miércoles, 24 de noviembre de 2010

Cunqueiro Fala do Viño

Unha paseata pola xeografía dos viños galegos da man de Álvaro Cunqueiro resulta moi enriquecedora para mellorar a arte de falar dos viños. A súa literatura cumple tamén esta función. Apuntaba o escritor mindoniense que os viños de Lemos e Chantada, cando son brancos, semellan mazás reinetas, e cando tintos, “de la clara violeta”, sendo así que se comportan ledos, soltos e pobres. Cunqueiro gustaba moito destes tintos parvos. Coa axuda do Sil, producen Ponferrada e o Bierzo uns “agudos caldos, templados y ruidosos, con su agrillo y su espuma murmuradora”. Polo pai Miño abaixo perfílanse os ribeiros miñotos de Asma e de San Fiz, espallándose por alí as viñas de Belesar. Degustábanse competentes viños –como gostaba dicir Manuel María-, non tanto os brancos como os tintos. Cualificaba aos viños chantadinos como “moi serios”, provistos dun “corpo levián e soave”.

Polo que fai ós caldos do Barco de Valdeorras, resultan ó seu ver cabales e serios. Nomeadamente, o tinto valdeorrés semelláballe un viño ancho e severo, “con la medida de la boca cuando se está comiendo fuerte, y (…) con él calmas tu sed, con la paz y el dulzor con que una mano amiga se apoya en tu hombro”. Verbo do Amandi, refire a lenda de que resultaba caro ao emperador Augusto, e confesaba que, “Yo, cuando el bimilenario, bebí un poco, para ponerme a tono con la paz romana”. E engadía: “Un viño ilustre, sin dúbida, o de Amandi, moi cortés, recatando no “bouquet” ao comenzo, para despóis deixar que viva na boca aquel lento perfume, e vaia e veña…”. Grandes viños daban, sen dúbida ningunha, os ribeiros do Avia, que posuían unha cualidade inapreciable: daban a temperatura do home. Confiaba en que algún experto puxera de manifesto que os honrados e católicos viños do Ribeiro eran os máis aptos para o bandullo da latinidade europea. Ponderaba especialmente as excelencias do viño tostado Ribeiro, ambrosía e “madre de levitaciones”. Os viños de Ribadavia participan do aura que rodea o seu aberto e preclaro nome, de aí o seu sabor a feno, a melocotón e a outono. Cunqueiro apreciaba en gran medida os brancos que levaban máis dunha metade de treixadura. Parecíanlle os viños albos os máis axeitados para despabilar a mente. Servían para o aperitivo dos estudosos, do Padre Feixóo, ou do seu mestre, Otero Pedrayo. E ademais, “á tardiña, preparan a ialma para a contemplación das brilantes estrelas”. Confiaba don Álvaro nas virtualidades dos caldos -nomeadamente brancos- en tanto que espoleadores das capacidades creativas dos escritores. Salientábao así no caso de Shakespeare, coidando que ben puidera ser que algunhas das esceas das súas mellores pezas foran fillas de “eses lóstregos que algúns viños, lúcidos e falangueiros, abren na mente”. Prodixios que os nobres viños son quen de facer.

En Salvaterra, na bisbarra do Condado, parecíalle que era Meder quen adoitaba producir os mellores tintos, caldos tradicionalmente serios e secos. Tan estupendos viños obtiveron nombradía e galardóns porque “se abrían en la boca como las alas de un pájaro que despegase después de peteirar un racimo”.

(Publcado en Galicia Hoxe, 19/11/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario