miércoles, 5 de julio de 2017

     Xornadas de Cinema, Viño e Cultura

VIGO de Hemingway, Paz-Andrade e Ferrín FILME: LOS LUNES AL SOL

  
VIÑOTECA AVELEIRA
UN ÁMBITO PARA A CULTURA E O GOCE DO VIÑO
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Lugar: VIÑOTECA AVELEIRA (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202  Vigo. (Casco Vello de arriba).
Data: Xoves, 13 de Xullo, ás 20’30 horas.
Adega: Aurea Lux (Cenlle. O Ribeiro)
Intervirá o adegueiro: Manuel Docampo

  
PRESENTACIÓN

Vigo é a cidade das ondas cantadas por Martín Códax no medievo. O mar terá de ser o referente esencial dunha certa ollada sobre a cidade de Vigo no século XX, nomeadamente dende a década de 1920, cando dúas personalidades sobranceiras, Valentín Paz-Andrade, primeiro, e Xosé Luís Méndez Ferrín, nuns  lustros posteriores, se erixiron en cabezaleiros locais indiscutibles.
 Vigo é unha cidade industrial moi dinámica, que asentou o seu progreso  nos recursos agropecuarios do Val do Fragoso, ben é certo, pero sobre todo nos marítimos, vencellados á pesca, ó comercio portuario e a emigración. Coa progresiva incorporación de Bouzas, Lavadores e Teis, Vigo se converte xa na década dos vinte na principal cidade galega, como se constata no Anuario Bailly-Bailliere. O cinema ofrece unha impagable panorámica documental desta cidade, á altura de 1929, e reflicte o ambiente da industria conserveira no filme Los lunes al sol  (dirixida por León de Aranoa, no ano 2002, con Javier Bardem e Luís Tosar como intérpretes principais)
A abondosa pesca requiría solventar o problema da súa conservación: servían a este propósito os sequeiros (para o peixe cecial) e as importantes salinas (situadas no Areal, con depósito en Marqués de Valadares) destinadas a este cometido na época romana (agás as ostras, que ían en escabeche en pequenos barrís) que fixeron posible o salgado intensificado polos fomentadores cataláns (mellorando o cochado e o prensado da sardiña) a partires da centuria ilustrada. Xa logo veu a moderna conserva e o conxelado.
Na cidade da oliveira, pero tamén do Vigoscopio do oculista Antón Beiras, impera a sardinocracia e Valentín Paz-Andrade, avogado e polígrafo, foi o cerebro indefectible do mundo empresarial pesqueiro. Promoveu o xornal Galicia, na década dos vinte, que foi un dos primeiros en asumir dende Vigo unha perspectiva global de Galicia, e máis tarde dirixiu a revista Industrias pesqueras.
Por volta de 1920, residiu en Vigo, nunha casa do Paseo de Alfonso, onde cursou estudos de náutica, Manuel Antonio, creador dunha deslumbrante poética de pailebotes e  mares. Ferrín ten boas razóns para soster que coñeceu o Commerce Bar, situado na beiramar, transmutándolle o nome, nun poema inesquecible, polo de Navy Bar. Foi isto importante para o imaxinario da cidade.
Carlos Casares tense referido a impresión que Vigo lle causou a Ernest Hemingway cando chegou á vila. Tamén Gardel visitou Vigo, onde foi agasallado no ano 1923,  e coa súa presencia foi quen de poñerlle voz ao tango, que colleu un novo pulo. Coa súa música e co son de Compay Segundo, Para Vigo me voy, achegámonos ao período franquista -en cuxo mencer visitounos horrorizado Stefan Zweig- no que varios edificios emblemáticos da arquitectura caeron baixo a inexorable piqueta da especulación desarrollista. Logo, cando Ferrín se refire a Vigo como un espello roto, viñeron os axitados anos da reconversión naval viguesa, plasmados na película de León de Aranoa. Tiveron como contrapunto a leda movida, que na música recorreu a un novo rexistro, distinto do compromiso de Voces Ceibes, exaltador dun estilo de vida máis libre e desenfadado, caracterizado pola estética pop e rock dos Resentidos de Reixa e Siniestro Total. Na plástica, Atlántica supuxo un enfoque estético renovado, superador do expresionismo ruralista. Tamén na gastronomía a dieta atlántica convertiuse nun referente identitario da gastronomía galega.
Nesta ocasión poderemos apreciar os excelentes caldos da prestixiosa Adega Aurea Lux, situada en Cenlle (D.O. Ribeiro), ben representada polo seu promotor, o profesor de socioloxía Manuel Docampo. Esta adega elabora, cun feitío artesanal e depurada calidade técnica, uns viños de probada calidade: Leive Paradigma, elaborado con uva treixadura, albariña e loureira, e a outra marca de seu, Leive Treixadura, que presenta un carácter monovarietal. Haberá ocasión de gozar asemade do branco reserva Leive Reliquia e dun tinto de crianza, con certificación ecolóxica, Preto de Leive.
          Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán con friames de porco celta e queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na Viñoteca Aveleira. Imprescindible reservar (prezo da entrada: 13 euros).

LUGAR DE REALIZACIÓN
Viñoteca Aveleira (Rúa Abeleira Menéndez, 28, Baixo. 36202  Vigo. (Casco Vello de arriba).

DATA
Xoves, 13 de Xullo.

HORARIO
De 20’30 a 22’15 horas.

PREZO:
13 euros, con dereito a varios viños e petiscos de friames e queixo galego de calidade con pans artesáns.
-Aforo limitado, é imprescindible reservar: jcoow64@gmail.com / 601 08 01 21


Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)
E-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228





No hay comentarios:

Publicar un comentario