viernes, 5 de junio de 2009

ESCRITORES E PINTORES

Referíame na anterior entrega ó éxito económico insólito que obtivo nas letras hispanas Blasco Ibáñez. O escritor húngaro Sándor Márai, que o coñeceu en París, na década dos vinte, apunta en Confesiones de un burgués que Vicente Blasco era un escritor simpático, moi admirado polos exiliados españoles capitaneados por Unamuno, todos en conflicto co réxime de Primo de Rivera, pero comercial e sen interese, autor de novelas “decorativas” e “mediocres”, segundo as súas exactas palabras. Polo 1913, Blasco lle aseguraba a Pío Baroja, no café a Closerie des Lilas, que: “-Que digan que yo soy un autor bueno o malo me tiene sin cuidado. Lo que es evidente es que soy el escritor mundial que gana más dinero de la época”.
Baroja, pola contra, era consciente de que non tivera éxito na carreira literaria. Confesa isto nas súas memorias: “Yo he vivido una vida modesta, oscura, sin un momento de suerte o de ilusión. (…) Si he conseguido algún pequeño éxito en literatura ha sido a destiempo y casi más bien fuera de España que en España. Con escasos medios, sin protección y sin conocimientos de personas influyentes, he llegado a la vejez y a la vejez de artrítico”. Recoñecíalle don Pío ao pintor Darío de Regoyos que: “El oficio de escritor es una de las profesiones más miserables en España”. E como queira que Regoyos teimara en convencelo da importancia que revestía o oficio de escritor, retrucou o cascarrabias creador de Aviraneta: “-Pero que importancia, ni qué nada, si no se gana con esto dos reales? La literatura es para países ricos”.
-Baroja aceptaba a súa sorte de aparente fracasado. –Vostede nunca chegará a nada na vida, dixéralle un profesor de seu cando era un rapaz. E así, foi, recoñecía, non cheguei a ser nada. Pero, dende logo, foi moi auténtico como creador. Apunta nas súas memorias que o pintor Sorolla –a quen podemos ver cumpridamente nestes días no Museo del Prado- dixéralle un día: “-Esta pintura que hago yo me ha hecho rico, y si ahora sintiera veleidades de evolucionar, no evolucionaría”. Ambos opinaban que a principal posibilidade da pintura moderna era o impresionismo, pero a Baroja lle parecía que Sorolla desviaba o impresionismo para facelo máis comercial, diríamos tamén que máis complacente, adoptando unha posición moi pragmática. Sostiña don Pío que tal actitude era mostra de non ter unha afección completa e plena ao oficio de pintor. Era isto unha inconsecuencia como artista de verdade. Por contraste, el revelaba cal era a súa posición aberta á libre evolución, que mantiña aínda que comportara a renuncia ao triunfo económico: “Yo, que he ganado muy poco con mis libros, que he tenido siempre una situación pobre, si viera la posibilidad de hacer una literatura que me dejara completamente satisfecho y me pareciera superior a la que he podido hacer, la haría solo para contentarme a mí mismo, y más teniendo ya una fortuna. Lo haría todo, menos sacificar la salud y la vida”. Alude nesta última frase tal vez a Proust, quen perxudicou seriamente a súa saúde nos últimos anos da súa vida, recluído nunha habitación acorchada e respinrando ecezosamente con dificultade, pois era asmático, no empeño de realizar unha magna obra de arte, cal foi a Recherche. E curiosamente, Sorolla, que conseguira moitos cartos cos seus cadros, fermosos, pero escasamente ousados no que fai a audacia creativa, era –a xuizo de Baroja- un roñoso.
(Versión ampliada do artigo publicado en Galicia Hoxe, 05/06/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario