martes, 12 de abril de 2011

Café con Pingas: Hemingway en Santiago (III)

Polo regular, Hemingway erguíase moi cedo pola mañá para traballar coa mente fresca na súa obra literaria coidando moito o estilo. En certo modo seguía a pauta do intelectual que protagoniza a novela de Thomas Mann Muerte en Venecia. Se estaba a traballar nun café non era raro que tomase algunha bebida destilada. Tampouco desdeñaba gulipar algún cóctel na hora do aperitivo, se cadra no Café Español, onde os preparaban con moi xeito, segundo refire Mercedes Pintos, no seu interesante e moi recomendable libro: A lume lento. Cen anos de hostelería en Compostela; en Cuba tiña predilección polos mojitos en 'La Bodeguita del Medio' e os daïkiris na 'Floridita'. Na comida bebía frecuentemente viño, nunha dose xenerosa, ou nalgunhas ocasións cervexa, e continuaba bebendo pola tarde, que era cando despachaba a súa correspondencia redactada polo regular nun rexistro coloquial caracterizado polo ton moi espontáneo. Na cea, procuraba que non faltara na súa mesa algunha botella de viño, e aínda despois tomaba por riba algún whisky. Todos os integrantes da 'Lost Generation' eran rexos bebedores e Hemingway non foi dende logo unha excepción. De feito, acabou converténdose nun alcohólico.
Rematada a súa estadía en Santiago, no ano 1929, a parella marchou no coche con rumbo a Madrid, queixándose por ter que transitar por malas estradas e tendo ademais que aturar unha calor "que parte a cabeza". De camiño, fixeron unha parada en Sanabria e alí confesa que se emborracharan.
Nos anos 1931 e 1933, os Hemingway voltaron de novo a España e se achegaron a Galicia, pero non existen probas documentais de que estivesen en Santiago. Agora ben, a cidade do apóstolo seguiu a estar presente na súa memoria como un dos lugares que máis amaba en España, segundo consignaba nun escrito no que daba conta das cousas que máis lle gustaban, entre as que tamén figuraba a chuvia, os ríos, a pesca, as corridas de touro, toda a boa escritura e a boa pintura, os principios da revolución, os viños e os cafés. Aínda residindo na Habana, no ano 1933, a cidade do Apóstolo seguía a estar presente no corazón de Ernest Hemingway. Engaiolado como estaba con Compostela, anima nunha carta ao seu amigo John Dos Passos para que visitara a cidade na compaña da súa muller. Dicíalle que podería achegarse nun barco ata Vigo, e xa alí: "Podedes conseguir un coche barato para ir a Santiago desde Vigo". No ano 1940, Ernest instalouse en Cuba e adquriu a casa de 'Finca Vigía'. Daquela logrou escribir a súa obra mestra 'The Old Man and the Sea', que contribuíu a darlle ao escritor unha dimensión autenticamente universal. Pois ben, segundo afirma o biógrafo Edward F. Stanton, na súa obra 'Hemingway en España'1, o nome do protagonista desta novela, Santiago, non foi elixido azarosamente por Hemingway, senón por mor de ser o patronímico dunha cidade que lle semellaba máis fermosa que ningunha outra da Península.
(Publicado en El Correo Gallego, 11/04/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario