viernes, 24 de mayo de 2013

Xornadas Viño Cultura Galega: J. CAMBA / Caf. CEGAC (Santiago) Martes, 28, ás 20 h.

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 3ª Sesión: JULIO CAMBA Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC). Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5. Santiago de Compostela. Data: Martes, 28 de Maio, ás 20 horas. Adega invitada: ALECRÍN (D. O. Ribeiro) PRESENTACIÓN: A terceira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra do escritor Julio Camba, nado nunha terra fértil en creadores, Vilanova de Arousa, cando corría o ano 1882. Desempeñouse como corresponsal de prensa en varias capitais extranxeiras, cultivando con extraordinario talento a crónica e a literatura xornalística. Pergueñou os seus artigos cun inconfundible estilo cuns celebrados rasgos de ironía e humor intelixente, que induciu a Ortega y Gasset, pensador pouco inclinado a eloxiar os merecementos dos demais intelectuais, a consideralo como “la más pura y elegante inteligencia de España”. Os comentarios do condutor do acto, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que o escritor de Vilanova fai á cultura do viño e a gastronomía, nomeadamente no seu libro La casa de Lúculo. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños do Ribeiro, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Camba, mesturado todo coa audición de cancións (ilustradas con vídeos) representativas da época en que desenvolveu a obra este magnífico escritor, primordialmente a dos cabarets e cafés cantantes, nos que regocixaban ao público as cupletistas de moda. Ás tertulias destes cafés foi asiduo este escritor e conversador infatigable que se instalou nunha habitación sinxela do hotel Palace, en graza da amizade, por carecer de domicilio propio, e que rexeitou a proposta de incorporación á Real Academia Española, aducindo, con retranqueira modestia, que aquelo non podía ser posto que o que se lle ofrecía era un sillón cando o que el necesitaba era un piso. Nesta ocasión poderemos apreciar os honestos viños da Adega Alecrín, (D. O. Ribeiro) que promove a familia Giráldez. Presentará dous caldos de feitío artesán e elaboración natural: un branco, elaborado coas nobres castes autóctonas treixadura e albariño, e un tinto multivarietal que mesura as uvas mencía, caíño tinto, brancellao e sousón. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC), en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo da entrada: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

No hay comentarios:

Publicar un comentario