sábado, 23 de octubre de 2010

Montaigne (e III)

En relación coa educación dos nenos, hoxendía tan sobreprotexidos e consentidos (e o andazo da obesidade é un corolario expresivo disto), preconizaba Montaigne que se lles inculcara unha pauta de vida caracterizada pola sobriedade e a austeridade, de xeito que: “más bien hayan de descender de la dureza que subir hacia ella”. Sagesse e bo sentido, mostraba tamén nisto o escritor bordelés.

Ten sido obxecto de debate a cuestión do reparto da inxesta ao longo do día, e cáles son as horas máis axeitadas para levala a cabo. Cando interrogaron ao doutor Gregorio Marañón acerca de cándo había que comer, contestou: -“El pobre cuando pueda, y el rico cuando quiera”. Montaigne consideraba preferible comer a miúdo, e moderadamente, no canto de facelo poucas veces e inxerindo gran cantidade de alimento en cada unha delas. Xulgaba que nisto, como en tantas outras cousas, o ser humano debería deixarse levar polo seu instinto natural, antes que por prescricións médicas que poderían resultar ríxidas, e se cadra artificiosas, obrigando a persoa a comer cando non tiña fame e a xaxuar en cambio cando lle viña o apetito: “Mas quiero hacer valer el apetito y el hambre; no me agradaría en modo alguno el arrastrar, al estilo médico, tres o cuatro comidas míseras y obligadas al día”.

Montaigne é único entre os grandes pensadores, por ter sido sensible aos temas de reflexión que a maioría consideraron como menores e indignos da súa ínclita atención. Este feito convérteo nun pensador de sorprendente modernidade, e na práctica, nun contemporáneo esencial. Hai párrafos nos ‘Essais’ nos que resoa con nitidez o palpexar do espírito do noso tempo. Como cando, por caso, afirma que el ten os pés ben asentados na terra, e dende tal posición sentía xenreira por “esa sapiencia inhumana que quiere hacernos desdeñosos y enemigos de la cultura del cuerpo”. E, neste sentido, consideraba igualmente inapropiado aceptar a contrapelo as voluptuosidades naturais e tomalas demasiado en serio. Semelláballe fatuo aquel que prescindía das voluptuosidades que a natureza ofrece. Ao seu xuízo, non debemos perseguir nin tampouco rexeitar tales beneficios e praceres, senón sinxelamente aceptalos.

Convén deixarse levar pola inclinación natural, sen permitir que a nosa mente enfermiza e augafestas, esaxere a inanidade de tales beneficios, e non digamos xa que nolos faga parecer noxentos. A súa agudeza intelectual por momentos cobra brillantez poética, como cando considera os bens que a vida nos depara, e afirma que: “Yo que me jacto de abrazar con tanto entusiasmo los bienes de la vida, y tan particularmente, no hallo en ellos, cuando los miro así de atentamente, nada más que viento. Mas qué, no somos sino viento en todo. Y aun el viento, más sabiamente que nosostros, gusta de moverse, de agitarse, y se contenta con sus propias funciones, sin desear la estabilidad ni la solidez, cualidades que no son suyas”. Tampouco nosas, quizais.

(Publicado en Galicia Hoxe, 22/10/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada