martes, 1 de mayo de 2018

    

Xornadas de Cinema, Viño e Cultura          Galega. 2ª Sesión: ROSALÍA DE CASTRO TRIBULACIÓNS DUNHA LITERATA.  FILME: historia de ser muller


Colabora: Ateneo de Santiago
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: Cafetería do CGAC. Rúa Valle-Inclán, 2. Santiago de Compostela.
Data: Mércores, 2 de Maio, de 20 a 22 horas.
ADEGA: PACO & LOLA (D.O. Rías Baixas)

PRESENTACIÓN

     A segunda sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura Galega, realizadas en colaboración co Ateneo de Santiago, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra de Rosalía de Castro, unha das grandes creadoras da cultura europea oitocentista. Como é ben patente, aínda gozan os seus versos de louzanía e resultan vibrantes e emotivos para os lectores do noso tempo. A súa obra ten ademais un grande interese etnolóxico e contén unha fecunda canteira de referencias aos viños e xantares de nós, que haberá que salientar. Deste xeito, os comentarios do condutor deste evento, Xavier Castro, darán conta das características esencias da súa obra literaria, moi vencellada a súa peripecia vital, e dos atrancos e discriminacións que afectaban de xeito indefectible ás mulleres escritoras para ver recoñecido o seu talento.
     As glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños e a recitación de textos senlleiros de Rosalía, intercalados con cantigas populares, poemas musicados e cancións en videoclips, nomeadamente de Amancio Prada, Luís Emilio Batallan e Luz Casal.
     Para mollar cumpridamente a palabra, haberá ocasión de catar os excelentes viños da adega Paco & Lola, unha das máis prestixiosas de Galicia (Denominación de Orixe Rías Baixas) que presentará as súas recoñecidas referencias, unha das cales denominada Follas Novas, en homaxe á poetisa galega. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pans de calidade, friames, queixo galego e un gastropetisco rosaliano (creación do chef Diego Marzoa), que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará con antelación na cafetería do CGAC ou ben por mediación do Ateneo, opción reservada para os seus socios.

LUGAR DE REALIZACIÓN
Cafetería do CGAC. Rúa Valle-Inclán, 2. Santiago de Compostela.

DATA
Mércores, 2 de Maio.

HORARIO
De 20 a 22 horas.

PREZO
-12 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
-Aforo limitado polo que é imprescindible reservar. Venda de entradas en
Cafetería do CGAC (Luns pechada): cafeteriacgac@gmail.com / Teléfono: 981 546 624.



Xavier Castro: Especialista na historia da cultura do viño e a alimentación, director de varios proxectos de investigación e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (Biblos) / E-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228 


No hay comentarios:

Publicar un comentario