miércoles, 19 de junio de 2013

Xornadas Viño e Cultura: Á. Cunqueiro. 20 Xoves, ás 20 horas. Caf. Luces de Bohemia (R. Colón, 34. Vigo)

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 5ª SESIÓN (CLAUSURA): ÁLVARO CUNQUEIRO Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Intervén na sesión: D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. ADEGA invitada: ENTRE OS RIOS (Pobra do Caramiñal. IXP do Barbanza-Iria) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 20 de Xuño, ás 20 horas. PRESENTACIÓN A quinta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, na que intervirá D. Anxo Lorenzo, posto que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra dun dos escritores más imaxinativos das nosas letras e forxador ademais dunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia: Álvaro Cunqueiro, natural de Mondoñedo, vila –como el dicía- rica en pan, en augas i en latín. Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta das claves esenciais da súa obra literaria en relación coa cultura popular do viño en Galicia. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños, e o recitado dunha escolma de textos representativos do quefacer de Álvaro Cunqueiro, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo cunqueiriano. Nesta ocasión poderemos apreciar os caldos da Adega Entre os rios: unha pequena adega artesá (e casa de turismo rural, de engádega) rexida pola familia Crusat, situada na Pobra do Caramiñal (IXP do Barbanza-Iria) que ten como buque insinia un galardoado albariño sobre lias Altares de Postmarcos. Elabora, ademais, un branco multivarietal de probada calidade, Casal do Monte, e un moi digno tinto mencía Pintadoiro. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo San Simón, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)

lunes, 3 de junio de 2013

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA (VIGO): VALLE-INCLÁN

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA. 4ª SESIÓN: VALLE-INCLÁN Mestura de Cultura e Lecer: Preténdese crear un espazo para a convivencia cordial. Un ámbito para a cultura galega e o goce dos nosos viños. Condutor da Sesión: Xavier Castro (Departamento de Hª Contemporánea e América da USC) Lugar: Cafetería LUCES DE BOHEMIA (Rúa Colón, 34. Vigo) Data: Xoves, 6 de Xuño, ás 20 horas. ADEGAS invitadas: CABALEIRO DO VAL / AVÓ ROXO (Meaño. D.O. Rías Baixas) PRESENTACIÓN: A cuarta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra do extraordinario escritor Ramón María del Valle-Inclán, auténtico ourive do idioma e creador do esperpento. Nas Comedias Bárbaras, nas Sonatas e tamén en dramas teatrais como Luces de bohemia deixou plasmado un suxestivo friso da cultura popular do viño na Terra do Salnés, testemuñou as formas de sociabilidade e as bebidas que adoitaban servirse tanto nos pazos visitados polo Marqués de Bradomín, como nas tabernas e cafés de Madrid nos que Max Estrella calmaba a súa sede de rebelde lúcido e malcontento e distraía a súa melancolía de poeta bohemio. Valle-Inclán aludía á correspondencia entre viños e pratos, complexa cuestión na que se entreveran segredos nexos, á maneira dun concerto pitagórico. Nunha das comedias bárbaras, concretamente en Cara de Plata, o seminarista Don Farruquiño barrunta unha teoría en relación con isto: “Cada vino reclama su sacramento. Rueda blanco, propio para acompañar una tortilla de chorizos. Espadeiro de Salnés, bueno para refrescar en el monte, o en una romería o en un juego de bolos. Rivero de Avia, para las empanadas de lamprea y las magras de Lugo. Cada vino tiene su correspondencia en la vida, igual que todas las cosas. El mundo es armonía y concierto pitagórico. ¡Y nadie me rebata, si no está ordenado de teólogo!”. Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta das características esenciais da súa obra literaria e dos seus suxestivos testemuños sobre o panorama da enoloxía de Galicia no primeiro terzo do século XX. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños albariños, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Valle-Inclán, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo valleinclanescos, como as arias de Don Giovanni de Mozart, que non tería nada de estraño que inspirasen a Bradomín nos seus galanteos. Nesta ocasión poderemos apreciar os caldos da Adega Cabaleiro do Val, que elabora Francisco Dovalo, en Dena (Meaño. D.O. Rías Baixas), poñendo ao día unha tradición herdada da antiga casa de labranza dos seus devanceiros. Con vella cepas de albariño (algunhas de hai máis de 150 anos), que foron as nais de todas as plantacións deste meritorio colleiteiro, elabora un viño artesán, de autor, personalizado, enraizado na tradición e a memoria, “pois somos pequenos colleiteiros de tradición familiar que non fixemos máis que continua-lo aprendido dos nosos antergos, incorporando técnicas tanto vitivinícolas como maquinaria moderna, que nos permitan presentar un viño de calidade, pero respetando os procedementos artesáns. Cabaleiro do val, e un viño da variedade albariño de cor amarelo pálido con tonalidades douradas, adornado con matices verdecentes; Lixeiros arumes florais envoltos nunha suave sensación froiteira que perdura mansamente ata o final; Untoso e amplo en boca, cunha chispa ácida que nos alegra y nos incita a volver a el…”. Ofrecerá, así mesmo, o seu viño albariño a Adega Avó Roxo, que leva Antonio Gondar, caracterizada por un perfil de excelente calidade artesá e pertencente tamén á Asociación de Adegas Artesáns Rías Baixas. Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo San Simón, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros). (Para máis información, contactar co director das Xornadas, Xavier Castro (autor de: A rosa do viño, A lume manso, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis): franciscojavier.castro.perez@usc.es / 609 653 228)