lunes, 14 de junio de 2010

Atribulada Historia da Pataca (II)

Os campesiños das terras interiores resolvéronse a cultivar a pataca de maneira xeneralizada tras da década dos setenta do século XVIII, probablemente acuciados pola fame que os aflixiu a raíz da crise de subsistencias de 1768-1770. A maior abundamento, no ano 1798, a pataca, denominada tamén a “bella americana”, constituía un alimento habitual en numerosas comarcas do interior e, xa a comezos do século XIX, desempeñou un papel de crecente importacia na alimentación, nomeadamente da provincia de Lugo e tamén das montañas setentrionais.

Pero este proceso non foi un camiño de rosas. Nun principio poucos aldeáns tiñan o menor afán de comela e empregábana preferentemente como forraxe para o gando. Agora ben, tras superar o noxo que lles inspiraba ao comezo, decidíronse a sementala con gran profusión e atrevéronse a incorporala de maneira plena a súa dieta. Deste xeito, a difusión desta planta americana polo interior de Galicia fixo posible unha sensible mellora da alimentación labrega, xa que deixou de depender tanto da colleita de centeo. Este feito constituíu un dos factores primordiais do notable crecemento da poboación que experimentou esta zona -nomeadamente as terras lucenses-, a partir do último cuarto do século XVIII. En consecuencia, na Galicia interior a pataca desempeñou un papel conspicuo na alimentación, nomeadamente no transcurso da segunda metade da centuria ilustrada cando se conseguiu obter unha segunda colleita de castañas de Indias mercé ao emprego do abonado intensivo. Pola contra, os campesiños da costa tardaron máis tempo en superar os prexuízos contra o tubérculo, por resultarlles desagradable o seu aspecto terroso, e por encontrar sospeitoso que medraran no desacougante submundo telúrico, coma se dalgunha maneira fose no Averno onde se xestara.

Para entender isto convén ter en conta que moitos pensaban daquela, dacordo co imaxinario da época, que os froitos nobres non medraban debaixo da terra, senón a plena luz do sol, e mesmo consideraban que canto máis altura chegaran a alcanzar máis celestiais resultaban. Neste senso, a denominación que recibe a pataca en francés –a lingua, por certo, do agrónomo Parmentier- ilustra con claridade estas connotación semánticas: a pomme de terre situábase en contraposición á pomme du ciel. Tamén constituíu un atranco o feito de ter un gusto máis amargo que as variedades que se impuxeron despois, froito dunha selección de especies (por certo que os emigrantes en América achegaron ó retornaren moitas variedades novas, nomeadamente nas primeiras décadas do século XX). E aínda se poden consignar outros factores que prexudicaron a reputación das patacas: o almacenamento deficiente, unha culinaria pouco desenvolta, caracterizada por unha condimentación escasamente coidada, e, ao cabo, algúns rumores que correron sobre certas doenzas misteriosas asociadas ao tubérculo (un movemento psicosocial de certo pánico, a xeito dunha versión reducida do Grand peur que se difundiu entre o campesiñado durante a revolución francesa). Deste xeito, aínda a mediados do século XIX, moitos non superaran a repulsión que lles inspiraba, e conseguintemente cultivábana pouco, en particular en determinadas parroquias da Galicia costeira.

(Publicado en Galicia Hoxe, maio 2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario