domingo, 14 de noviembre de 2010

Sesión Álvaro Cunqueiro, Curso Cultura do Viño / Lar das Meigas

CURSO 1º DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

2ª Sesión: Álvaro Cunqueiro

Lugar: Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago).

Data: Novembro, 17 mércores, ás 20 horas.

Condutor da sesión: Xavier Castro

Adega invitada: Cabaleiro do Val

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

A segunda sesión do 1º Curso de Cultura do Viño, Literatura e Música está dedicada a un dos escritores más imaxinativos das nosas letras e forxador ademais dunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia: Álvaro Cunqueiro.

Os comentarios do condutor do acto, Xavier Castro, e as intervencións da profesora María Outes, darán conta das características esencias da súa obra literaria e da súa decisiva achega ao estudo e enaltecemento dos viños galegos.

Nesta ocasión servirase un tipo de viño moi apreciado por Cunqueiro, procedente dunha acreditada adega da Terra do Salnés, Cabaleiro do Val, situada en Dena (Meaño) que elabora un viño albariño de gran calidade e feitío artesán. Poderemos coñecer así a prestancia e autenticidade das adegas artesáns da D.O. Rías Baixas, cuxa asociación preside o propietario da devandita adega, Paco Dovalo, a quen teremos ocasión de escoitar nesta sesión.

Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios iranse entreverando co paladeo do viño albariño, e o recitado dalgúns textos senlleiros de Álvaro Cunqueiro, mesturado todo coa audición de poemas musicados e cancións (ilustradas con vídeos exhibidos nunha pantalla) de Amancio Prada, Luís Emilio Batallán, cantigas populares e algunhas obras clásicas.

Como apuntaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Con ámbalas dúas especies nutríronse os galegos e, consonte con isto, serviranse pinchos compostos por bo pan de molete de Compostela, cocido en forno de leña, loado por Cunqueiro como un dos máis sabedeiros do país, e máis un compango de queixo e castañas asadas, que a todo isto da dereito a inscrición.

Farase asimesmo un concurso de apreciación literaria do viño, tomando como referencia e fonte de inspiración as expresións enolóxicas do escritor de Mondoñedo.

* * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * * *

PROGRAMA XERAL DOS CURSOS DE:

CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA

Lar das Meigas: Espazo para a convivialidade cordial. Un ámbito para a cultura e o goce do viño.

O propósito destes cursos consiste na realización dun achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica e tamén ós propios da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce do viño.

Estes cursos teñen unha orientación transversal, que pretende integrar a cultura do viño coa creación literaria e a musical. En cada sesión se degustaran viños de adegueiros galegos (nomeadamente artesáns, que tamén tomarán parte no acto) que polas súas propiedades garden relación coa obra (e, por veces, tamén coa vida) dun determinado escritor. Explicitarase o vencello que existe entre ambos, comentaranse os apartados da obra literaria nos que se fai mención ao viño, e mesmo se fará un recitado de poemas e fragmentos en prosa.

Os dous cursos de Cultura do Viño, Literatura e Música consistirán en sendos ciclos de cinco sesións cada un deles. O curso 1º está plantexado para os novos alumnos, en tanto que o 2º está concibido para os veteranos. De tódolos xeitos, admítese tanto a inscrición completa no primeiro dos cursos unicamente, como só no segundo, ou ben en ambos os dous, e tamén dun xeito independente nas sesións que o interesado prefira, facendo coa súa libre escolla un menú persoal que combine determinadas sesións dos dous cursos.

Este son os escritores aos que está dedicado o 1º CURSO: Charles Baudelaire, Álvaro Cunqueiro, Miguel de Cervantes, Ramón María del Valle-Inclán e Aymeric Picaud (autor da primeira guía de peregrinos, incluída no Códice Calixtino, onde alude ao viño no Camiño de Santiago).

Polo demais, os escritores aos que está dedicado o 2º CURSO son os seguintes: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Federico García Lorca, Pablo Neruda e Ernest Hemingway.

As explicacións do condutor do curso farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño, a temática gastronómica relacionada con ela (nomeadamente, as maridaxes entre o viño e a gastronomía) e estarán entrefrebadas coas intervencións dos participantes (aléntase a participación e son benvidos os comentarios e as preguntas dos alumnos) e con momentos de goce e padaleo do viño.

Haberá, asimesmo, interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo co escritor que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas de diferente xaez, como tamén jazz e música popular tradicional.

O viño reclama algún compango e, deste xeito, servíranse pinchos compostos por bos pans campesiños, de millo e centeo, amén de friames de porco celta e algún petisco de queixo (a todo isto da dereito a inscrición).

Non se exclúe que a sesión poida rematar, se o ambiente creado polas persoas asistentes o fai pertinente, cun canto coral no que participemos tod@s. O esencial é que cada sesión constitúa unha experiencia de goce da convivialidade arredor do viño –que foi decote un pracer social-, dun xeito lúdico, pracenteiro e cultural. Preténdese que resulte interesante, motivador, que induza a máis amplas lecturas e a sabios padaleos de estimables viños. Nestas sesións teórico-prácticas e lúdico-serias (ou jocoserias, que dirían os nosos devanceiros composteláns) importa moito desenvolver o espírito e difundir unha cultura da bebida acougada, de calidade e compartida.

Como complemento dos cursos prevese realizar excursións a adegas emprazadas nas rutas dos viños que se anunciaran oportunamente e terán un custe suplementario.

Fará de condutor dos cursos o amateur da cultura do viño, Xavier Castro, profesor de Hª Contemporánea na USC e autor dos libros: A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea), A rosa do viño (Galaxia) e A mesa e manteis (Biblos, Col. Mandaio; Yantares gallegos, na versión en castelán da USC).

CURSO VIÑO 1, SESIÓNS:

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

1ª Sesión (Novembro. 3 Mércores): Charles Baudelaire.

2ª Sesión (Novembro. 17 Mércores): Álvaro Cunqueiro.

3ª Sesión (Decembro. 1 Mércores): Miguel de Cervantes.

4ª Sesión (Decembro. 22 Mércores): Ramón María del Valle-Inclán.

5ª Sesión (Xaneiro. 19 Mércores): Aymeric Picaud (Códice Calixtino). Viño no Camiño de Santiago.

CURSO VIÑO 2, SESIÓNS:

(Cada sesión é independente. Pódeste apuntar unicamente a ela, no local en que se celebra, á hora do comezo)

1ª Sesión (Novembro. 9 Martes): Rosalía de Castro.

2ª Sesión (Novembro. 23 Martes): Emilia Pardo Bazán.

3ª Sesión (Decembro. 15 Mércores): Federico García Lorca.

4ª Sesión (Xaneiro. 12 Mércores): Pablo Neruda.

5ª Sesión (Xaneiro. 26 Mércores): Ernest Hemingway.

HORARIO: de 20 a 22 horas.

LUGAR DE REALIZACIÓN

As sesións terán lugar no local Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago)

INSCRICIÓN

A inscrición realizarase no local de Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. 15705 Santiago). Horario: 10’30 a 14, 16’30 a 20’30. Sábados e Domingos aberto ao medio día). Pódese efectuar tamén a matrícula cubrindo a ficha de inscrición adxunta (na páxina web) e reenviandoa a: lardasmeigas@gmail.com. Tamén é posible realizar tamén o pagamento da matrícula en Ibercaja, nº de conta: 20858265160330075713, indicando que en que curso se inscribe ou en que sesión concreta (ou sesións), e presentando logo o resgardo en Lar das Meigas, o día da actividade.

Para máis información Teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / Páxina Web: www.lardasmeigas.com)

Admítese a inscrición nun curso completo, en ambos os dous, ou ben en determinadas sesións concretas (que poden pertencer aos dous cursos). Recoméndase efectuar o pagamento no momento de cubrir a ficha de inscrición. Prezos: Curso Completo de 5 sesións: 45 €. 2 Cursos Completos: 90 € (neste caso o alumno recibirá unha botella de viño como agasallo). Sesións independentes: 10 € cada una delas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario