domingo, 19 de septiembre de 2010

Servir era o pan do demo

A historia tamén se escribe en minúsculas. Unha das mellores descricións da situación dos criados de servir ofrécea Valle-Inclán en Flor de Santidad, nomeadamente nunha escena na que alude a un “mercado de sirvientes” que se celebraba na vila. Coas luces do mencer, nun ambiente de friaxe, unha vella co mantelo botado por riba da cabeza, e encorvada probablemente por ter levado pesos na cabeza durante moitos anos, camiñaba por un sendeiro levando da man a un neto pequeno, de nove anos, que ía chorando baixiño. A muller íao instruíndo para o desempeño do oficio: -“Agora que comienzas a ganarlo has de ser humildoso, que es ley de Dios”. Recordáballe tamén que tiña que rezar por todo aquel que lle fixera ben e pola alma dos difuntos. E non esquecía tampouco as recomendacións prácticas: -“Para caminar por las veredas has de descalzarte los zuecos”, para que así lle durasen máis; e para cando encontrase amo ao que servir: -“En la feria de San Gundián, si logras reunir para ello, has de comprarte una capa de juncos, que las lluvias son muchas”. Na soedade do camiño, o neno choraba mainamente e tremaba coa friaxe, pois ía vestido cuns farrapos que apenas resgardaban o seu corpiño, e a todo dicía que sí, nunha salmodia que semellaba un voto de humildade, de resignación e de pobreza feito ao comezar a vida laboral.

Andando por aquel vello camiño de sementeiras e vendimas, toparon cun Señor Arcipreste, montado nunha égoa de andadura mansa e doutoral, e saudárono cun –“¡Santos e bos días nos dea Deus!”. O abade pregúntalles se ían para a feira, e a vella respóndelle que os pobres non teñen cousa ningunha que facer nunha feira. Se ían para a vila era porque andaban a procura dun amo para o rapaz. O clérigo inquire daquela polo que máis lle importaba: –“¿Sabe la doctrina?”, ao que a muller retruca: -“Sabe, sí, señor. La pobreza no quita el ser cristiano”. Por aquela beira andaba tamén unha moza na procura de servir. A vella apercíbea de que os amos non se encontran polos camiños, “Así tópanse solamente moras en los zarzales”, polo que debía ir con ela para o mercado de serventes que había na vila, onde podería encontrar amo, “aun cuando solamente sea por el yantar”. A rapaza retruca que tan só polo xantar servira ela na venta onde traballara. O Arcipreste bótalles a súa bendición e antes de afastarse avivecendo o paso da cabalgadura dirixe unha recomendación á rapaza: -¡Válate Dios! Pues hay que sacarse de correr por los caminos”. Ao chegar á vila, os tres se instalan a beira dun pazo, coidando de gardar a compostura, na compaña de mozas saudosas das casas que deixaran na montaña e rapaces homildosos coa “guedeja trasquilada sobre la frente como los siervos antiguos”, probablemente por mor do drástico corte de pelo que adoitaban facer moitas nais, consistente en poñerlles os fillos unha cunca na cabeza e cortar polo sano todo o pelo que rebordara. Polo medio da rúa, un cego de monteira parda e picarescos dicires batía as lousas co cueto ferrado do seu pau, e deixaba ver pola abertura da alforxa as loiras espigas de millo que recollera de esmola ao seu paso polas aldeas.

(Publicado en Galicia Hoxe, 03/09/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario