domingo, 14 de febrero de 2010

A Xente de Bronce (IV)

Adoitaron ser as mulleres quenes traballaban as hortas de que dispuñan por veces as casas dos obreiros. Elas eran que se ocupaban tamén de darlle de comer aos animais, co cal obtiñan un significativo complemento alimenticio –e económico, pois os ovos, por exemplo, vendíanse- que facía posible que o grupo familiar subsistira co magro salario do home, na súa condición de cabeza de familia. Moitas veces as estadísticas históricas sobre precios e salarios non conseguen explicar como cunsn xornais tan baixos as familias populares puideron facer fronte ao crecente custe da vida. Por poñer un caso, entre outros moitos exemplos posibles, podemos traer a colación un estudo do historiador Antonio Elorza, quen sinala que o salario medio anual dun oficial encadernador consistía nuns 2.980 reais, namentres que o seu gasto por ano en comida, roupa, vivenda, etc., sen contar imprevistos, era de 5.796 reais. Outra estimación realizada por un xornal de Sabadell sinalaba que unha familia obreira composta de sete membros (o matrimonio, catro fillos e algún avó) ingresaba ao ano 9.890 reais, cando o seu gasto se situaba en 10.950 reais. ¿Cómo se explica, xa que logo, a supervivencia non só do traballador, senón de toda unha familia proletaria que moitas veces dependía, en teoría, dun único salario? La explicación ven dada polos factores indicados (a horta e o demais, amén do traballo non rexistrado da muller: coser, lavar para afora, etc.; e as veces tamén dalgún fillo, que facía recados ou desempeñaba algunha outra tarefa remunerada), cuxa producción e valor económico non constou endexamais na contabilidade nacional nin en ningún xénero de estatística. Ao propio tempo, esta omisión ou silenciamiento, sumeu na opacidade a importancia capital que historicamente tivo –e aínda conservou en décadas achegadas aos nosos días- o traballo das mulleres. Ademais, unha porción relevante dos obreiros urbanos distaban de ser os proletarios aludidos por Karl Marx, que o único que tiñan que perder eran as súas cadeas. Un amplo sector dos traballadores galegos pertencía a familias que dispuñan dunha certa propiedade rural, o que viña favorecido polo minifundismo e o notable reparto dos predios agrarios. Aconteceu, deste xeito, que houbo decote uns fortes vínculos entre o mundo popular urbano e o medio rural. Isto traducíuse nun trasego de excedentes produtivos remesados pola familia campesiña aos seus compoñentes que pasaran a desempeñar un traballo na urbe. Polo demais, non eran poucos os traballadores simbióticos que compaxinaban o obradoiro coa leira, axudados pola familia, nas fins de semana e no tempo libre que poidese quedar tras da xornada laboral, ou nos períodos nos que se encontrasen en paro forzoso ou tendo que traballar a media xornada. Tamén está abondosamente documentado un feito que resultou bastante habitual: nos momentos de traballo intensivo no campo, unha parte considerable das plantillas de traballadores dos diferentes ramos laborais e servicios públicos, solicitaban a baixa, pretextando enfirmidade, para poder axudar aos seus familiares las labouras da vendima, a colleita do millo ou a malla do centeo.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 12/02/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario