martes, 26 de abril de 2011

Café con pingas: O café Español no tempo de Hemingway (V)

O GRAN CAFÉ Español fundouse pouco antes de 1920, e axiña sentou os seus reais no número 37 da Rúa do Vilar. Unha porta xiratoria daba acceso a este selecto e amplo local, con capacidade para 400 persoas sentadas. Tiña unha barra elegante e ben disposta e ao seu lado achábase o escenario no que as orquestras ofrecían un repertorio clásico combinado con pezas de "rabiosa" actualidade, e non faltaban tampouco números de 'varietés'. A actuación dunha orquestra supuña para o café un desembolso de perto de mil pesetas ao día. Ramallo teimaba en conseguir as mellores, xa fosen de repertorio clásico ou ben de ritmos modernos. Tamén contrataba animadoras e cantantes de sona, como Pedrimar, que gozaba de gran reputación como cantante de tangos. O propietario gabábase dos seus contactos e coñecementos no mundo do espectáculo, cos que a duras penas disimulaba a súas carencias intelectuais e musicolóxicas de fondo. Coñecido o seu interese polo tema, nunha ocasión os integrantes dunha peña coméntaronlle a nova de que en París aparecera un 'Stradivarius'. -¡Ese toca aquí!, exclamou fachendoso Ramallo, provocando o estoupido de gargalladas dos da peña. Comentábase que noutra ocasión o avispado pero pouco douto propietario quería que un representante lle fornecese dúas señoritas elegantes, refinadas ou sofisticadas; o caso foi que o que lle saíu foi o seguinte: "Mándeme dos señoritas que sean lo más sifilíticas posible".
O Café Español estaba provisto de espellos e amoblado con mesas de cristal e tamén de mármore, previstas en especial para os xogadores de dominó, amén de confortables diváns para oficiar tertulias demoradas. Abría ás oito da mañá e pechaba a unha da madrugada. Concorría a el a 'boa sociedade' compostelá e tiña un carácter certamente exclusivo: soamente entraban homes traxeados e con garabata. Segundo refire Mercedes Pintos, o servizo realizábano camareiros uniformados de branco, que adoitaban dispoñer primeiro os pratos e mailas tazas valeiras polas distintas mesas. Logo, cada un ía provisto con dúas xerras, unha delas chea de café e a outra de leite, servindo aos clientes na proporción que desexasen. Na hora do aperitivo previo ao xantar o café estaba moi concorrido e era habitual tomar vermú, nomeadamente Martini seco ou doce, e tamén cervexa a presión. Arredor das tres ou tres e media, xa estaba de novo cheo na sagrada hora do café. A esta hora soaba a orquestra mentres algúns clientes xogaban ás cartas ou ao dominó. Pola tarde tiña moita aceptación o chocolate con churros e tamén o té completo (que incluía torradas, marmelada e pasteis) servido nunha vistosa teteira prateada, portada nunha bandexa de similar aparencia. Entre as sete e as dez da noite era chegada a hora dos cócteles que preparaba un experimentado barman, cuxo oficio estaba moi ben valorado e, conseguintemente satisfactoriamente remunerado (gañaba 1.000 pesetas ao mes). Pola noite o establecemento servía tamén ceas lixeiras.
(Artigo publicado en El Correo Gallego, 25/04/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario