, en permanente evolución e constante procura de novas formas de expresión. Foi admirada por Ortega y Gasset, Gómez de la Serna, Lorca, André Bretón e Paul Éluard, e gozou dun amplo recoñecemento internacional, do que da testemuña o feito de que a súa obra forme parte das coleccións dos museos máis emblemáticos. Poderemos tamén ollar como Vigo e o mundo do mar deixaron unha pegada indeleble nalgúns dos seus cadros máis fermosos e abordaranse, por suposto, sempre en referencia á obra plástica e á vida de Maruja Mallo, as cuestións relacionadas coa cultura do viño e a súa historia, ademais da temática gastronómica vinculada con ela. Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios do director das Xornadas, Xavier Castro, iranse entreverando coa degustación dos viños da bitola Entre os rios: unha pequena adega artesá (e casa de turismo rural, de engádega) situada na Pobra do Caramiñal (IXP do Barbanza-Iria) que ten como buque insinia un galardoado albariño sobre lias Altares de Postmarcos. Elabora, ademais, un branco multivarietal de probada calidade, Casal do Monte, e un moi digno tinto mencía Pintadoiro. Serviranse tamén petiscos de queixo de Arzúa-Ulloa e friames de porco celta, apoiados en pan de Cea, que a todo isto dá dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do CEGAC, media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). Todo o cal estará entrefebrado coa intervención do adegueiro invitado e os comentarios e as preguntas dos asistentes e, así mesmo, con momentos de goce demorado do viño. Proxectaranse tamén documentais e haberá interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo coa artista que protagoniza esta sesión. Previsiblemente, algunha das cancións propiciará a práctica do canto coral por parte dos asistentes. (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario