Xornadas de Cinema, Viño e Cultura (VIGO)
3ª Sesión: LISBOA, a ville blanche. FERNANDO
PESSOA. FILME: sostiene pereira
VITRUVIA CAFÉ
UN ÁMBITO PARA
A CULTURA E O GOCE DO VIÑO
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: VITRUVIA
CAFÉ (Praza de
Compostela, 5. Vigo)
Data:
Mércores, 22 de Xuño, de 20’30 a 22’30 horas.
Adega: RAMÓN DO CASAR (D.O. Ribeiro)
(Intervirán o
adegueiro: Javier González e o enólogo Pablo Estévez)
PRESENTACIÓN
Deste
xeito, na 3ª sesión das Xornadas
de Cinema, Viño e Cultura, adentrarémonos no ambiente cultural da cidade de Lisboa, por cuxas rúas deambulaba Fernando Pessoa, como un dandi con aires de flâner baudelairiano recalando nos cafés
da Baixa e o Chiado (en cuxos
locais estivo tan presente a emigración galega), como A Brazileira, nunha época de desasosego como foi a
primeira metade do século XX. Sentirémonos, sen dúbida, animados pola cálida
compaña de Marcello Mastroianni no filme Sostiene
Pereira (dirixida por Roberto
Faenza, no ano 1996), cun guión baseado na novela dun grande amador de Lisboa:
Antonio Tabucci. Seguiremos, así,
o itinerario lisboeta marcado por Alain Tanner no filme Dans la Ville Blanche (1983) e non sería de estrañar que
bateramos con algún dos heterónimos pessoanos convertido en personaxe, como lle
aconteceu a Saramago con Ricardo Reis.
O fado
de Amália Rodrigues e senlleiras cancións portuguesas, como a que marcou a
revolución dos cravos, Grândola, Vila Morena, de José
(Zeca) Afonso, proporcionarannos a atmosfera emotiva na que rebuliron nos anos
trinta, o galeguista Ramón
Martínez López, o polígrafo Gómez de la Serna, o xornalista Julio Camba e, tras
do estalido da guerra civil, o filósofo José Ortega y Gasset.
Evocaremos
as tabernas emprazadas nos cais da desembocadura do Tejo, onde se falou nun tempo
de Teixeira de Pascoaes e a filosofía do saudosismo
portugués, divulgada polo
grupo Renascença na
publicación bimensual A Águia, que Vicente Risco tivo por
irmá da revista Nós. Os
ecos desta teoría suscitaron o interese dun sector da intelectualidade galega,
no que velaban armas Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, resoltos a
indagar na esencia da identidade galega, expresada quer nun humor peculiar, ou
quer nunha saudade característica, consideradas ámbalas dúas temáticas dende un
prisma heideggeriano.
Deste
xeito, os comentarios do condutor da sesión, Xavier
Castro, darán conta dos
gustos predominantes en materia de viños e outras bebidas e das claves
esenciais dos devanditos creadores. Como contrapunto, escoitaranse en boa hora
as achegas do adegueiro ao fronte de Ramón
do Casar (O Ribeiro) Javier González e tamén do enólogo Pablo Estévez, que presentarán os viños que se
cataran nesta ocasión, xa que o asisado neste evento é mollar cumpridamente a
palabra. A devandita adega do Ribeiro foi merecedora de importantes recoñecementos
pola calidade dos seus viños e representa a plasmación do soño dun
emigrante en América. Presentará os seus dous viños
senlleiros: Ramón do Casar, un branco que
incorpora tres variedades nobres: treixadura, godello e albariño, e Ramón do Casar Treixadura que xa revela na súa denominación a
videira patricia da que procede o seu mosto.
Agora
ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen
a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse
excelentes gastropetiscos aos que da dereito a inscrición que se efectuará na
propio Café Vitruvia.
(Prezo: 12 euros)
LUGAR DE REALIZACIÓN
Vitruvia Café (Praza de Compostela, 5. Vigo)
DATA:
22 de
Xuño, Mércores.
HORARIO
20’30 a 22’30 horas.
PREZO:
-12 euros (con dereito a varios viños e gastropetiscos).
-Pódese adquirir a entrada en Vitruvia Café (Praza
de Compostela, 5. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben
media hora antes da celebración da sesión. Recoméndase efectuar reserva: info@vitruviacafe.com / 680 203 587.
Para máis Información:
Xavier Castro: Especialista
na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do
autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar
de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
No hay comentarios:
Publicar un comentario