domingo, 19 de septiembre de 2010

Vendimas, Cantigas e Troulas

Na comarca do Ribeiro, no primeiro terzo do século XX -segundo a evocación de Otero Pedrayo en A Lagarada-, sentíase "polo aire o balbordo das vendimas que enchen o val". Percibíase unha grande animación, como revelan estes versos de Eladio Rodríguez: "Arde en bulla o Ribeiro; / ferven os eidos todos á cachón / n"un rebumbiar trunfante i-algueireiro; / énchese o val enteiro / de alegre animación". Reinaba, en efecto, unha ilusionada inquedanza e unha inconfundible atmosfera de ledicia envolvía os campos pintados coa verde dozura dos viñedos.

O farmacéutico Buenaventura Castellet, no seu tratado de Enología española, salientaba, deste xeito: "(...) la animación y alegría generales que se manifiestan en los distritos vitivinícolas cuando la recolección de las uvas". Acadaban primacía na vendima os sentimentos expansivos, de ledicia e xúbilo; os aturuxos, as súas manifestacións máis impetuosas, desatábanse ás veces: "Estoupan os viñedos / en risas e aturuxos á montós, / porque os vindimadores andan ledos, / pensando nos enredos / das súas diversiós".

En Barbantes, ó rematar a recollida da uva, botaban os vendimadores un aturuxo atronador que se escoitaba na parroquia veciña; berro no que se entreveraban a ledicia coa runfadela que producía o feito de ter dado cabo á laboura... antes que os outros, pois convén precisar que se adoitaba establecer competencia coa aldea veciña ou a parroquia próxima: tratábase de ver quen remataba máis axiña a tarefa e lograba poñer a salvo o seu mosto.

A realización de cantos e danzas era algo inherente á cultura laboral tradicional. Emilia Pardo Bazán constataba que: "al júbilo de los vendimiadores respondía como un eco el de los huéspedes, venidos para la ocasión a la casa señorial". Eran sobre todo os mozos os que se amosaban solitamente máis xubilosos, como o testemuñan uns versos de Eladio Rodríguez: "Pol-as viñas adiante, / soltos en barralleira libertá, / corren formando xolda baduante / os cantos da troulante / e baril mocedá". Outra cousa non se podía admitir. Otero Pedrayo mostra nunha das súas obras como o coro das vendimadoras se laiaba diante do "señor amo" da escasa xovialidade dos mozos; dicíanlle que os bacelos renderan ben, "Mais pra outro ano, se Dios quer, tennos que mandar mozos máis algareiros. O que é ten us fillos máis tristes có cantar do abade nos responsorios". As rapazas cantaban e pedían que os mozos cantaran con elas. Pero convén facer unha salvidade en relación co canto feminino nas vendimas, pois non todo era espontaneidade. Hai que lembrar que nalgúns casos os patróns facían cantar ás xornaleiras mentres vendimaban para que non puidesen comer demasiadas uvas.

A ledicia era moita, pero o rigor no desenvolvemento da vendima non era infortunadamente tanto. El Avia, semanario de Ribadavia, sinalaba en 1887 que as vendimas se facían defectuosamente, por mor da "estúpida avaricia". Constataba a despreocupación por facela ben para conseguir un viño do calidade, e censuraba que por veces se aproveitaran os acios aínda verdes e apodrecidos.

(Publicado en Galicia Hoxe, 10/09/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario