lunes, 23 de noviembre de 2009

A Procura do Pan

O home -dicía Cunqueiro- é unha débil herba que soña. Para sobrevivir o ser humano non só hase de alimentar con pan senón tamén con soños. Pero os soños, soños son, e mal que nos pese, non é posible esquecer a procura do pan, como ben se decatou o anarquista ruso Piotr Kropotkin (1842-1921) quen refire en ‘Memorias de un revolucionario’, o impacto que lle producíu constatar con pesadume a miseria que imperaba ao seu arredor e a dificultade que a maioría tiña para poder levar a boca un triste bocado de pan. O malestar que isto lle provocou inducíuno a preconizar unha utópica revolta que acabara coa inxustiza e a miseria, o cal puxo por escrito en ‘La conquista del pan’.
Non admite dúbida ningunha que a carencia de pan (polo xeral, das modestas especies de centeo, avea e cebada, xa que a de trigo estaba só ao alcance dunha exigua minoría) ten sido o móvil de innumerables levantamentos populares. Tal fixo o pobo do París no tempo da revolución, levado pola exasperación, singularmente cando a raíña Maria Teresa revelou todo o desprezo que sentía por él; divulgouse, en efecto, que ao ser infomada da indicada penuria respostara, con manifesto desprezo: -“Pois, se non teñen pan que coman bolos de leite (‘brioches’)”.
Hoxendía, co progreso económico, nas cidades o problema é outro: como conseguir un pan natural. O bo pan non debe ter pretensións de ‘patisserie’, nin buscar o marbete dun prestixio espurio que supostamente lle achega a súa transacción nunha ‘boutique’ do pan, unha forma de moderna pedantería como calquera outra. A solución é, en certo modo horaciana: dar cunha peza sinxela, modesta e paisana; obter “el pan que no sabe su masa buena”, como daba en dicir o poeta Agustín García Calvo. Coma o pan de Cea ou o antigo molete de Compostela.
Dende o prisma da historia convén tomar en consideración que o pan era indispensable para a realización do sacramento da consagración, que tiña lugar na misa.
Semella evidente que a dieta básica do home medieval estaba composta polo binomio pan-viño. Pan de centeo para os campesiños e pan branco de trigo para os nobres e monxes.Como sinala José Andrade, se nos atemos aos contratos agrícolas, en especial aos foros, parece obvio que o cereal máis cultivado na maior parte dos territorios da Galicia medieval, era o centeo. As rendas forais de varios mosteiros confírmano. As mencións ao centeo na devandita documentación son tres veces superiores ás dos restantes cereais.O trigo iría nun segundo lugar e non en todas partes, xa que as condicións climáticas e edafolóxicas de boa parte de Galicia non resultan favorables para o cultivo deste apreciado cereal. Tamén se recorría a outros cereais panificables, como a cebada, a avea, o paínzo (millo miudo), etc. Así as cousas, todo fai pensar que o pan maioritario nas mesas da Galicia do medioevo era de centeo, moi frecuentemente de mestura dos diversos cereais dispoñibles, moi raramente só de trigo. O pan de millo tivo que agardar ao mencer da época barroca.
(Publicado en Galicia Hoxe, 13/11/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario