domingo, 5 de diciembre de 2010

Viño e Poesía

Teño para min que á pluma Ramón Cabanillas débese o poema máis fermoso escrito en lingua galega en loanza do viño. O vate de Cambados non enxalza o viño en xeral, senón un en particular, como deixa moi claro no mesmo título da composición: “Diante dunha cunca de viño espadeiro”; un caldo moi popular e acreditado a comezos do século XX, cando Cabanillas da ao prelo Da terra asoballada (1917), e hoxendía cunha presenza minúscula no panorama vitivinícola de Galicia. Na composición alúdese ao traveso de fermosas imaxes ao creto de que gozaba o tinto espadeiro entre os antigos frades e fidalgos, que o tiñan por moi axeitado para rexas bebedelas e auxilio de compangos: “¡O espadeiro amante! ¡O viño doce! / ¡Alegría de mallas e espadelas, / compañeiro das bolas de pan quente / e as castañas asadas na lareira! / ¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron / en namorantes páxinas sinxelas / os antigos abades do mosteiro / de Xan Daval, na vila cambadesa, / aqueles priores leigos e fidalgos, / mestres na vida, na virtú e na ciencia, / que sabian --¡ouh tempos esquencidos!-- / canta-la misa, escorrenta-las meigas, / acoller e amparar orfos e pobres, / rir coas rapazas, consella-las vellas, / darlle leito e xantar ós peregrinos, / pechar por foro as portas da súa igrexa / á xusticia do Rei, cobra-los dezmos / e dispoñer vendimas e trasegas!”. Polo demais, achega Cabanillas un repertorio de imaxes plásticas moi logradas describindo as calidades do viño, nomeadamente no que fai ao seu aspecto, recendo e gusto, e así mesmo os efectos confortadores que produce en quen o bebe: “¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño, / sangue do corazón da nosa terra, /que arrecende a mazás e a rosas bravas, / quence os peitos e as almas alumea, / e sabe a bicos de mociña nova, / aldeana e triqueira! / ¡Como canta ó caír nas brancas cuncas / desde as pintadas e bicudas xerras! / ¡Como latexa e brilla ó coroalas! / ¡E como loce e ri cando as adreza, / asemellando fíos de rubises, / cun rosario de escumas sanguiñentas!”. Son tamén moi fermosas as expresións coas que o poeta enxalza a ledicia que esta caste de viño transmite ao corazón: “¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño / das noites mozas! Claridá de estrelas. / O aturuxo zoando nas quebradas...”. E con este mesmo teor remata a composición cunha alusión ao mito do celtismo, que constitúe todo un manifesto e cumple unha función de exaltación das orixes do pobo galego: “¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente / sangue do corazón da nosa terra! / ¡Acende os corazóns dos apoucados! / ¡prende lume nas almas, viño celta!”. Xa que logo, temos nesta oda de corte anocreóntico unha nota épica que vetea a composición cun feliz contraste.

É tamén moi fermoso un breve poema, da autoría Xosé María Álvarez Blázquez, consagrado a outro dos príncipes do reino dos mostos do Salnés, pero que tamén campea noutras bisbarras galegas: o albariño: “Fumos o viño albariño / fror da terra vendimada / Como quen vai de camiño / e quedamos de pousada”. Sería moi desexable que estas logradas composicións poéticas tivesen unha expresión musicalizada. Non faltan músicos no país co talento necesario para facéreno.

(Publicado en Galicia Hoxe, 03/12/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario