martes, 12 de octubre de 2010

Viño Branco e Gusto Popular

O viño de Ribadavia coñeceu un grande prestixio no século XVI. Nesta época, a produción de viño tinto e branco repartíase, pouco máis ou menos, por metade, quizais cun lixeiro predominio do vermello. Por poñer un caso, o mosteiro de San Clodio de Ribadavia recibía 553 moios de viño tinto, e 355 de branco. No corazón do Ribeiro predominaban as cepas de branco, en tanto que na periferia, nomeadamente na "tierra subida a la montaña", era máis abondoso o tinto. Foi o viño branco quen conquistou a celebridade do viño do país do Avia, e por tal motivo tiña unha cotización netamente superior ao tinto: así, a finais do século XVI, en Sadornín (Cenlle) o viño novo branco valía 16 reais e medio o moio, en tanto que o tinto cotizábase a 11 reais. En contraste coa preferencia que adoitaban mostrar as elites e os consumidores estranxeiros, o gusto local, o dos labregos de Galicia, decantábase con claridade polo viño tinto. Así, poño por caso, as coplas e paremias populares adoitan referirse sobre todo ó Ribeiro tinto, moito máis que ó branco. Nunha destas coplas, por vía de exemplo, o cantor amosa ter claro o seu gosto: Sabedes que a miña gorxa / non a fixo un carpinteiro;/ dádeme pra que vos cante / sangue roxo do Ribeiro. E isto continuou a ser así ata hai uns corenta anos, cando mudaron as preferencias do padal. Convén lembrar que cando se descubriron minas de ouro en California se desencadeou unha febre que levou a moitos aventureiros e desprazarse ata alí na procura dun enriquecemento rápido, como reflectiu Chaplin na divertida película A quimera do ouro. Porén, ao cabo, isto non foi tan decisivo para o logro da prosperidade económica como a produción de froita que a privilexiada rexión norteamericana exportou a todo o mundo. Por parte, do mesmo xeito que o vento pode chegar a ser o petróleo de Galicia (mercé á enerxía eólica) o viño branco do Ribeiro, puido supoñer noutrora unha enxurrada de ouro para o país, se o río Miño fose navegable, e os nosos emprendedores de entón algo máis espilidos. Dende logo, isto puido ter un valor superior ao do ouro que os romanos arrincaron das Medulas, na antiga Gallaecia. Nada impide que o bucle da utopía, fallida nunha volta, poida tornarse efectiva e frutificar noutra. Os brancos actuais, nomeadamente os albariños, que atravesan por unha idade de ouro están chamados a converterse hoxe en día nunha grande fonte de riqueza: nun verdadeiro tesouro para Galicia. Os colleiteiros fan figura de rei Midas, transformando un excelente viño branco, universalmente apreciado: fan dun froito da terra auténtico ouro líquido.

Agora é preciso promover máis, e de mellor xeito, o consumo do viño na propia Galicia. E un dos xeitos de facelo é implementando as rutas do viño, que teñen moito que mellorar. E preciso fomentar o enoturismo, promocionando unha oferta que combine as rutas polas adegas, cos restaurantes que ofrezan a gastronomía local, os balnearios termais e spas, as casas rurais e o patrimonio tanto material como inmaterial. Pero é mester un enfoque que estruture e artelle ben todos estes factores. Moito por facer, pero tamén moito que gañar...

(Publicado en Galicia Hoxe, 28/09/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario