sábado, 11 de abril de 2009

Compra ao fiado

Nas antigas tendas, e tamén nas tabernas rurais nas que había á venda un pouco de todo, a compravenda facíase consonte a unhas regras e un xeito peculiares. Cobrábase ó contado pero tamén se admitía o fiado, previa anotación a lapis nunha libreta. Dábanse casos nos que só o tendeir@ tiña a libreta. Mais tamén se practicaba o sistema de dobre libreta: o tendeiro tiña unha e a clienta outra que servía de contraste, pois non eran poucas as mulleres que quiz6ais por escarmentadas desconfiaban da honradez dos tendeir@s e sospeitaban que anotaban de máis. Atíñanse á fórmula que se recomendaba practicar verbo dos antigos contables que levaban a cabo asentos nos libros, e os correspondentes arqueos: "Hay que vigilar con esmero al señor del lapicero".

Pero tamén se daba o caso contrario. As malas pagadoras facían chanchullo ou chafullada na casa, borrando cunha goma algunhas das débedas que ó estaren escritas a lapis non se notaba, de xeito que logo non coincidía coas anotacións da tendeira. Por certo, que os homes que quedaban a deber chiquitas na taberna non adoitaban preocuparse de levar libreta de contraste. Polo xeral, gastaban con maior despreocupación que as mulleres. E mesmo facían chanzas co tendeiro, dicíndolle: "Apúntasmo na tina de auga". Diante do cal, o outro retrucaba: "Si, ou se che parece na barra de xeo".

Con dito sistema, para a xente humilde, que era a maioría, pagar todo por xunto, cando chegaba á hora resultaba un penoso esforzo. Non eran poucas as mulleres que non acababan de reunir os cartos para poder pagar a débeda. E, naturalmente, eran morosas. Unha panadeira escoitou decir a súa avoa que: "O que come fiado caga mazarocas". As mazarocas son volutas de lá de certo tamaño, arduas de despachar.

A acredora tiña moitas veces que recordarlle á clienta a súa débeda, instándoa a pagar. Cando a débeda medraba de máis chegaba mesmo a ameazar con cortarlle a subministración. ¿E que facía cando sabía de certo que a debedora pasaba por apuros económicos e non había expectativas de que mellorase a súa situación? A avoa da informanta cando ollaba que unha clienta non acababa de pagar a súa débeda trataba de que lle fose a traballar a xornal nas súas leiras, para ila descontando. Pero había algunha recalcitrante que non se prestaba a este xeito de pago en especie. E nunca pagou.

Os tendeiros fixeron campaña militante contra o sistema de fiado. Un rótulo rezaba o seguinte: "Este bar tiene un convenio con los bancos. Ellos no sirven cubatas y yo no hago préstamos". Outros locais amosan nun recadro un eslogan que reviste a fómula dun impecable siloxismo escolástico: "Si por fiar/ tengo amigos/ y los pierdo/ por cobrar, / para evitar enemigos, / lo mejor es no fiar". Aínda nos nosos días campa en bares e tabernas un cartel chantado na parede coa declarada pretensión de disciplinar a clientela: "Se bebes para esquecer / paga antes de beber". Algúns destes establecementos poñen ben á vista un moneco con feitío de señor facendo un corte de mangas, provisto dunha lenda interrogativa ó pé: "¿Queres fiado?". Velaí a contundente resposta escrita na manga cortante: "Toma".

(Artigo publicado no xornal Galicia Hoxe, 3-4-2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada