viernes, 15 de octubre de 2010

Cursos Cultura do Viño, Literatura e Música (Por: Xavier Castro))

CURSOS

CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

Impartidos por: Xavier Castro

Lar das Meigas (Santiago)

Lar das Meigas: espazo para a convivialidade cordial. Un ámbito para a cultura e o disfrute do viño.

Os dous cursos de Cultura do Viño, Literatura e Música consistirán en sendos ciclos de cinco sesións cada un deles. O curso 1º está plantexado para os novos alumnos, en tanto que o 2º está concibido para os veteranos. De tódolos xeitos, admítese tanto a inscrición completa no primeiro dos cursos unicamente, como só no segundo, ou ben en ambos os dous, e tamén dun xeito independente nas sesións que o interesado prefira, facendo coa súa libre escolla un menú persoal que combine determinadas sesións dos dous cursos.

O propósito destes cursos consiste na realización dun achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica e tamén ós propios da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce do viño.

Estes cursos teñen unha orientación transversal, que pretende integrar a cultura do viño coa creación literaria e a musical. En cada sesión se degustaran viños de adegueiros galegos (nomeadamente artesáns, que tamén tomarán parte no acto) que polas súas propiedades garden relación coa obra (e, por veces, tamén coa vida) dun determinado escritor. Explicitarase o vencello que existe entre ambos, comentaranse os apartados da obra literaria nos que se fai mención ao viño, e mesmo se fará un recitado de poemas e fragmentos en prosa.

Este son os escritores aos que está dedicado o 1º CURSO: Charles Baudelaire, Álvaro Cunqueiro, Miguel de Cervantes, Ramón María del Valle-Inclán e Aymeric Picaud (autor da primeira guía de peregrinos, incluída no Códice Calixtino, onde alude ao viño no Camiño de Santiago).

Polo demais, os escritores aos que está dedicado o 2º CURSO son os seguintes: Rosalía Castro, Emilia Pardo Bazán, Federico García Lorca, Pablo Neruda e Ernest Hemingway.

As explicacións do condutor do curso farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño, a temática gastronómica relacionada con ela (nomeadamente, as maridaxes entre o viño e a gastronomía) e estarán entrefrebadas coas intervencións dos participantes (aléntase a participación e son benvidos os comentarios e as preguntas dos alumnos) e con momentos de goce e padaleo do viño.

Haberá, asimesmo, interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo co escritor que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas de diferente xaez, como tamén jazz e música popular tradicional.

O viño reclama algún compango e, deste xeito, servíranse pinchos compostos por bos pans campesiños, de millo e centeo, amén de friames de porco celta e algún petisco de queixo (a todo isto da dereito a inscrición).

Non se exclúe que a sesión poida rematar, se o ambiente creado polas persoas asistentes o fai pertinente, cun canto coral no que participemos tod@s. O esencial é que cada sesión constitúa unha experiencia de goce da convivialidade arredor do viño –que foi decote un pracer social-, dun xeito lúdico, pracenteiro e cultural. Preténdese que resulte interesante, motivador, que induza a máis amplas lecturas e a sabios padaleos de estimables viños. Nestas sesións teórico-prácticas e lúdico-serias (ou jocoserias, que dirían os nosos devanceiros composteláns) importa moito desenvolver o espírito e difundir unha cultura da bebida acougada, de calidade e compartida.

Como complemento dos cursos prevese realizar excursións a adegas emprazadas nas rutas dos viños que se anunciaran oportunamente e terán un custe suplementario.

Fará de condutor dos cursos o amateur da cultura do viño, Xavier Castro, profesor de Hª Contemporánea na USC e autor dos libros: A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea), A rosa do viño (Galaxia) e A mesa e manteis (Biblos, Col. Mandaio; Yantares gallegos, na versión en castelán da USC).

CURSO VIÑO 1, SESIÓNS:

1ª Sesión (Novembro. 3 Mércores): Charles Baudelaire

2ª Sesión (Novembro. 17 Mércores): Álvaro Cunqueiro

3ª Sesión (Decembro. 1 Mércores): Miguel de Cervantes

4ª Sesión (Decembro. 22 Mércores): Ramón María del Valle-Inclán

5ª Sesión (Xaneiro. 19 Mércores): Aymeric Picaud (Códice Calixtino). Viño no Camiño de Santiago

CURSO VIÑO 2, SESIÓNS:

1ª Sesión (Novembro. 9 Martes): Rosalía Castro.

2ª Sesión (Novembro. 23 Martes): Emilia Pardo Bazán.

3ª Sesión (Decembro. 15 Mércores): Federico García Lorca.

4ª Sesión (Xaneiro. 12 Mércores): Pablo Neruda.

5ª Sesión (Xaneiro. 26 Mércores): Ernest Hemingway.

HORARIO: de 20 a 22.

LUGAR DE REALIZACIÓN: As sesións terán lugar no local Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago)

INSCRICIÓN

A inscrición realizarase no local de Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. 15705 Santiago). Horario: 10’30 a 14, 16’30 a 20’30. Sábados e Domingos aberto ao medio día). Pódese efectuar tamén a matrícula cubrindo a ficha de inscrición adxunta (na páxina web) e reenviandoa a: lardasmeigas@gmail.com. Tamén é posible realizar tamén o pagamento da matrícula en Ibercaja, nº de conta: 20858265160330075713, indicando que en que curso se inscribe ou en que sesión concreta (ou sesións), e presentando logo o resgardo en Lar das Meigas, o día da actividade.

Para máis información Teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / Páxina Web: www.lardasmeigas.com)

Admítese a inscrición nun curso completo, en ambos os dous, ou ben en determinadas sesións concretas (que poden pertencer aos dous cursos). Recoméndase efectuar o pagamento no momento de cubrir a ficha de inscrición. Prezos: Curso Completo de 5 sesións: 45 €. 2 Cursos Completos: 90 € (neste caso o alumno recibirá unha botella de viño como agasallo). Sesións independentes: 10 € cada una delas.

----------------------------------------------------------------------------------------------

FICHA DE INSCRIPCIÓN

Apelidos e Nome:

Enderezo (rúa e cidade):

E-mail:

Teléfono:

INSCRÍBESE (marcar cunha cruz a opción que interese):

No Conxunto do Curso 1:

Na 1ª Sesión do Curso 1 (Novembro. 3 Mércores) Charles Baudelaire:

Na 2ª Sesión do Curso 1 (Novembro. 17 Mércores) Álvaro Cunqueiro:

Na 3ª Sesión do Curso 1 (Decembro. 1 Mércores) Miguel de Cervantes.

Na 4ª Sesión do Curso 1 (Decembro. 22 Mércores) Ramón María del Valle-Inclán:

Na 5ª Sesión do Curso 1 (Xaneiro. 19 Mércores) Aymeric Picaud (Códice Calixtino):

No Conxunto do Curso 2:

Na 1ª Sesión do Curso 2 (Novembro. 9 Martes) Rosalía Castro:

Na 2ª Sesión do Curso 2 (Novembro. 23 Martes) Emilia Pardo Bazán:

Na 3ª Sesión do Curso 2 (Decembro. 15 Mércores) Federico García Lorca:

Na 4ª Sesión do Curso 2 (Xaneiro. 12 Mércores) Pablo Neruda:

Na 5ª Sesión do Curso 2 (Xaneiro. 26 Mércores) Ernest Hemingway:


No hay comentarios:

Publicar un comentario