viernes, 27 de mayo de 2011

Bailes de Perdición

Nos anos corenta, as autoridades relixiosas compostelás consideraban os bailes como “gravemente perversos”. Ollaban con preocupación o feito de que os alumnos das distintas Facultades organizasen té-bailes algúns sábados, no Hotel Compostela, para recaudar fondos co propósito de realizar a viaxe de fin de carreira. Outro lugar de “perdición” era o baile do paseo ‘das Palmeras’. En efecto, Xulio Fernández Pintos refire, en ‘Vida e andainas’, a existencia dun baile que se celebraba no paseo da Ferradura, semella que nos anos corenta. A tal efecto, acotábase a zona das palmeiras cunhas celosías de madeira pintadas de verde. Na época do verán facíanse dúas verbenas, amenizadas por orquestras de moda, como as composteláns de ‘Sandine’, a de ‘Carlos de Paz’ e a de ‘Pocholo’. Celebrábanse dúas actuacións: unha pola tardiña e a outra xa pola noite, na que mesmo se podía cear. O doutor Pintos afirma que os santiagueses sentíanse satisfeitos con este xeito de lecer, pero que os xesuítas “tristeiros” manobraron diante dos poderes públicos para erradicar estas celebracións que tildaban de pecaminosas. Lograron convencer ao reitor da Universidade e a outros respectables próceres da localidade, que presionaron no Concello ata que conseguiron que a supresión destes bailes. As máis perxudicadas foron as mozas -apunta Pintos-, que na compaña dos seus pais ou familiares gozaban dunhas horas ledas e tiñan a oportunidade de encontrar pretendente, o que lles resultaba indispensable para alcanzar o único destino respectable que se contemplaba daquela para ás mulleres: o matrimonio.
Mercedes Gualteria alude, pola súa banda, aos bailes que tiñan lugar no merendeiro da Ponte da Rocha, nas aforas en Santiago, animadas pola orquestra ‘Sandine’. Era preciso suspender a celebración do baile durante a Coresma, o luns e o martes do Antroido, o 29 de Octubro, “Día de los Caídos”, e o 20 de Novembro, cabodano da morte de “José Antonio ¡presente!”.
O baile eran considerado entón como un lugar pecaminoso. Contra eles dirixiu unha dura invectiva un artigo publicado cara finais da década dos corenta, na revista Insignia, órgano da xesuítica ‘Congregación Mariana Universitaria’: “El tríptico de la degradación: Trébol, guateques, té-bailes”. O severo censor moral pronunciou, entre outras críticas, a seguinte descalificación: “Nunca se vendió tanta carne por tan pocas pesetas”. Deste xeito, cando o memorialista Santiago Nogueira chegou á Facultade de Dereito encontrouse cuns carteis pegados nas portas de todas as aulas, cunha convocatoria que dicía: “Esta tarde a las seis, todos en la plaza de la Universidad para reivindicar el honor de nuestras compañeras”. A hora marcada, a praza fervía de estudantes alporizados que proferían berros contra os xesuítas. A consigna que coreaban pode ser indicadora do grado de conciencia política dos estudantes daquela, que non dubidaron en poñerse ao abeiro do dictador para efectuar a súa cabeleiresca reclamación: “Franco sí, jesuitas, no”.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 26/05/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario