lunes, 26 de septiembre de 2011

Conferencia no Colexio Público R. Eduardo Pondal, de Darbo, o 10 de Octubro

CONFERENCIA DO PROFESOR XAVIER CASTRO

Conferencia no Colexio Público R. Eduardo Pondal, de Darbo, o 10 de Octubro.

A conferencia do profesor Xavier Castro –Historiador natural de Cangas e residente actualmente en Meiro (Bueu)- resumirá o esencial do seu libro:
Historia da vida cotiá en Galicia (Séculos XIX-XX) (NigraTrea, 2007) (Premio de Investigación Ferro Couselo).


Trátase de completar a historia en maiúsculas de Galicia coa historia en minúsculas de todos os galeg@s. Expónse a vida cotiá de toda a xente, a distinguida e a corrente; quer os que polo día comían pan branco e pola noite durmían en leitos de la, quer os que tiñan que conformarse con alimentarse con pan de broa e deitarse en colchóns de follato.

A presente obra constitúe un achegamento de síntese á historia da vida cotiá na Galicia contemporánea, dende unha perspectiva de conxunto. O libro plantéxase como unha obra de investigación histórica, que emprega fontes inéditas combinándoas coa bibliografía dispoñible. Existen varias historias de Galicia na época contemporánea, pero ningunha dos galegos, das xentes de diferente condición social; dos que comían ben e durmían en colchóns de la, e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato: os homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país. Considérase, xa que logo, neste libro o xeito no que se desenvolvía a vida cotiá da xente corrente, o amor e a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o traballo e máis o lecer, e asemade o mundo da escola.
É este unha obra de grata lectura por estar escrita nunha linguaxe asequible e non academicista, e polo profuso emprego que se fai nela de textos literarios, etnográficos e testemuños orais, que contribúen a darlle amenidade ó tempo que axudan a recrear a o imaxinario colectivo e a atmósfera social na que se desenvolveu a esistencia de varias xeracións de galegos de a pé. Xente corrente que en moitos casos soamente tiveron tumbas esquecidas con nomes xa borrosos nas súas campas, ás que non sempre lles ofrendaron moitas flores, pero que foron importantes, xa que co seu esforzo construíron este país, que foi endeita de todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario