jueves, 9 de julio de 2009

A Mesa dos Galegos na Gallaecia (e IV)

O escaso número de sementes encontradas, entre outros factores, semella revelar a escaseza de viño no ámbito castrexo na etapa romana. Existen lagares de viga e ánforas, xunto con representacións artísticas e signos epigráficos, que testemuñan o consumo de viño. Tomarían pois algún viño, produto máis ben escaso e moi aprezado, na maior parte importado. Semella que o empregaban en particular nos banquetes familiares con ocasión dalgunha gran celebración, como indica Estrabón. Polo demais, este xeográfo grego, que puña a súa pruma ao servizo dos conquistadores romanos, sinalaba tamén que os montañeses bebían ‘zytho’s. Isto foi interpretado adoito como cervexa elaborada a partires da fermentación da cebada, pero tamén é posible que se obtivese mendiante a utilización dalgún outro cereal; talvez ‘mijo’, ou ben trigo.
Cociñaban con manteiga e outras graxas animais. É posible que os privilexiados emrpegaran tamén aceite, nomeadamente de importación. Pódese conxecturar que algún aceite tamén se produciría nos vales abrigados das provincias de Ourense e Lugo, perto de Viana, en As Ermidas, Valeorroas, ou na bisbarra do Rosal. No actual estado da investigación, existen algúns indicios de que o cultivo da oliveira foi probablemente introducido polos romanos, pero non resultan concluíntes.
Tiñan fornos nos que facían o pan, e probablemente asados. Coa fariña elaboraban tortiñas semellantes ás filloas. Nalgunhas casas había pequenos muíños de pedra, de arredor de 40 centímetros de diámetro. Compúñanse de dúas pezas: unha inferior, cónica e fixa, denominada a meta; e outra superior, móbil, cunha perforación circular no centro para botalo gran, o catillus. Para efectuar a moenda era preciso fixar un pau ergueito no centro da peza situada debaixo. Excepcionalmente, existían nas cidades –Lugo constitúe un exemplo- muíños de maior porte tirados por animais, destinados a elaboración de fariñas a gran escala. É probable que houbese tamén muíños de auga, pois xa existían na época do Baixo Imperio, pero non están documentados en Galicia.
Existían pezas de cerámica para conservar, cociñar e consumir os alimentos. Era unha cerámica de tradición indíxena, pero nomeadamente nas casas privilexiadas aparecen novos tipos formais, como xerras e pratos, que contan cunha decoración novidosa. Gardábanse os alimentos en ánforas e ‘dolia’, ou sexa, vasillas, que podían conter viño, grao, fariña, etc. Empregaban tamén vasillas de madeira. Cociñábase en olas de barro previstas para realizar a cocción, e polo tanto resistentes ao lume. Habíaas de diferentes tamaños e dispuñan de tapas de barro ou madeira. O seu fondo plano favoreía o amplo contacto coa fonte de calor para permitir unha cocción máis rápida. Tamén resultaba posible pendurar as olas sobre o fogar para preparados máis lentos. As ola tiñan bocas moi abertas para a doada manipulación dos alimentos. Dispuñán tamén de tixolas de barro provistas de dúas asas. E cociñarían tamén moi probablemente con tixolas de metal, como o indica a aparción de restos. Porén, semella que os potes de ferro non se difundiran aínda.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 03/07/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario