lunes, 4 de abril de 2011

HISTORIA DO CAFÉ (VIII): AMORES EN SAINT-GERMAIN-DES-PRÉS

No ámbito das relacións amorosas, a Camus e a Sartre, sendo tan distintos (tamén na maneira en que entablaban este tipo de relacións) pasáballes, porén, algo similar: cando encontraban unha muller á que respectaban intelectualmente resultaba que non lles atraía no plano erótico. Había algunhas excepcións, claro esta. Pero Simone de Beau¬voir non foi unha delas. Quizais por aquel aire de institutriz severa que tiña. Sartre acabou por non sentir a menor atracción física por ela. Camus, pola súa banda, temía que fose unha prosma e leriante na cama.
Simone quixo seducir a Camus, pero este tras algunhas vacilacións e flirteos, repregouse (a diferenza de Koestler que caeu nos seus brazos). Lembremos un episodio memorable acontecido na etapa en que Sartre daba conferencias nos Estados Unidos, onde estivo dende mediados de decembro de 1945 ata o mes de marzo do ano seguinte. Unha noite, Simone, que se sentía moi atraída como indicamos polo galán Camus, ceou a soas con el na cervexaría Lipp, e despois foron ao bar de Pont-Royal, situada moi preto da editorial Gallimard, onde Albert tiña o seu despacho, e permaneceron alí ata a hora do peche. Acordaron logo mercar unha botella de champaña para bebela xuntos no hotel Louisiane, onde se aloxaba Simone, segundo refire ela nas súas memorias (La force des choses). Aínda que ela era consciente de que Camus non a trataba exactamente igual que a un home, valoraba a súa capacidade intelectual e fíxolle confidencias e mesmo condescendeu a lerlle algún pasaxe do seu diario. Faloulle dos seus problemas persoais e das súas inquedanzas como escritor: a pesares do éxito e o recoñecemento que xa obtivera, non se sentía satisfeito, e estaba obsesionado con escribir unha obra que considerase de auténtico valor. E isto facíao sufrir.
Simone era moi sagaz e e percibiu con claridade que en Camus existía "un abismo más profundo que en algunos otros entre su vida y su obra". Cando saían xuntos, bebían, charlaban e rían ata altas horas da madrugada; semelláballe gracioso, cínico, "un poco canalla y muy pillo"; expresaba os seus sentimentos (con ela) e era capaz de dar renda solta aos seus impulsos. Podía sentarse na neve, as dúas da mañá e poñerse a meditar sobre o amor (Camus adoitaba ser moi reflexivo; e profundo, por certo): buscábamos -dicía- a paixón pero tamén a estabilidade. E iso non era posible; había que elixir, pois non se pode á vez arder e perdurar. Pero Beauvoir observaba tamén que nas discusións serias se pechaba, trataba de darse gran importancia, e enunciaba frases nobres. Apunta, asemade en La force des choses, que coa pluma na man era un moralista ao que ela xa non recoñecía. O propio Camus admitía que a súa imaxe pública non coincidía coa súa verdade persoal. Tamén outros amigos íntimos advertiron que se revestía cunha máscara. El mesmo se daba instrucións neste senso, como revela un apunte do seu diario (Le temps qui reste): "Instalarse en la naturalidad pero con su máscara".
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 01/04/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario