martes, 8 de mayo de 2018

ine, Viño, Cultura. Julio Camba. Ateneo. CGAC. Son de Arrieiro

      

XORNADAS DE CINEMA, VIÑO E CULTURA   GALEGA. 3ª SESIÓN
JULIO CAMBA. TALENTO, HUMOR E GASTRONOMÍA.  DOCUMENTAIS:
BARCELONA 1900. MADRID 1910

Colabora: Ateneo de Santiago
Condutor da Sesión: Xavier Castro
LugarCafetería do CGAC. Rúa Valle-Inclán, 2. Santiago de Compostela.
Data: Mércores, 9 de Maio, de 20 a 22 horas.
ADEGASon de Arrieiro (Leiro. D.O. Ribeiro)
Intervirá a adegueira Xulia Mar Bande.

PRESENTACIÓN

A terceira sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura Galega, realizadas en colaboración co Ateneo de Santiago, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra de Julio Camba, nado nunha terra fértil en creadores, Vilanova de Arousa, cando corría o ano 1882. Desempeñouse como corresponsal de prensa en varias capitais estranxeiras, cultivando con extraordinario talento a crónica e a literatura xornalística. Pergueñou os seus artigos cun inconfundible estilo, xalonado con celebrados rasgos de ironía e humor intelixente, que induciu a Ortega y Gasset –de ordinario pouco propenso a eloxiar os merecementos dos demais intelectuais­-, a consideralo como “la más pura y elegante inteligencia de España”.
Os comentarios do condutor do evento, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que o escritor de Vilanova fai á cultura do viño e a gastronomía, nomeadamente no seu libro La casa de Lúculo. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce hedonista dos viños do Ribeiro, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Camba. Mesturado con isto, exhibiranse documentais e videoclips musicais representativos da época na que desenvolveu a obra este magnífico escritor, primordialmente a propia dos cabarés e cafés cantantes, nos que as cupletistas de moda regocixaban ao público. Este conversador infatigable foi asiduo ás tertulias dos cafés, aos que se desprazaba dende a habitación sinxela do hotel Palace, que ocupaba en graza da amizade, por carecer de domicilio propio. De feito, rexeitou a proposta de incorporación á Real Academia Española, aducindo, con retranqueira modestia, que aquelo non podía ser posto que o que se lle ofrecía era un sillón cando o que el necesitaba era un piso.
          Para mollar cumpridamente a palabra, haberá ocasión de catar os excelentes viños, branco e tinto, elaborados ambos con castes autóctonas, da recoñecida adega de Leiro, Son de Arrieiro, que goberna con acerto unha das mulleres que están a romper a pana no mundo da viticultura, considerado tradicionalmente como un reducto masculino, Xulia Mar Bande.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pans de calidade, friames, queixo galego e un gastropetisco inspirado en Julio Camba, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará con antelación na cafetería do CGAC ou ben por mediación do Ateneo, opción reservada para os seus socios.

LUGAR DE REALIZACIÓN
Cafetería do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). Rúa Valle-Inclán, 2. Santiago de Compostela.

DATA
Mércores, 9 de Maio.

HORARIO
De 20 a 22 horas.

PREZO
-12 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
-Aforo limitado polo que é imprescindible reservar. Venda de entradas en Cafetería do CGAC (Luns pechada): cafeteriacgac@gmail.com / Teléfono: 981 546 624.

No hay comentarios:

Publicar un comentario