viernes, 26 de noviembre de 2010

Cursos de Cultura do Viño. Sesión sobre Cervantes e o Viño. Lar das Meigas

CURSO 1º DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

3ª Sesión: MIGUEL DE CERVANTES

Lugar: Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago).

Data: mércores, 1 de Decembro, ás 20 horas.

Condutor da Sesión: Xavier Castro

Adega invitada: Castro de Lobarzán (D.O. Monterrei)

-Con buenos vinos pusieron en olvido todas las borrascas pasadas con el presente gaudeamus. (Cervantes: El Licenciado Vidriera.)

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

A terceira sesión do 1º Curso de Cultura do Viño, Literatura e Musica vai estar dedicada ao escritor máis ilustre das letras hispanas, Miguel de Cervantes, quen en obras tan singulares como Don Quixote e as que compoñen as Novelas Exemplares aludiu a aspectos moi relevantes da cultura do viño e a gastronomía do conxunto de España no Século de Ouro. É, ademais, moi de agradecer que Cervantes ponderara o viño de Galicia en El licenciado vidriera.

Os comentarios do director do curso, Xavier Castro (autor de A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis), darán conta das características esencias da súa obra literaria e dos seus suxestivos testemuños sobre os viños máis reputados na España daquel tempo –na que o viño tinto era o máis popular- e do peculiar xeito de bebelos e catalos. Combinaranse estas exposicións coa audición de obras musicais de século XVI e composicións clásicas inspiradas na inesquecible obra cervantina, como as de Richard Strauss, Maurice Ravel e Ernesto Halffter (ilustradas con vídeos exhibidos nunha pantalla).

Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios iranse entreverando co paladeo do viños da adega invitada para esta sesión, que estará representada por Jose Manuel Fernández Justo: Castro de Lobarzán, que elabora con excelencia viños brancos e tintos, e se encontra situada na innovadora e punxente D.O. Monterrei. Coa súa contribución temos garantido o goce duns caldos espléndidos, amistosos, acolledores e cálidos, que a bo seguro constituirían o soño de Sancho Panza, quen, incapaz de facer gala de modestia –que si sabía practicar en cambio o seu amo- gabábase de buen mojón, que era a expresión que se empregaba daquela para significar que era moi avezado na nobre arte de catar os viños.

Como apuntaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Con ámbalas dúas especies nutríronse os galegos e, consonte con isto, servirase un compango de queixo manchego e castañas, apoiado en pan candeal e moreno, cocido en forno de leña, que a todo isto da dereito a inscrición (10 €).

Ao cabo, farase así mesmo un concurso de apreciación do viño por medio da representación plástica, tomando como referencia e fonte de inspiración as obras de arte que ilustraron ao longo da historia a cultura do viño e teñen a Baco como ilustre mentor. Mais non nos despediremos deste encontro cordial sen antes invocar ao patrón desta sensible confraría de amadores do viño, a literatura e a música: San Migueliño das uvas maduras, / moito me tardas, pouco me duras.

Agardo que a sesión a todos preste, ilustre e divirta.

(Para máis información Teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122 / 609 653 228. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / franciscojavier.castro.perez@usc.es/ Páxina Web: www.lardasmeigas.com)

* * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * *

PROGRAMA XERAL DOS CURSOS DE:

CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

Lar das Meigas: Espazo para a convivialidade cordial. Un ámbito para a cultura e o goce do viño.

O propósito destes cursos consiste na realización dun achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica e tamén ós propios da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce do viño.

Estes cursos teñen unha orientación transversal, que pretende integrar a cultura do viño coa creación literaria e a musical. En cada sesión se degustaran viños de adegueiros galegos (nomeadamente artesáns, que tamén tomarán parte no acto) que polas súas propiedades garden relación coa obra (e, por veces, tamén coa vida) dun determinado escritor. Explicitarase o vencello que existe entre ambos, comentaranse os apartados da obra literaria nos que se fai mención ao viño, e mesmo se fará un recitado de poemas e fragmentos en prosa.

Os dous cursos de Cultura do Viño, Literatura e Música consistirán en sendos ciclos de cinco sesións cada un deles. O curso 1º está plantexado para os novos alumnos, en tanto que o 2º está concibido para os veteranos. De tódolos xeitos, admítese tanto a inscrición completa no primeiro dos cursos unicamente, como só no segundo, ou ben en ambos os dous, e tamén dun xeito independente nas sesións que o interesado prefira, facendo coa súa libre escolla un menú persoal que combine determinadas sesións dos dous cursos.

Este son os escritores aos que está dedicado o 1º CURSO: Charles Baudelaire, Álvaro Cunqueiro, Miguel de Cervantes, Ramón María del Valle-Inclán e Aymeric Picaud (autor da primeira guía de peregrinos, incluída no Códice Calixtino, onde alude ao viño no Camiño de Santiago).

Polo demais, os escritores aos que está dedicado o 2º CURSO son os seguintes: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Federico García Lorca, Pablo Neruda e Ernest Hemingway.

As explicacións do condutor do curso farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño, a temática gastronómica relacionada con ela (nomeadamente, as maridaxes entre o viño e a gastronomía) e estarán entrefrebadas coas intervencións dos participantes (aléntase a participación e son benvidos os comentarios e as preguntas dos alumnos) e con momentos de goce e padaleo do viño.

Haberá, asimesmo, interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo co escritor que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas de diferente xaez, como tamén jazz e música popular tradicional.

O viño reclama algún compango e, deste xeito, servíranse pinchos compostos por bos pans campesiños, de millo e centeo, amén de friames de porco celta e algún petisco de queixo (a todo isto da dereito a inscrición).

Non se exclúe que a sesión poida rematar, se o ambiente creado polas persoas asistentes o fai pertinente, cun canto coral no que participemos tod@s. O esencial é que cada sesión constitúa unha experiencia de goce da convivialidade arredor do viño –que foi decote un pracer social-, dun xeito lúdico, pracenteiro e cultural. Preténdese que resulte interesante, motivador, que induza a máis amplas lecturas e a sabios padaleos de estimables viños. Nestas sesións teórico-prácticas e lúdico-serias (ou jocoserias, que dirían os nosos devanceiros composteláns) importa moito desenvolver o espírito e difundir unha cultura da bebida acougada, de calidade e compartida.

Como complemento dos cursos prevese realizar excursións a adegas emprazadas nas rutas dos viños que se anunciaran oportunamente e terán un custe suplementario.

Fará de condutor dos cursos o amateur da cultura do viño, Xavier Castro, profesor de Hª Contemporánea na USC e autor dos libros: A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea), A rosa do viño (Galaxia) e A mesa e manteis (Biblos, Col. Mandaio; Yantares gallegos, na versión en castelán da USC).

CURSO VIÑO 1, SESIÓNS:

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

1ª Sesión (Novembro. 3 Mércores): Charles Baudelaire.

2ª Sesión (Novembro. 17 Mércores): Álvaro Cunqueiro.

3ª Sesión (Decembro. 1 Mércores): Miguel de Cervantes.

4ª Sesión (Decembro. 22 Mércores): Ramón María del Valle-Inclán.

5ª Sesión (Xaneiro. 19 Mércores): Aymeric Picaud (Códice Calixtino). Viño no Camiño de Santiago.

CURSO VIÑO 2, SESIÓNS:

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

1ª Sesión (Novembro. 9 Martes): Rosalía de Castro.

2ª Sesión (Novembro. 23 Martes): Emilia Pardo Bazán.

3ª Sesión (Decembro. 15 Mércores): Federico García Lorca.

4ª Sesión (Xaneiro. 12 Mércores): Pablo Neruda.

5ª Sesión (Xaneiro. 26 Mércores): Ernest Hemingway.

HORARIO: de 20 a 22 horas.

LUGAR DE REALIZACIÓN

As sesións terán lugar no local Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago)

INSCRICIÓN

A inscrición realizarase no local de Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. 15705 Santiago). Horario: 10’30 a 14, 16’30 a 20’30. Sábados e Domingos aberto ao medio día). Pódese efectuar tamén a matrícula cubrindo a ficha de inscrición adxunta (na páxina web) e reenviandoa a: lardasmeigas@gmail.com. Tamén é posible realizar tamén o pagamento da matrícula en Ibercaja, nº de conta: 20858265160330075713, indicando que en que curso se inscribe ou en que sesión concreta (ou sesións), e presentando logo o resgardo en Lar das Meigas, o día da actividade.

Para máis información Teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122 / 609 653 228. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / franciscojavier.castro.perez@usc.es/ Páxina Web: www.lardasmeigas.com)

Admítese a inscrición nun curso completo, en ambos os dous, ou ben en determinadas sesións concretas (que poden pertencer aos dous cursos). Recoméndase efectuar o pagamento no momento de cubrir a ficha de inscrición. Prezos: Curso Completo de 5 sesións: 45 €. 2 Cursos Completos: 90 € (neste caso o alumno recibirá unha botella de viño como agasallo). Sesións independentes: 10 € cada una delas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario