lunes, 9 de mayo de 2011

Morder os Beizos. A discriminación da muller na obra de: Xulio Fernández Pintos: "Vida e andainas"

A obra de de Xulio Fernández Pintos, ‘Vida e andainas’ (Sotelo Blanco / Consorcio de Santiago), que conta por certo cun estupendo prólogo de Bieito Iglesias, reviste interese literario e ofrece ademais unha vivaz estampa da sociedade compostelá nos anos corenta-cincuenta. No que concirne ás mulleres o autor sinala que eran, en xeral, máis pobres que os homes: “tan pobres de solemnidad como as monxas máis recatadas”.
Vivían para casar e ter fillos. O doutor Pintos non ten a menor dúbida de que a sociedade compostelá era nidiamente andrárquica, a pesares de certas aparencias de poder feminino que teñen confundido a moitos: “Na casa viña ser algo así como o que agora chamamos un electrodoméstico de luxo. Eran consideradas como “pertenza do seu home”, que era o que mandaba, excepto na cociña e nos labores da casa”. O aspecto patriarcal, con reberetes autoritarios, queda claramente subliñado na evocación daquel tempo, no que: “O home era quen podía alzar a voz e pór firme a toda a familia”.
Moitos homes mallaban ás mulleres. Algúns dos máis considerados e que mesmo gozaban de sona de “santos”, facían isto poucas veces, e cando daban en facelo, nunca pasaban do indispensable. Como adoitaban dicir algunhas das maltratadas comentando coas súas amigas: “Mi marido me pega lo justo”.
A muller víase sometida, e tiña que estar calada e submisa diante o marido. Resulta moi expresivo o xeito en que o autor ilustra esta cuestión, cando sinala que non eran poucas as mulleres que se pintaban cun lapis os beizos non tanto co afán de presumir como de evitar que se lle notasen as feridas feitas a base de chantarlles os dentes centos de veces para contérense e non estalar de irritación diante das respostas ásperas, as actitudes arrogantes e as condutas machistas dos seus homes.
O home sentábase tranquilamente na mesa a hora do xantar, sen terse que erguer en ningún momento (namentres á muller non paraba) para que o serviran antes que a ninguén. Tamén levaba a mellor tallada. Falaba pouco para rematar axiña e ir tomar o café cos amigos, e se cadra botar a partida. Entrementres a muller atendía aos fillos, recollía a mesa, fregaba os pratos e tiña aínda que cavilar no que tería que pór para a cea.
Había ter a casa limpa e ben arranxada a calquera hora do día. Pero tamén é certo que o seu home tiña algún detalle, aínda que ás veces só fose para non dar que falar. Procuraba, verbigracia, non esquecer o santo da muller, ¡o santo da nai dos seus fillos!. Os agasallos que facía non adoitaban ser cousas para ela, galanos para o seu ornato e satisfacción, senón máis ben para a casa, para que a muller puidese traballar con máis comodidade. Recorrendo a súa experiencia de vida, Pintos, apunta que nunha das celebracións da onomástica da súa dona, un señor regaláralle unha moderna tixola coa que puidese facer dun xeito rápido e eficaz unhas tortillas, para cando o marido aparecese na casa a calquera hora e sen avisar, con tres ou catro amigos. E habíalles que preparar algo, ¡non quedaba outra!.
(Versión ampliada do artigo publicado en Galicia Hoxe, 06/05/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario