domingo, 19 de septiembre de 2010

Viño e Peregrinacións

As viñas se adaptan ben ós terreos pobres pero isto non impedíu que na Idade Media se plantasen tamén en vales moi ricos. Era moi habitual cultivar o viñedo nos arredores dos núcleos de poboación que dispuñan así con facilidade do viño que necesitaban para o seu consumo. A maior parte das urbes estaban rodeadas no medievo de verdadeiros arrabaldos vitícolas. As leiras, por veces moi pequenas, non pertencían unicamente aos campesiños, senón tamén a artesáns, comerciantes e empregados do concello. Posuír unha viña, por pequena que fora, outorgaba unha consideración social distinguida. A elaboración de viño estaba considerada como unha actividade nobre que, por ende, deviña lucrativa para todos cantos obtiñan unha produción que sobordaba o seu consumo, de xeito que podían despachar directamente o seu viño abrindo taberna provisoria durante un certo tempo.

Os señores, tantos leigos como eclesiásticos (nomeadamente, capítulos das catedrais e mosteiros), dispuñan por veces duns privilexios que adoitaban irritar notablemente aos viticultores pecheiros, o que de cando en cando provocaba algunhas protestas. Tratábase da prioridade no aprovisionamento, cando tiñan precisión de adquirir viño, ou ben na venda cando necesitaban dar saída a súa colleita.

Os mosteiros emprazados en localidades montañosas ou ben en comarcas onde os viñedos resultaban escasos, adoitaron facer o posible por dispoñer de viñedos en rexións vitícolas –de preferencia, naquelas nas que a calidade do viño era maior-, sen reparar en que estiveran relativamente distantes para os medios de transporte dispoñibles antano. Temos, deste xeito, constancia de que, no ano 1227, o mosteiro de Meira se beneficiou dunha doazón de 40 aranzadas de viñas plantadas na rexión de Toro. E, como é ben coñecido, os eclesiásticos de Santiago de Compostela adquiriron viñedos cultivados no Ribeiro de Avia e tamén en Ourense. Agora ben, a fórmula máis sinxela foi a de mercar o viño de boa calidade, a medida que no transcorrer do medievo se foi desenvolvendo un activo comercio entre as rexións produtoras e as consumidoras que tiñan escasos viñedos, ou carecían por completo deles.

Santiago foi un gran centro de consumo de viño. Nesta cidade levítica os eclesiásticos eran moi numerosos, e para eles dito produto resultaba preceptivo. Pero ademais, os peregrinos que chegaban a cidade santa tiñan que dispor dun mosto competente co que celebrar o bo éxito da súa viaxe e, por suposto, reparar as forzas e encher os cabazos, antes de retornar ós seus lugares de procedencia.

Os viños galegos exportábanse no século XV cara os portos situados no Cantábrico e tamén no litoral de varios países europeos. A peregrinación a Santiago potenciou este comercio de exportación. De feito, o viño galego constituía en moitas ocasións o cargamento de retorno que levaban os barcos ingleses que transportaban peregrinos a Santiago. No ano 1428, por caso, varios navíos zarparon da Coruña portando cargamentos de viño, primordialmente do Ribeiro, que oscilaban entre 60 e 230 toneis de viño, e transportaban tamén continxentes de peregrinos que xa tiveran ocasión de darlle o abrazo ao Apóstolo.

(Publicado en Galicia Hoxe, 17/09/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada