martes, 15 de mayo de 2012

PREGÓN 1ª MOSTRA DO VIÑO DE VILABOA

PREGÓN 1ª MOSTRA DO VIÑO DE VILABOA Por: XAVIER CASTRO (Autor do libros: “A rosa do viño” e "A la sombra ejemplar de los parrales") Moi boas tardes. Comezarei recitando unha décima en honor do viño, da autoría do poeta Gonzalo Navaza: “Miñas donas, meus señores que hoxe aquí vos congregades, ilustres autoridades, adegueiros, produtores, alegres consumidores e asistentes en xeral, vaia un saúdo cordial deste voso servidor que ten por moi grande honor ser pregoeiro oficial”. Convén salientar a importancia do viño na cultura popular. O viño antano, era todo: era quen de dar calidade de vida. Os galegos temos uns gustos particulares en materia de viños. Satisfeitos coa súa graza, a poucos descontenta a lixeireza e o chisco de acidez que lles infunde o terroir propio do noroeste. En calquera caso, ardua tería sido a sorte dos galegos no seu decorrer histórico sen os seus viños. Para a nosa xente o viño foi unha grande ledicia: funxiu como alimento, alboroque, conforto e quentura; foi requirida tamén a súa presenza na relación social, veciñal e amistosa, e por suposto no amor. E a todos pareceu, ademais, de todo punto indispensable na festa. Alguén que traballa con modestia na viña da historia intúe que os viños de Galicia son coma nós: persoas -no dicir de Cunqueiro- de corazón tranquilo, humildes, honestas, suaves e un chisco remisas. Tamén peculiares, individualistas e querulantes, en correspondencia co feitío dun país de acendrado minifundismo e dispersión, atravesado por unha mesta rede de corredoiras en quiasma reflectidas en certa maneira nunhas idiosincráticas encrucilladas mentais. En tal territorio de aparencia natural, pero en verdade froito dun complexo entramado de vicisitudes sociais, xurídicas e produtivas (como sinalaba Pla, as paisaxes as fan os notarios; os campesiños soamente as decoran) entreverase un amplo elenco de propietarios entregados ás labouras de desenvolvemento duns cultivos de acusada diversidade. Sobrancea entre eles o doce verdor dos viñedos que se erixen nun dos primordiais riscos definitorios dunha paisaxe de bocage que se ordena en agradable mosaico. Salientan neste marco xeral as sollosas ladeiras de Vilaboa, asomadas placidamente á ría de Vigo. Os seus viños, nomeadamente os tintos que eran os máis abondosos, gozaron de merecido aprecio nas comarcas dos arredores, e constitúen un dos capítulos da orde dos viños galegos, moi senlleiros entre os elaborados en todo o arco Atlántico. Estamos hoxe a vivir un estimulante proceso de recuperación das castes tradicionais, o que reviste notable importancia: o viño é o sangue da terra e conforma a identidade do país, que tamén ten unha vertente enolóxica xa que aporta uns gustos e uns sabores xenuínos. Convén auspiciar a elaboración do viño que parta das castes propias, que retrocederon a raíz das crises provocadas polos andazos do oídio, o mildeu e a filoxera, a finais do século XIX e comezos do XX. Isto provocou a introdución das castes “americanas”, resistentes ás pragas, en portaenxerto ou mesmo directamente, amén doutras foráneas, que eran máis produtivas, sacrificándose a calidade en aras da cantidade. Mentalidade que vai indo felizmente en paseniño retroceso, pero que hai que levar a termo. Velaquí o repertorio das nosas castes conspicuas: Tintas, antano dominantes: Tintafemia (Bazoco), Negrón, Mouratón, Brencellado, Sousón, Espadeiro. Brancas: Caiño, Treixadura, Albariño e Torrontés. Semella oportuno traer a colación as palabras de Cunqueiro: “Xa sei que agora hai outras cepas, e que se queren colleitas longas, vendimas fartas, e que as vellas cepas do país dan pouco”. Esta pretensión, tan errónea, era basicamente produtivista, e non se orientaba a procura de viños de calidade. E así as cousas, amante da identidade enolóxica de Galicia, como bo galeguista, era don Álvaro un bebedor consciente da necesidade de recorrer mesmo se preciso fora a argucias detectivescas: “sei que hai que buscar onde están escusados, en qué adega viven os grandes viños nosos”. Por fortuna, por veces, as pesquisas daban froito: “Algunha que outra vez, tócame un ao que hai que tirarlle a pucha”, dicía. Compre reivindicar tamén o emprego de lévedos (fermentos) xenuínos, descartando os estandarizados e industriais. Considero que é unha boa idea promocionar a cultura vitícola tradicional, por revestir unha grande relevancia para o desenvolvemento local (non hai nada máis universal que o local con personalidade propia). É mester poñer en valor os viños artesáns, sen esquecer tampouco aqueles que ostentan un feitío moi específico e particular, os viños de autor. Compre tamén asumir, na medida do posible, un enfoque ecolóxico na procura da mellora do cultivo dos viñedos e da elaboración dos caldos. Esta orientación fará posible a obtención dun certificado ou selo de calidade. O viño faise na viña. Convén poñer en valor non só a cepa, que se pode cultivar noutros lugares, senón o chan específico, o terruño (terroir) que o produce, o locus. O bo viño debe expresar a terra da que agroma e ostentar un nome enxebre por divisa. Compre valorar a importancia do terroir. Noutras partes poderán cultivar as nosas variedades, pero non disporán nunca da terra que nutre estas videiras, nin albiscaran endexamais as mesmas as nubes que navegan por este ceo. Tampouco dispoñen do voso xeito e saber facer, que se beneficia dunha vedraña cultura do viño. Non podo menos que facer a loanza dos Adegueiros que traballan as súas propias viñas, que transmiten o su persoal estilo á videira que cultivan e ao viño que, con grande amor, elaboran no propio lagar e na adega familiar. Incitaba Cunqueiro, que tanto amou estas terras, a procurar a variedade de matices e de sabores que propicia a enoloxía artesanal, ou ben a de orientación técnica e moderna, pero sensible e atenta á consideración do viño como un produto de cultura, e non só como unha mercancía calquera. O importante para o escritor mindoniense, e tamén para José María Castroviejo, era fuxir dos sabores previsibles e do tedio que conleva a homoxeneización excesiva da produción en serie. Os viños de nós, que tamén saben durar anos, gozan de irrefutable mocidade e gustan de ser moi humanos compañeiros. Constitúen a nota máis leda na sinfonía das nourritures terrestres e son peritos na arte do amizoso reconforto, destilando no espírito grolos comparables as palabras insustituíbles e necesarias, cando máis en falta as botamos. Quécennos o corazón cando sentimos que botan o seu brazo por riba do noso ombreiro e nos apertan contra eles transmutándonos en parella moza que estrea o palpito inédito dun nacente namoro. O viño que se franquea na copa constitúe unha forma de amor, que, como enunciaba Gil de Biedma nun poema, ten notable calidade de vida. E é quen sabérnola dar. Grazas a el, nada queda dentro da nosa alma inmóbil, xa que o viño move á primavera e medra como unha pranta de alegría, é o vento que move o día, facendo que o corazón ascenda ás polas. Xa que logo, permitamos que o cántaro de viño, ao bico de amor sume o seu bico, e, deste xeito, apliquémonos, con Neruda, a propagar o fraternal cántico do froito. Viños todos, os nosos, de notable graza e que producen gran suxestión, pero de moi diversa índole; como os evocaba Neruda, tanto da cor do día, como da cor da noite, con pes de púrpura ou sangue de topacio. Para os galegos constitúe un pracer grande, e toda unha sorte, ter tantos e tan diferentes viños. Opinaba hai anos José Bergamín que no ámbito da cultura francesa era posible ler á carta, en tanto que no española era mester conformarse cun menú de prato único. Algo semellante acontecía co abano de viños dispoñibles. Porén, nos nosos días tamén é posible en Galicia ler á carta, dada a riqueza e variedade de posibilidades de elección en materia de libros, e beber asemade con moi cumprida satisfacción, ó podermos escoller entre uns mostos de moi subidas prendas e de moi distinta faciana. Non hai dúbida que melloran así os praceres sociais. E constitúe tamén unha fortuna para cada persoa ter un repertorio de opcións tan amplo, no que resulta moi doado escoller un viño axeitado para compartir os distintos momentos da existencia. Ao cabo, hai que ter en conta a perspectiva de posta en valor do viño como un produto galego de calidade. Non se debe esquecer tampouco o enfoque de turismo enolóxico: enoturismo concibido nun marco integral que vencelle a gastronomía e o viño, coas diversas expresións da cultura popular, a paisaxe, as casas rurais, o sendeirismo e o goce das praias. ¡Animo, pois, nesta valente empresa da mellora dos nosos viños! ¡Meus amigos: que disfrutedes con ledicia destas gratas horas de lecer na compaña dos bos caldos que para goce do padal sérvense na MOSTRA DO VIÑO DE VILABOA! E, xa como colofón, lembremos novamente o poema de Gonzalo Navaza que nos ofrece un fermoso Brinde: “Brindemos pois, compañeiros, amigos, irmaos, veciños, por estes divinos viños deliciosos, feiticeiros, ouro e sangue dos senlleiros acios e bagos de noso. Viva o Vilaboa precioso que tanta beleza encerra! Viva o froito desta terra de futuro venturoso!” Moitas Grazas pola vosa atención.