miércoles, 3 de marzo de 2010

A Xente de Bronce (V)

A pauta que caracterizaba a alimentacións de obreiros tiña notables puntos en común coa dos labregos, pero tamén presentaba algunhas discordancias. Dende logo, as similitudes eran moitas, pois non é posible esquecer que en Galicia non existiu unha cultura obreira xenuina, en puridade, xa que os operarios proceden das ringleiras do campesiñado e do mundo da aldea, co que manteñen vincallos relativamente estreitos durante décadas, e en moitos casos, a través das distintas xeracións. A gastronomía proletaria segue uns patróns herdados da labrega, pertencendo ambos os dous grupos a unha mesma cultura culinaria. Condicionada a gastronomía dos obreiros nun senso pauperista polo mercado e instalada deste xeito nun degrao inferior no que atinxe a calidade da materia prima que empregaba (en boa parte adquirida e non producida), pero tamén potenciada e, dalgunha maneira dende logo moi modesta, enriquecida, xa que o mercado urbano ofrecía unha maior variedade de produtos, de xeito que non dependía estrictamente das limitacións impostas pola producción local. Todo isto sen esquecer que unha parte dos alimentos procesados polas cociñeiras urbanas procedían do campo pola vía da doazón familiar (que caseque sempre se compensaba dalgún xeito) e polo tanto eran os mesmos produtos que cociñaban as labregas.
Vexamos con algún detalle cal era a dieta proletaria. Dun xeito moi sintético, Tuñón de Lara sinalaba que para o conxunto de España, no período comprendido entre 1834 e 1923, a dieta alimenticia da maior parte de obreiros da cidade era limitada: pan dabondo, patacas, leguminosas, bacallau, algo de touciño e ás veces un pouco de carne de segunda clase para o «cocido» ou «pucheiro»; aceite, viño, azucre e un pouco de leite. Afinando un pouco máis, temos que en Galicia, os produtos básicos da dieta proletaria eran os seguintes: patacas, arroz, legumes secas (“a carne do proletario”, dicíase, eran as fabas e mailos garavanzos) e unhas poucas clases de verduras: nomeadamente verza, grelo e repolo; e tamén coliflor, aínda que quizais en menor medida.
Herminia Pernas infire, poñendo nomeadamente pe no estribo que representa a esculca realizada pola Comisión de Reformas Sociales, que, en conxunto, a dieta popular en Galicia asemellábase bastante do réxime alimentario que adoitaba ser habitual nas clases traballadoras doutras partes de España. Con algúns matices, a capacidade adquisitiva e os recursos dispoñibles dos artesáns e obreiros galegos non eran moi dispares.
Examinemos máis polo miúdo a cuestión. O traballador tomaba escasa ración de leite e o queixo poucas veces estaba ao seu alcance. No que atinxe as carnes xantaba algunha ración de porco, nomeadamente a graxa e o touciño. Á carne de vaca só accedía o operario de xeito moi excepcional; podía mercar, moi de cando en vez, casquería (vísceras) e soamente nun día de festa algunha parte máis ensollosa, ou ben algunha porción de carne de carneiro, e dendo logo, ese día podía disfrutar de carnes de porco variadas.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 19/02/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario