sábado, 5 de octubre de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. LICEO DE OURENSE. 1ª SESIÓN: MARUJA MALLO

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial. Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños. 1ª SESIÓN: MARUJA MALLO Condutores da Sesión: Xavier Castro e Uxía Blanco Lugar: Cafetería do Liceo Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5). Data: Martes, 08 de Outubro, ás 20 horas. Adega invitada: Arco da Vella (Beade – Ribadavia (D.O. Ribeiro) PRESENTACIÓN: A primeira sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a glosar a traxectoria vital e a obra da artista galega Maruja Mallo, caracterizada polo seu talante persoal innovador e a súa obra pictórica vangardista, en permanente evolución e constante procura de novas formas de expresión. Foi admirada por Ortega y Gasset, Gómez de la Serna, Lorca, André Bretón e Paul Éluard, e gozou dun amplo recoñecemento internacional, do que da testemuña o feito de que a súa obra forme parte das coleccións dos museos máis emblemáticos. Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios dos condutores das Xornadas, Xavier Castro e Uxía Blanco, iranse entreverando coa degustación dos viños da bitola Arco da Vella, que elabora uns caldos artesáns de salientable calidade con uvas procedentes das propias cepas centenarias, situadas en Beade – Ribadavia (na Denominación de Orixe Ribeiro). Deste xeito, a familia de adegueiros que puxo en pé Arco da Vella ven practicando o amor polos viñedos dende hai varias xeracións, desterrando da súa práctica vitícola o emprego de productos herbicidas e pesticidas. Súmase a isto a concienzuda aplicación na elaboración dos seus viños, e así é como consegue obter uns productos naturais de singulares características organolécticas que polo recendo, cor e padal fan que, con todo merecemento, os podamos inxerir na mellor xinea dos grandes ribeiros tradicionais, que estes adegueiros foron quen de preservar tan cumpridamente. Presentará esta adega o tinto Tarabelo, de cor bermella de cereixa, redondo, largacío e de gorentoso recendo, e non faltará tampouco un branco de resonancias célticas, Torque do Castro, de cabal intensidade, pleno e de prolongado post gusto. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e un queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do Liceo de Ourense, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 8 euros socios, e 10 non socios). Para máis información: Enderezo-e: franciscojavier.castro.perez@usc.es / uxiablanco@hotmail.com Móbil: 609 653 228 / 670 573 545 Xavier Castro (Catedrático de EU de Hª Contemporánea da USC. Autor de: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC) Uxía Blanco (Licenciada en Historia e protagonista nos filmes: Sempre Sonxa e a Lingua das bolboretas, e na serie da TVG Libro de familia)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada