O país arde no verán en festexos gastronómicos. O antecedente da auténtica enxurrada de festas culinarias multitudinarias que pivotan arredor dun produto popular ou prato gastronómico xorde no ano 1953, coa exaltación do viño Albariño de Cambados. Nos anos sucesivos, desenvólvese facendo gala dun notable despregamento de recursos promocionais, do que constitúe unha mostra a creación da Serenísima Orde do Albariño. Nos sesenta aparecen varias máis, en especial sardiñadas, exaltacións dos mariscos (a máis destacada é a que se celebra no Grove, que data de 1963) e un pouco máis tarde as churrascadas, de ascendencia indiana, que promoven en especial a carne de vacún, e particularmente a tenreira galega. O fito máis senlleiro dos sesenta foi sen dúbida a Festa do cocido de Lalín, que xorde en 1969. Foi na década de 1990, cando se produciu un auténtico boom das festas de exaltación culinaria, alcanzando na actualidade unha cifra que supera os 3.000 festexos populares.
A festas de exaltación dun produto alimenticio probablemente serviron para prestar maior atención e valorizar o alimento en cuestión, o que contribuíu á súa preservación e autentificación, de modo que serviron de base para a súa promoción como moderno produto galego de calidade. Ao cabo, expresan o pracer para comer e convivir. As festas gastronómicas distáncianse do epicureísmo do despropósito característico das comidas excesivas das festas do patrón. A celebración constitúe un acontecemento razoable e cordial, no que se produce a convivencia amable de moitas persoas entregadas ao grato pracer de gozar dalgún alimento apreciado (ou bebida) cos demais. Polo regular, fanse con siso e xeito.