lunes, 30 de noviembre de 2009

Ao Pé do Lar

A institución familiar, de tipo troncal, “extensa”, composta polo núcleo doméstico e os parentes que formaban dúas ou tres xeracións e algún parente acollido co requisito de permanecer solteiro, operaba no campo como una unidade de produción e consumo: a “compañía familiar galega”, na que todos os seus integrantes traballaban para a casa. Gobernábaa con rexa autoridade o petrucio e, ó finar, transmitíalla ó fillo varón primoxénito: o vinculeiro. Ata a década de 1960 a familia tradicional conservou en boa parte a súa facies antiga. O “vosté” que os fillos utilizaban para falaren cos pais era a expresión “dun respeto sentido e o recoñecemento dunha autoridade e dunha xerarquía que se mantén con amor e tamén con serveridade se o caso chega” (F. López Cuevillas).
A familia desenvolvía boa parte da súa existencia na cociña, arredor da lareira. A cociña labrega tiña o chan de terra e adoitaba ser ampla e estar moi afumada, de maneira que ao entrar nela había que afrontar “as iras dun fume denso, que pugna por sair polos recantos dun tellado mal unido” (Picadillo). A cociña era a peza central da casa. Perto da lareira se encontra o horno e debaixo da única fiestra existente se empraza o vertedeiro de granito. Hai ademais moblaxe de madeira: alzadeiro, chineiro, lacena, espeteira, mesa (as veces de encartar) e algún escano.
Nas lareiras, a cociñeira tiña que estar pendente da forza do lume, pois en canto a auga fervía no pote podíase derramar fora e apagar o lume. E, se era de fritir, cando as lapas subían moito, prendían dentro, e se incendiaba o aceite na tixola.
Nas casas labregas non se deixaron de utilizar as vellas lareiras, que non foron substituídas por completo polas novas de ferro, así como tampouco estas foron reemprazadas polas de gas butano. Seguíronse a empregar as de ferro, ¡e mesmo as lareiras!). En efecto, nos fogares campesiños non se podía prescindir da lareira ó ter que elaborar a encaldada para os porcos e as vacas. A lareira cumpría ademais un papel insubstituíble para a conservación dos alimentos nunha época en que non existían a penas os aparellos de refrixeración doméstica: o frigorífico e arcón conxelador. Resultaba irremprazable para curar mediante o fume os chourizos e demais embutidos que se penduraban sobre ela. E servía tamén para secar as castañas. Polo demais, o fogo que ardía na lareira aproveitábase para unha gran diversidade de usos, tanto utilitarios, como culturais. O máis evidente era o de dar luz, alumear a cociña, complementando as febles candeas no tempo no que aínda non había electricidade. Podía servir para endurecer a madeira dos instrumentos de labor. A lareira continuou desempeñando ademais un privilexiado papel como espacio de sociabilidade, pois, a carón dela, convocados polo seu calor e engado, xuntábanse nas prolongadas veladas nocturnas todos os membros da familia, e algún veciño ocasional, para parolar, contar contos e sucedidos. Era o insubstituíble ámbito de calidez do fogar que operaba como centro de gravitación da convivencia familiar.
(Publicado en Galicia Hoxe, 27/09/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario