jueves, 16 de junio de 2016

Xavier Castro. Xornadas Cine e Viño (VIGO). 3 Sesión: Lisboa e Pessoa. Adega Ramón do Casar


Xornadas de Cinema, Viño e Cultura (VIGO)

3ª Sesión: LISBOA, a ville blanche. FERNANDO PESSOA. FILME: sostiene pereira

 VITRUVIA CAFÉ
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: VITRUVIA CAFÉ (Praza de Compostela, 5. Vigo)
Data: Mércores, 22 de Xuño, de 20’30 a 22’30 horas.
Adega: RAMÓN DO CASAR (D.O. Ribeiro)
(Intervirán o adegueiro: Javier González e o enólogo Pablo Estévez)


PRESENTACIÓN
 Ponse de manifesto neste evento o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro, non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. E haberá que lembrar a invocación de Borges expresada nun soneto consagrado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia historia / como si ésta ya fuera ceniza en la memoria”.
Deste xeito, na 3ª sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura, adentrarémonos no ambiente cultural da cidade de Lisboa, por cuxas rúas deambulaba Fernando Pessoa, como un dandi con aires de flâner baudelairiano recalando nos cafés da Baixa e o Chiado (en cuxos locais estivo tan presente a emigración galega), como A Brazileira, nunha época de desasosego como foi a primeira metade do século XX. Sentirémonos, sen dúbida, animados pola cálida compaña de Marcello Mastroianni no filme Sostiene Pereira (dirixida por Roberto Faenza, no ano 1996), cun guión baseado na novela dun grande amador de Lisboa: Antonio Tabucci. Seguiremos, así, o itinerario lisboeta marcado por Alain Tanner no filme Dans la Ville Blanche (1983) e non sería de estrañar que bateramos con algún dos heterónimos pessoanos convertido en personaxe, como lle aconteceu a Saramago con Ricardo Reis.
O fado de Amália Rodrigues e senlleiras cancións portuguesas, como a que marcou a revolución dos cravos, Grândola, Vila Morena, de José (Zeca) Afonso, proporcionarannos a atmosfera emotiva na que rebuliron nos anos trinta, o galeguista Ramón Martínez López, o polígrafo Gómez de la Serna, o xornalista Julio Camba e, tras do estalido da guerra civil, o filósofo José Ortega y Gasset.
Evocaremos as tabernas emprazadas nos cais da desembocadura do Tejo, onde se falou nun tempo de Teixeira de Pascoaes e a filosofía do saudosismo portugués, divulgada polo grupo Renascença na publicación bimensual A Águia, que Vicente Risco tivo por irmá da revista Nós. Os ecos desta teoría suscitaron o interese dun sector da intelectualidade galega, no que velaban armas Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, resoltos a indagar na esencia da identidade galega, expresada quer nun humor peculiar, ou quer nunha saudade característica, consideradas ámbalas dúas temáticas dende un prisma heideggeriano.
Deste xeito, os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta dos gustos predominantes en materia de viños e outras bebidas e das claves esenciais dos devanditos creadores. Como contrapunto, escoitaranse en boa hora as achegas do adegueiro ao fronte de Ramón do Casar (O Ribeiro) Javier González e tamén do enólogo Pablo Estévez, que presentarán os viños que se cataran nesta ocasión, xa que o asisado neste evento é mollar cumpridamente a palabra. A devandita adega do Ribeiro foi merecedora de importantes recoñecementos pola calidade dos seus viños e representa a plasmación do soño dun emigrante en América. Presentará os seus dous viños senlleiros: Ramón do Casar, un branco que incorpora tres variedades nobres: treixadura, godello e albariño, e Ramón do Casar Treixadura que xa revela na súa denominación a videira patricia da que procede o seu mosto.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse excelentes gastropetiscos aos que da dereito a inscrición que se efectuará na propio Café Vitruvia. (Prezo: 12 euros)

LUGAR DE REALIZACIÓN
Vitruvia Café (Praza de Compostela, 5. Vigo)

DATA:
22 de Xuño, Mércores.

HORARIO
20’30 a 22’30 horas.

PREZO:
-12 euros (con dereito a varios viños e gastropetiscos).
-Pódese adquirir a entrada en Vitruvia Café (Praza de Compostela, 5. Vigo) preferentemente nos días previos, ou ben media hora antes da celebración da sesión. Recoméndase efectuar reserva: info@vitruviacafe.com / 680 203 587.

Para máis Información:
info@vitruviacafe.com / 680 203 587

Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)

E-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228