sábado, 2 de octubre de 2010

Servir Era o Pan do Demo (2). Xa Gaña o Pan que Come!

Convén lembrar que Valle-Inclán ofrece en ‘Flor de Santidad’, unha das máis brillantes descricións da situación dos criados de servir ofrécea en especial nunha escena na que alude a un “mercado de sirvientes” que se celebraba na vila. Por alí deambulaban fidalgos, cabalgando sobre rocíns enxaezados con sillas xinetas; pasaban vellos labradores fardados con relucentes capas de pano sedán que arrastraban polo chan, e que se cruzaban con muiñeiros esbrancuxados de fariña e tamén con tratantes que ostentaban botóns de prata no calzón de pana; e non faltaban tampouco cregos de aldea portando debaixo do brazo grandes paraugas, de cor bermella algúns deles. Os que andaban a procura de criado detíñanse a interrogar ós candidatos. Cumpríalles dar cos que foran honrados e traballadores.

O interrogatorio a que sometían aos aspirantes a criados xiraba arredor do lugar do que procedían, a idade que tiñan, as cousas que sabían facer e os amos aos que serviran antes. Pero a pregunta conspicua se refería á paga; e ao candidato convíñalle mostrarse prudente, se quería ter algunha posibilidade de resultar escollido. Vexamos dous casos tomados de ‘Flor de Santidad’: A un rapaz pregúntanlle canto pensaba gañar, e tivo a ben retrucar: -“Eso será aquello que tenga voluntad de darme. Hasta agora solamente serví por los bocados”. A outro aspirante -un mozo que tivera dous amos na vila-, preguntábanlle cánta era a soldada lle pagaban. Á cautela na resposta súmase neste caso a prudencia do contratante. Vexase se non, como recrea Valle-Inclán o diálogo entablado entre dous auténtitcos raposos:

-“¿Cuánto ganabas?

-Según. ¿Cuánto acostumbra de dar?

-Agora yo también te digo, según.

-Y dice bien. Conforme el servicio del criado, conforme ha de corresponder el amo. No es alabanza, pero si nos arreglamos, paréceme no quedará quejosos”.

-Campaba asimesmo por alí un cego, vestido cun rotoso capote de soldado, que andaba a procura dun criado porque o que tivera abríranlle a testa na romería de San Amaro e estaba que loqueaba. O rapaz aspirante ía da man da súa avoa e tremaba como un año acobardado e manso diante daquel home hosco. A man amarelenta e pedichona do cego apalpaba as costas do neno e descendía polas pernas, para cerciorarse que era de boa índole a constitución física do neno. E, moi logo, pregúntalle:

-“¿Te cansarás de caminar con las alforjas?

-No señor; estoy hecho a eso.

-Para llenarlas hay que correr muchas puertas. ¿Tú conoces bien los caminos de las aldeas?

-Donde no conozca, pregunto.

-En las romerías, cuando yo echo una copla, tú tienes que responderme con otra. ¿Sabrás?

-En deprendiendo, sí, señor”.

Este diálogo compendia todo un tratado acerca do oficio de lazarillo. Cando ambos emprenden o camiño na procura da caridade dunha casa reitoral cercana, a avoa, ollándoos afastárense, salaia, enxauga unha bágoa e comenta: -“¡Malpocado, nueve años y gana el pan que come!... ¡Alabado sea Dios!....” Esta era a exclamación de satisfación e alivio que pronunciaban antano os pais campesiños na hora en que conseguían ter, ao cabo, unha boca menos que manter: Xa gaña o pan que come!

(Publicado en Galicia Hoxe, 01/10/2010)

domingo, 19 de septiembre de 2010

Viño e Peregrinacións

As viñas se adaptan ben ós terreos pobres pero isto non impedíu que na Idade Media se plantasen tamén en vales moi ricos. Era moi habitual cultivar o viñedo nos arredores dos núcleos de poboación que dispuñan así con facilidade do viño que necesitaban para o seu consumo. A maior parte das urbes estaban rodeadas no medievo de verdadeiros arrabaldos vitícolas. As leiras, por veces moi pequenas, non pertencían unicamente aos campesiños, senón tamén a artesáns, comerciantes e empregados do concello. Posuír unha viña, por pequena que fora, outorgaba unha consideración social distinguida. A elaboración de viño estaba considerada como unha actividade nobre que, por ende, deviña lucrativa para todos cantos obtiñan unha produción que sobordaba o seu consumo, de xeito que podían despachar directamente o seu viño abrindo taberna provisoria durante un certo tempo.

Os señores, tantos leigos como eclesiásticos (nomeadamente, capítulos das catedrais e mosteiros), dispuñan por veces duns privilexios que adoitaban irritar notablemente aos viticultores pecheiros, o que de cando en cando provocaba algunhas protestas. Tratábase da prioridade no aprovisionamento, cando tiñan precisión de adquirir viño, ou ben na venda cando necesitaban dar saída a súa colleita.

Os mosteiros emprazados en localidades montañosas ou ben en comarcas onde os viñedos resultaban escasos, adoitaron facer o posible por dispoñer de viñedos en rexións vitícolas –de preferencia, naquelas nas que a calidade do viño era maior-, sen reparar en que estiveran relativamente distantes para os medios de transporte dispoñibles antano. Temos, deste xeito, constancia de que, no ano 1227, o mosteiro de Meira se beneficiou dunha doazón de 40 aranzadas de viñas plantadas na rexión de Toro. E, como é ben coñecido, os eclesiásticos de Santiago de Compostela adquiriron viñedos cultivados no Ribeiro de Avia e tamén en Ourense. Agora ben, a fórmula máis sinxela foi a de mercar o viño de boa calidade, a medida que no transcorrer do medievo se foi desenvolvendo un activo comercio entre as rexións produtoras e as consumidoras que tiñan escasos viñedos, ou carecían por completo deles.

Santiago foi un gran centro de consumo de viño. Nesta cidade levítica os eclesiásticos eran moi numerosos, e para eles dito produto resultaba preceptivo. Pero ademais, os peregrinos que chegaban a cidade santa tiñan que dispor dun mosto competente co que celebrar o bo éxito da súa viaxe e, por suposto, reparar as forzas e encher os cabazos, antes de retornar ós seus lugares de procedencia.

Os viños galegos exportábanse no século XV cara os portos situados no Cantábrico e tamén no litoral de varios países europeos. A peregrinación a Santiago potenciou este comercio de exportación. De feito, o viño galego constituía en moitas ocasións o cargamento de retorno que levaban os barcos ingleses que transportaban peregrinos a Santiago. No ano 1428, por caso, varios navíos zarparon da Coruña portando cargamentos de viño, primordialmente do Ribeiro, que oscilaban entre 60 e 230 toneis de viño, e transportaban tamén continxentes de peregrinos que xa tiveran ocasión de darlle o abrazo ao Apóstolo.

(Publicado en Galicia Hoxe, 17/09/2010)

Vendimas, Cantigas e Troulas

Na comarca do Ribeiro, no primeiro terzo do século XX -segundo a evocación de Otero Pedrayo en A Lagarada-, sentíase "polo aire o balbordo das vendimas que enchen o val". Percibíase unha grande animación, como revelan estes versos de Eladio Rodríguez: "Arde en bulla o Ribeiro; / ferven os eidos todos á cachón / n"un rebumbiar trunfante i-algueireiro; / énchese o val enteiro / de alegre animación". Reinaba, en efecto, unha ilusionada inquedanza e unha inconfundible atmosfera de ledicia envolvía os campos pintados coa verde dozura dos viñedos.

O farmacéutico Buenaventura Castellet, no seu tratado de Enología española, salientaba, deste xeito: "(...) la animación y alegría generales que se manifiestan en los distritos vitivinícolas cuando la recolección de las uvas". Acadaban primacía na vendima os sentimentos expansivos, de ledicia e xúbilo; os aturuxos, as súas manifestacións máis impetuosas, desatábanse ás veces: "Estoupan os viñedos / en risas e aturuxos á montós, / porque os vindimadores andan ledos, / pensando nos enredos / das súas diversiós".

En Barbantes, ó rematar a recollida da uva, botaban os vendimadores un aturuxo atronador que se escoitaba na parroquia veciña; berro no que se entreveraban a ledicia coa runfadela que producía o feito de ter dado cabo á laboura... antes que os outros, pois convén precisar que se adoitaba establecer competencia coa aldea veciña ou a parroquia próxima: tratábase de ver quen remataba máis axiña a tarefa e lograba poñer a salvo o seu mosto.

A realización de cantos e danzas era algo inherente á cultura laboral tradicional. Emilia Pardo Bazán constataba que: "al júbilo de los vendimiadores respondía como un eco el de los huéspedes, venidos para la ocasión a la casa señorial". Eran sobre todo os mozos os que se amosaban solitamente máis xubilosos, como o testemuñan uns versos de Eladio Rodríguez: "Pol-as viñas adiante, / soltos en barralleira libertá, / corren formando xolda baduante / os cantos da troulante / e baril mocedá". Outra cousa non se podía admitir. Otero Pedrayo mostra nunha das súas obras como o coro das vendimadoras se laiaba diante do "señor amo" da escasa xovialidade dos mozos; dicíanlle que os bacelos renderan ben, "Mais pra outro ano, se Dios quer, tennos que mandar mozos máis algareiros. O que é ten us fillos máis tristes có cantar do abade nos responsorios". As rapazas cantaban e pedían que os mozos cantaran con elas. Pero convén facer unha salvidade en relación co canto feminino nas vendimas, pois non todo era espontaneidade. Hai que lembrar que nalgúns casos os patróns facían cantar ás xornaleiras mentres vendimaban para que non puidesen comer demasiadas uvas.

A ledicia era moita, pero o rigor no desenvolvemento da vendima non era infortunadamente tanto. El Avia, semanario de Ribadavia, sinalaba en 1887 que as vendimas se facían defectuosamente, por mor da "estúpida avaricia". Constataba a despreocupación por facela ben para conseguir un viño do calidade, e censuraba que por veces se aproveitaran os acios aínda verdes e apodrecidos.

(Publicado en Galicia Hoxe, 10/09/2010)

Servir era o pan do demo

A historia tamén se escribe en minúsculas. Unha das mellores descricións da situación dos criados de servir ofrécea Valle-Inclán en Flor de Santidad, nomeadamente nunha escena na que alude a un “mercado de sirvientes” que se celebraba na vila. Coas luces do mencer, nun ambiente de friaxe, unha vella co mantelo botado por riba da cabeza, e encorvada probablemente por ter levado pesos na cabeza durante moitos anos, camiñaba por un sendeiro levando da man a un neto pequeno, de nove anos, que ía chorando baixiño. A muller íao instruíndo para o desempeño do oficio: -“Agora que comienzas a ganarlo has de ser humildoso, que es ley de Dios”. Recordáballe tamén que tiña que rezar por todo aquel que lle fixera ben e pola alma dos difuntos. E non esquecía tampouco as recomendacións prácticas: -“Para caminar por las veredas has de descalzarte los zuecos”, para que así lle durasen máis; e para cando encontrase amo ao que servir: -“En la feria de San Gundián, si logras reunir para ello, has de comprarte una capa de juncos, que las lluvias son muchas”. Na soedade do camiño, o neno choraba mainamente e tremaba coa friaxe, pois ía vestido cuns farrapos que apenas resgardaban o seu corpiño, e a todo dicía que sí, nunha salmodia que semellaba un voto de humildade, de resignación e de pobreza feito ao comezar a vida laboral.

Andando por aquel vello camiño de sementeiras e vendimas, toparon cun Señor Arcipreste, montado nunha égoa de andadura mansa e doutoral, e saudárono cun –“¡Santos e bos días nos dea Deus!”. O abade pregúntalles se ían para a feira, e a vella respóndelle que os pobres non teñen cousa ningunha que facer nunha feira. Se ían para a vila era porque andaban a procura dun amo para o rapaz. O clérigo inquire daquela polo que máis lle importaba: –“¿Sabe la doctrina?”, ao que a muller retruca: -“Sabe, sí, señor. La pobreza no quita el ser cristiano”. Por aquela beira andaba tamén unha moza na procura de servir. A vella apercíbea de que os amos non se encontran polos camiños, “Así tópanse solamente moras en los zarzales”, polo que debía ir con ela para o mercado de serventes que había na vila, onde podería encontrar amo, “aun cuando solamente sea por el yantar”. A rapaza retruca que tan só polo xantar servira ela na venta onde traballara. O Arcipreste bótalles a súa bendición e antes de afastarse avivecendo o paso da cabalgadura dirixe unha recomendación á rapaza: -¡Válate Dios! Pues hay que sacarse de correr por los caminos”. Ao chegar á vila, os tres se instalan a beira dun pazo, coidando de gardar a compostura, na compaña de mozas saudosas das casas que deixaran na montaña e rapaces homildosos coa “guedeja trasquilada sobre la frente como los siervos antiguos”, probablemente por mor do drástico corte de pelo que adoitaban facer moitas nais, consistente en poñerlles os fillos unha cunca na cabeza e cortar polo sano todo o pelo que rebordara. Polo medio da rúa, un cego de monteira parda e picarescos dicires batía as lousas co cueto ferrado do seu pau, e deixaba ver pola abertura da alforxa as loiras espigas de millo que recollera de esmola ao seu paso polas aldeas.

(Publicado en Galicia Hoxe, 03/09/2010)

sábado, 4 de septiembre de 2010

Valle-Inclán e o Viño

Valle-Inclán foi un criador extraordinariamente orixinal, moi distante do realismo costumista. Foi un renovador da literatura ao que é posible adscribir á corrente estética do Modernismo. Tamén, unha boa parte da súa obra se enmarca no expresionismo de cuño europeo, moi en auxe en ‘mitteleuropa’ nas décadas de 1920 e 1930. Kafka forma parte desta mesma tendencia. A deformación grotesca da realidade que efectúa Valle-Inclán nos seus esperpentos, persegue no fondo alumear a súa significación máis fonda. O esperpento é unha estética complexa e moi seria, a anos luz das astracanadas de Muñoz Seca. O “mellor artista que pareu Galicia”, como deixoi dito Castelao, preocupouse de teorizar a súa estética literaria en ‘Luces de Bohemia’ e tamén en ‘La lámpara maravillosa’. Outra ilustre escritora galega, Emilia Pardo Bazán, explicitou tamén as súas inquedanzas estéticas –marcada polo naturalismo- en ‘La cuestión palpitante’. Son dúas achegas sobranceiras dos galegos nun ámbito cultural como o español no que son moi escasas as reflexións intelectuais de alcance.

Agora ben, a pesares de que o escritor de Vilanova non se interesou polo costumismo, a realidade social, tanto de Galicia como doutras partes de España, e de México asimesmo, transparece inquivocamente na súa obra.

Xa Pérez de Ayala ten subliñado a visión “teatral” que reviste a literatura de Valle-Inclán, mesmo nas novelas. Con dita expresión quería significar a capacidade abraiante que tiña para evocar vividamente escenas sociais, tanto populares, como mesocráticas ou cortesás. As súas descripcións, os cadros de época que perfila –case poderíamos dicir que “pinta” coas súas palabras, tan ricas e precisas, posto que foi un verdadeiro ourive do idioma- teñen un valor inestimable para historiadores, no empeño de recrear a vida cotiá doutros tempos.

No que concirne ao terreo do alimentación, e do viño máis concretamente, as mencións son moitas, pero rara vez se detén a narrar polo miudo as bebedelas e pitanzas. Neste eido, é máis expresiva Emilia Pardo Bazán, quen por algo consagrou dous libros ás receitas gastronómicas.

Polo demais, existen testemuños que parecen probar que Valle-Inclán era austero comendo e bebendo. Practicaba mesmo o xaxún, de cando en cando. Abusaba en cambio do café e do tabaco. Pero abstemio non era de ningún xeito. E en moitos pasaxes da súa obra literaria reflicte os diferentes xeitos nos que se facía uso do viño, servindo para acompañar os momentos de gozo dos seus personaxes – cando pasa, por exemplo, de man en man a bota carreteira- e tamén para aliviar as penas ou darse azos, como en efecto facían –e seguen a facer- as persoas de carne e óso. E, por veces, en tales descripcións escancia destellos de humor –do que, por certo, tampouco carecía Kafka, a pesares da súa reputación de sombrío- que fan aínda máis amena a lectura das súas obras. Deste xeito, en ‘La marquesa Rosalinda’, escrebe o seguinte verso: “El amor casero no mata, / es como un vino cordial. / El amor a salto de mata / Es el [que sienta] fatal”. Pois, xa saben.

(Publicado en Galicia Hoxe, 27/08/2010)

martes, 24 de agosto de 2010

A Maldición dos Peregrinos

a maldición dos peregrinos

O clero practicaba a caridade e instaba os fieis ao seu exercicio, advertindo en ocasións do risco que podería correr quen negase a un peregrino “un ben de caridade”. O Códice Calixtino reitera as amoestacións neste sentido, e ilústraas con cumpridos casos nos que saen escarmentadas persoas remisas á dádiva. A estas ameazas sumábase o temor a recibir a maldición dos propios peregrinos, como plasma Valle-Inclán na súa obra ‘Flor de Santidad’: en efecto, un peregrino de poboadas barbas e greñas lacias que axitaba o vento, situado diante do portalón dunha fonda salmodiaba isto que segue: -“¡Buenas almas del señor, haced al pobre peregrino un bien de caridad!”. A correosa dona da fonda, cun sentido moi arrefriado da compaixón, despachouno sen contemplacións dicíndolle: -“¡Vaia con Dios, hermano!”. Pechou a porta atrás dela e o peregrino afastouse rosmando e batendo as pedras co cueto do seu bordón. Mais, “De pronto volvióse, y rastreando un puñado de tierra la arrojó a la venta. Erguido en medio del sendero, con la voz apasionada y sorda de los anatemos, clamó: -¡Permita Dios que una peste cierre para siempre esa casa sin caridad!” A maldición fixo o seu efecto, a partir de entón as ovellas do rabaño da dona, inexplicablemente, comezaron a morrer.

Por parte, como prevención fronte á eventual precariedade alimentaria que resultaba previsible no transcurso Camiño, ao peregrino viríalle ben dispor de certas reservas de graxa, como consecuencia de engordar mercé a unha dieta abundante. Mais non era esta unha posibilidade real para a maioría dos camiñantes, por ser na súa maioría de moi modesta condición. Os individuos sobreviven en tempos difíciles, aturando dietas hipocalóricas e aínda inxestas carenciais, desprovistas de algúns nutrintes esenciais, grazas a determinados ardides que o corpo pon espontaneamente en funcionamento. Cando o consumo é deficitario o individuo atópase con escasas forzas e aínda menos ánimos, para desenvolver unha actividade física normal. Desde logo, a fame é incompatible co sexo, posto que todo o apetito libidinal concéntrase obsesivamente no anceio de comer. A actividade física da persoa afectada polo fame devece espontaneamente. O corpo necesita aforrar enerxía e para iso debe limitar o esforzo. Agora ben, canto veño sinalando resulta, por definición, de dificil aplicación no que concierne ao fenómeno da peregrinación. En efecto, o peregrino, aínda comendo mal, ten que esforzarse en proseguir o camiño. Sabe que non debe parar. Pero tamén é certo que a mente -ou, se se quere, o espírito- pode moito en determinadas situacións nas que a motivación é forte. Existen, como diría Kafka, “artístas da fame”. De feito, os peregrinos foron historicamente capaces de desenvolver unha actividade física moi alta con dietas por veces moi exiguas. O quid da cuestión reside en tivesen ben internalizado que contaban: “coa axuda do señor Santiago”, como proclamaba con infranxible fe aquel peregrino sen par do romance medieval: -“Eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán, / se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará”.

(Publicada en Galicia Hoxe, 20/08/2010)

martes, 17 de agosto de 2010

Costume da Covada e Discriminación da Muller

O xeógrafo grego Estrabón describe a tradición da covada, relacionándoa coa herdanza materna, como un costume habitual nos pobos do Norte de España. Existen indicios históricos que testemuñan a vixencia de tal práctica en toda esta area, do xeito en que foi descrita por Estrabón ou dalgunha outra maneira, ata comezos do século XX. Na miña practica docente na Escola de Maxisterio de Ourense, tiven ocasión de constatar que algúns mestres de certa idade tiñan coñecemento de que a covada aínda se verificaba nalgunhas aldeas. Ademais, a investigación histórica puxo en evidencia que a covada era usual así mesmo en outras moitas partes de Europa.

Vexámos en que consiste. Un autor vasco do século XIX, Zamácola, apuntaba o seguinte: “Estas mujeres, apenas parían, se levantaban de la cama, mientras el marido se metía en ella con el chiquillo (…), porque era un deber de la naturaleza y una costumbre entre los bascos, que el primer sudor o abrigo que recibiera el niño fuese el de su padre, para identificarlo con los humores y espíritu de sus genitores”. Na enquisa levada a cabo polo Ateneo de Madrid, en 1901, constátase que a covada continuaba practicándose naquel momento en varias rexións peninsulares. Caro Baroja recolle un testemuño que indica expresamente que a covada consistía: “en acostarse el padre con el hijo recién nacido, y en dejarse cuidar con mimo, como si él fuera, ciertamente, quien ‘salió del cuidado’”. De engádega, inscrita na práctica da covada, ou relacionada con ela, existía o costume de que, tras o parto da súa muller, o marido fose quen se beneficiase dos alimentos con que se adoitaba obsequiar ás paridas a fin de favorecer o seu pronto restablecemento: a ola de viño, o chocolate, a galiña, etc. En efecto, en Bembibre: “El padre, durante los primeros días y para justificar su personalidad cuida la cocina y puchero, y ayuda a la mujer a comer la ‘visita’, que así se llama el obligado regalo de las amigas y vecinas que consiste en gallinas, huevos, chocolate, manteca, etc.”. Ítem máis: un informe referido aos pobos da diócese de Jaca sinalaba que neles era unicamente o pai quen comía a galiña que se fixera ferver para facer o caldo dado á nai. Caro Baroja considera que o costume da covada ben podería ter servido para subliñar a idea da participación do home, o seu papel, no acto da procreación. Opina que pode ter diversos significados, tanto podería considerarse como unha sorte de acto xurídico como dun procedemento de índole máxica. O feito de quel marido faga o mesmo que a súa muller, que simule o parto, e que se beneficie do suplemento alimentario característico do posparto, pode servir para subliñar o dereito paterno sobre o naipelo. En contra desta interpretación que podería suxerir unha impronta patriarcal da sociedade (que é a que nos nosos días goza de maior aprobación) tamén se sinalou que o home con tal representación pretendía atraer sobre a súa persoa os malos espíritos que poderían cernerse sobre a súa muller cando se achaba un un momento especialmente vulnerable. Esta eséxese militaría a prol da tese matriarcal.

(Publicado en Galicia Hoxe, 13/08/2010)