Xornadas de Cinema, Viño e Cultura
VIGO de Hemingway, Paz-Andrade e Ferrín FILME: LOS
LUNES AL SOL
VIÑOTECA
AVELEIRA
UN ÁMBITO PARA A
CULTURA E O GOCE DO VIÑO
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: VIÑOTECA AVELEIRA (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202 Vigo. (Casco Vello de arriba).
Data: Xoves, 13 de
Xullo, ás 20’30 horas.
Adega: Aurea Lux (Cenlle. O Ribeiro)
Intervirá o adegueiro: Manuel Docampo
PRESENTACIÓN
Vigo
é a cidade das ondas cantadas por Martín
Códax no medievo. O mar terá de ser o referente esencial dunha certa ollada
sobre a cidade de Vigo no século XX, nomeadamente dende a década de 1920, cando
dúas personalidades sobranceiras, Valentín
Paz-Andrade, primeiro, e Xosé Luís
Méndez Ferrín, nuns lustros posteriores, se erixiron en
cabezaleiros locais indiscutibles.
Vigo é unha cidade industrial moi dinámica,
que asentou o seu progreso nos recursos
agropecuarios do Val do Fragoso, ben é certo, pero sobre todo nos marítimos,
vencellados á pesca, ó comercio portuario e a emigración. Coa progresiva
incorporación de Bouzas, Lavadores e Teis, Vigo se converte xa na década dos
vinte na principal cidade galega, como se constata no Anuario Bailly-Bailliere. O cinema ofrece unha impagable panorámica documental desta cidade, á
altura de 1929, e reflicte o
ambiente da industria conserveira no filme Los lunes al sol (dirixida por León de Aranoa, no ano 2002, con
Javier Bardem e Luís Tosar como intérpretes principais)
A
abondosa pesca requiría solventar o
problema da súa conservación: servían a este propósito os sequeiros (para o
peixe cecial) e as importantes salinas (situadas no Areal, con
depósito en Marqués de Valadares) destinadas a este cometido na época romana
(agás as ostras, que ían en escabeche en pequenos barrís) que fixeron posible o
salgado intensificado polos fomentadores cataláns (mellorando o cochado e o
prensado da sardiña) a partires da centuria ilustrada. Xa logo veu a moderna
conserva e o conxelado.
Na cidade da oliveira, pero tamén do Vigoscopio do oculista Antón Beiras, impera a sardinocracia
e Valentín Paz-Andrade, avogado e polígrafo, foi o cerebro indefectible do
mundo empresarial pesqueiro. Promoveu o xornal Galicia, na década dos
vinte, que foi un dos primeiros en asumir dende Vigo unha perspectiva global de
Galicia, e máis tarde dirixiu a revista Industrias pesqueras.
Por
volta de 1920, residiu en Vigo, nunha casa do Paseo de Alfonso, onde cursou estudos de náutica, Manuel Antonio, creador dunha deslumbrante poética de pailebotes
e mares. Ferrín ten boas razóns para
soster que coñeceu o Commerce Bar, situado na
beiramar, transmutándolle o nome, nun poema inesquecible, polo de Navy
Bar. Foi isto importante para o imaxinario
da cidade.
Carlos
Casares tense referido a impresión que Vigo lle causou a Ernest Hemingway cando chegou á vila. Tamén Gardel visitou Vigo, onde foi agasallado no ano 1923, e coa súa presencia foi quen de poñerlle voz ao
tango, que colleu un novo pulo. Coa súa música e co son de Compay Segundo, Para
Vigo me voy, achegámonos ao período franquista -en cuxo mencer
visitounos horrorizado Stefan Zweig-
no que varios edificios emblemáticos da arquitectura caeron baixo a inexorable
piqueta da especulación desarrollista. Logo, cando Ferrín se refire a Vigo como
un espello roto, viñeron os axitados anos da reconversión naval viguesa,
plasmados na película de León de Aranoa. Tiveron como contrapunto a leda movida, que na música recorreu a un
novo rexistro, distinto do compromiso de Voces Ceibes, exaltador dun estilo de
vida máis libre e desenfadado, caracterizado pola estética pop e rock dos Resentidos
de Reixa e Siniestro Total. Na
plástica, Atlántica supuxo un
enfoque estético renovado, superador do expresionismo ruralista. Tamén na
gastronomía a dieta atlántica
convertiuse nun referente identitario da gastronomía galega.
Nesta
ocasión poderemos apreciar os excelentes caldos da prestixiosa Adega Aurea Lux, situada en Cenlle (D.O. Ribeiro), ben representada polo seu promotor, o profesor de
socioloxía Manuel Docampo. Esta
adega elabora, cun feitío artesanal e depurada calidade técnica, uns viños de probada
calidade: Leive Paradigma, elaborado
con uva treixadura, albariña e loureira, e a outra marca de seu, Leive Treixadura, que presenta un
carácter monovarietal. Haberá ocasión de gozar asemade do branco reserva Leive Reliquia e dun tinto de crianza, con certificación
ecolóxica, Preto de Leive.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a
Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán con friames de
porco celta e queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a
inscrición que se efectuará na Viñoteca
Aveleira. Imprescindible reservar (prezo da entrada: 13 euros).
LUGAR DE REALIZACIÓN
Viñoteca Aveleira (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202 Vigo. (Casco Vello de arriba).
DATA
Xoves, 13 de Xullo.
HORARIO
De 20’30 a 22’15 horas.
PREZO:
13 euros, con dereito a varios viños e petiscos de friames e queixo galego de calidade con
pans artesáns.
-Aforo
limitado, é imprescindible reservar: jcoow64@gmail.com
/ 601 08 01 21
Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio
Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia),
A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales
(Trea) e A mesa e manteis (USC)