viernes, 15 de octubre de 2010

Montaigne (II)

Co seu característico espírito de moderación e transixencia, Montaigne aborda as relevantes cuestións do xeito de comer e a arte de conversar, como asuntos de seu de seu pero tamén na súa intersección. Deste xeito, puña como exemplo aos gregos e romanos da antigüidade, por comeren e beberen menos apresuradamente que os franceses do século XVI, tratando de prolongar este pracer natural para maior entretemento e utilidade, entreverándoo con diversas funcións sociais e aderezándoo con varias clases de conversacións proveitosas e agradables. Non gustaba Montaigne das comidas especialmente longas, porque lle causaban tedio e lle resultaban tamén prexudiciais posto que non era quen de parar de comer namentres se encontraba na mesa, e deste xeito, na súa casa procuraba sentarse algo despois que os demais. Ao rematar de xantar, gustaba de repousar longo tempo, escoitando a fala dos demais pero procurando non mesturarse nela, pois lle ocasionaba fatiga e dano charlar con bandullo cheo. Encontraba, en cambio, moi saudable e ameno discutir animadamente antes de comer.

A pesares de que procuraba un certo autodominio e tentaba de cultivar a austeridade e a sobriedade como pautas de comportamento, recoñecía a súa incapacidade para conterse cando se sentaba á mesa tendo as viandas á vista. De feito, cando quería comer con moderación ou gardar á abstinencia tiña que afastarse dos demais comensais, e facíase servir estritamente o que precisaba para unha colación ordenada. En relación coa cuestión da dose ou cantidade de condumio a inxerir, Montaigne recorría a diversas estratexias. Confesaba que dende que era novo, saltábase en ocasións algunha comida coa finalidade de avivecer o seu apetito ao día seguinte. Expresaba a súa discrepancia neste senso con Epicuro, quen xaxuaba e facía comidas parcas para afacerse a prescindir da abundancia. Pola contra, o escritor bordelés desexaba que a súa voluptuosidade tirara deste xeito mellor proveito, servíndose “más alegremente de la abundancia”. Por veces, tamén se resolvía a xaxuar para conservar o vigor de corpo e de espírito en aras da optimización do rendemento nalgunha tarefa de importancia, pois o un e o outro se tornan indefectiblemente preguiceiros por efecto da saciedade. Facíao tamén para curarse o estómago cando o tiña doente. Ou mesmo nas ocasións en que carecía de compañía axeitada, xa que –e nesto coincidía con Epicuro- non se debe mirar tanto o que se come como con quén se come. Neste senso, sinalaba que: “No hay para mí aderezo tan dulce, ni salsa tan apetitosa como la que se obtiene de la sociedad”, e facía a loanza dunha persoa que non quixera prometer a asistencia a un festín ao que se lle convidara sen coñecer antes quen eran os demais convidados.

Montaigne atribuía o bo estado de conservación da súa dentamia, cando andaba polo ano 56 da súa idade, ao feito de ter aprendido dende a infancia a frotar os dentes coa servilleta, pola mañá e antes e despois de comer. Nos nosos pagos, as xentes rústicas empregaban a mazan para a limpeza dos dentes (e din que os celtas servíanse para tal mester dos oríns.)

(Publicado en Galicia Hoxe, 15/10/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario