sábado, 11 de diciembre de 2010

Pablo Neruda e o Viño

Refire o escritor chileno Luís Sepúlveda que, en certa ocasión, acompañou ó poeta Eugeni Evtuchenko na súa visita á casa de Pablo Neruda, onde chegaron con algún atraso. Evtuchenko ia ‘tomando’ sen parar, pero quizais a for de alto e mangallón como era, demostraba ter unha capacidade insólita para resistir o trago enérxico. Neruda estáballes agardando pacientemente na porta tendo na man unha botella dun fabuloso viño francés, co propósito de darlles a benvida. O poeta ruso, saludou e axiña se decatou da calidade do viño co que se lle agasallaba. Non dudou un momento en apoderarse da botella e, ó punto, procedeu a bebela a morro, toda enteira e de ‘penalty’. Diante do cal, Neruda non puido reprimir unha exclamación, que procurou que so a escoitara Sepúlveda, para non semellar indiscreto: “¡Qué grandísimo fillo de puta!”, díxolle ó ouvido.

O poeta chileno, premio Nóbel de literatura, foi una grande amante do viño. E non ten dúbida que foi un dos seus mellores cantores. De feito, a “Oda al vino”, que forma parte das ‘Odas elementales’, é un dos seus poemas máis logrados. A descripción que fai do feitío que presenta o viño, diante da impresión ocular, é realmente brillante, como se pode apareciar na primeira estrofa do poema, na que ademais remata anticipando a relevante función social que desempeña o viño: “Viño cor de día, / viño cor de noite, / viño con pés de púrpura / ou sangue de topacio, / viño, / estrelado fillo / da terra, / viño, liso / como unha espada de ouro, / suave como un desordenado veludo, / viño encaracolado / e suspendido, / amoroso, / mariño, / nunca coubeches nunha copa, / nun canto, nun home, / coral, gregario es, / e cando menos mutuo”. Alude despois a que o viño alenta as veces as lembranzas e mesmo é quen de propiciar “bágoas transitorias”, pero este non é o seu risco primordial, senón a ledicia que contén e transmite: “o teu fermoso / traxe de primavera / é diferente, / o corazón sobe ás ramas, / o vento move o día, / nada queda / dentro da túa alma inmóbil”. Xa que logo, no dicir do poeta, o viño anima e aleda o espíritu, disipando as súas sombras, promove a extroversión e mesmo a cantiga, que ben pode adoptar a forma de canto coral: “O viño move a primavera, / crece como unha planta de ledicia, / caen valados, / penedos, / péchanse os abismos, / nace o canto”.

Nunha das pasaxes máis conseguidas da oda, reflicte Neruda, con deslumbrante imaxineria poética, o papel que desempeña o froito da viña na relación amorosa: “Oh ti, xarra de viño, no deserto / coa sabedeira que amo, / dixo o vello poeta. / Que o cántaro de viño / ao bico do amor some o seu bico”. E, deseguida, desenvolve un canto hedonista a atracción erótica que inspira a belleza da muller, debullando as provincias do seu corpo en referencias plurais ao universo do viño: “Amor meu, de súpeto / a túa cadeira / é a curva colmada / da copa,/ o teu peito é o acio, / a luz do alcol a túa cabeleira, / as uvas as túas mamilas, / o teu embigo selo puro / estampado no teu ventre de vasixa, / e o teu amor a fervenza / de viño inextinguible, / a claridade que cae nos meus sentidos, / o esplendor terrestre da vida”.

(Publicado en Galicia Hoxe, 10/12/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario