viernes, 17 de diciembre de 2010

Lorca e o Viño

A nai de Federico García Lorca, Vicenta Lorca, viviu un tempo en Granada, nun modesto colexio de monxas, na súa maioría francesas, onde non lle gustou nada o ambiente. Era unha nena delicada e nunca esqueceu que a obrigaron a comer lentellas, prato que destestaba. Federico tivo sorte, pois a súa nai, debido a aquela experiencia, mostrouse sempre indulxente -polo menos nisto, non tanto noutras cuestións- cos antollos dos seus fillos no que concernía á alimentación. A comida, desde logo, gustáballe a Lorca, e non perdía ocasión para comer cos seus amigos fóra de casa. Era un lambeteiro de marca maior: encantábanlle os doces caseiros, que preparaban en Granada. En Bos Aires, adoitaba facer algún alto no seu traballo creativo para ateigarse de pasteis nas deliciosas confiterías porteñas.

Lorca fumaba e tiraba as cabichas ao chan coa desenvoltura con que outrora facíase este tipo de cousas, moi pouco cívicas. E non se limitaba a facer isto na rúa. O propio poeta referiu que, na época en que viviu na Residencia de Estudantes, o seu direutor, o institucionista Jiménez Frauz -home hixiénico e de acrisolados civismo, como bo institucionista-, veu como guindaba unha cabicha ao chan no corredor, nunha época na que se facían estas cousas nas casas, e aínda outras de parecido xeito, como chuspir contra chan ou ás paredes. Co seu exquisito tacto, o direutor, sen dicir un chío, a modo de calado reproche recollera a cabicha e botáraa nun cinceiro, mentres o poeta se sentira moi avergoñado. Cando se produciu a tráxica morte do poeta, que foi executado dunha maneira completamente irregular, e segundo afirma o seu biógrafo máis solvente, Ian Gibson, sendo previamente torturado, levaba tabaco consigo. Quen o mataron roubáronlle o paquete de cigarros Luky que levaba no peto do pantalón.

Lorca fixo moita vida de café. En Granada frecuentou moito a tertulia literaria que se xuntaba nun recuncho (“Rinconcillo”) do Café Alameda, cuxos integrantes se autodenominaban os “rinconcillistas” . Tamén se deixaba caer algunhas veces por ‘El Polinario’, taberna próxima á Alhambra que adoitaban frecuentar artistas e poetas. No Madrid dos seus primeiros anos de vida na capital facía faladoiro con algúns dos seus amigos granadinos, entre os que salientaba Melchor Fernández Almagro, no ‘Café Gijón’. Refería Isabel, a irmá de Federico, que éste adoitaba traballar na casa familar de Granada polas tardes e as noites. Sobre as tres e media ou catro da tarde subía ao seu cuarto co seu café “iluminado”, o que significaba que levaba algo máis que pingas de augardente e alí permanecía lendo ou escribindo ata case a hora para cear. Despois íase ao café Alameda a charlar cos seus amigos, regresando ás dúas ou tres da madrugada. Amigo da esmorga e noitarego empedernido, sempre estaba disposto a tomarse unhas copas cos seus amigos e admiradores. Sentía predilección polo coñac e máis polo whiski. O viño está presente na obra de Lorca, o que resulta case inevitable dada a súa inspiración na cultura popular de Andalucía, na que os mostos, finos e xenerosos desempeñaban un papel moi notable. Pero ademais a el gustáballe persoalmente o viño.

(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 17/12/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario