lunes, 6 de febrero de 2012

Libro de Xosé Fortes: "Cuando las derrotas otorgan la victoria". Comentario de Xavier Castro

Batallas perdidas dun home de ben
Xosé Fortes: "Cuando las derrotas otorgan la victoria", Destino, Barcelona, 2011. Comentario publicado en “Protexta”, revista de libros editada por “Tempos Novos”.

Nas enquisas realizadas por algúns medios de comunicación para establecer o catálogo dos VIP’S de Galicia adoitan aparecer deportistas, estrelas mediáticas, algún empresario de éxito e mesmo banqueiros (revelados recientemente como prominentes zampabollos), mais non personalidades de verdadeiro fuste consagradas a tarefas menos ostensibles, pero extraordinariamente útiles para a sociedade, como é o caso de Xosé Fortes Bouzán.
O me oficio de historiador me leva a soster que Xosé Fortes é un dos protagonistas máis conspicuos da Galicia da segunda metade do século XX. Poucas máis figuras vexo tan completas, suxestivas e valiosas. En efecto, ademais dun gran profesional, Fortes é tamén unha persoa optimista, amable, cercana, modesta, simpática e divertida, como ben poden acreditar os seus coñecidos e amigos que gozan do seu trato persoal, e o propio feito de que non desdeñara formar parte da cooperativa de bebedores axuntada baixo o irónico título de A Santa Sede.
Ademais de terse desempeñado como capitán do exército comprometido coa democracia, Xosé Fortes realizou outras moitas actividades relevantes.
Estivo ao fronte da equipa que con moi poucos recursos económicos conseguiu poñer en pé, no ano 1976, Vagalume, unha revista infantil e xuvenil que foi pioneira no emprego da lingua galega. Obtivo unha licenciatura na Universidade de Santiago e oficiou como profesor de Historia e director dun instituto de Pontevedra que revolucionou cun ambicioso programa de actividades culturais e educativas. O seu entusiasmo pedagóxico como ensinante que teimaba en inculcar o sentido crítico nos seus alumnos levouno a promover a extensión cultural mediante un programa radiofónico, Historia viva, no que colaboraron relevantes cultivadores da historiografía galega.
Foi elixido concelleiro nunha candidatura galeguista, no ano 1979, e dende esta responsabilidade política fixo canto puido por poñer un pouco de cordura no desorde urbanístico pontevedrés. Demostrou asemade preocupación polos problemas ecolóxicos e medioambientais, participando co seu íntimo amigo Cesar Portela na defensa dunha zona de notable valor ecolóxico, a Xunqueira, ameazada por unha intervención agresiva.
Non sen sorpresa, puidémolo ver moitos nun orixinal programa da TVG, Viaxeiros da lus. De engádega, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo reparou nos seus merecementos e nomeouno coordinador en Pontevedra dos cursos de verán, labor que desempeñou entre os anos 1998 e 2005, onde tivo ocasión de colaborar co mestre de historiadores que é Ramón Villares.
Fortes é un home de férrea vontade e notable capacidade de traballo e, deste xeito, foi quen de realizar unha relevante actividade como escritor como o testemuñan as súas colaboracións na prensa e nos libros de investigación histórica que dou ao prelo. Salienta en primeiro lugar a Historia de la ciudad de Pontevedra, publicado na Editorial de La Voz de Galicia, no ano 1993, obra moi completa e de auténtica referencia no eido da historia local. En relación con esta mesma temática, publicou primeiro La Ría de Pontevedra (1986), e máis tarde Pontevedra en el espejo del tiempo (1995) e A memoria de Pontevedra (2001). Continuou, pois, a afondar no estudo histórico desta cidade e o seu entorno e na actualidade prepara unha segunda entrega, baixo unha perspectiva nova e cunha clara vontade literaria que sen dúbida vai ser unha achega senlleira á historiografía galega.
Por parte, Fortes non esqueceu nunca que foi un neno de aldea, orfo de guerra e fillo dunha muller que dispuña de recursos económicos moi escasos para pagarlle unha educación. O mestre da localidade contribuíu a espertarlle o interese pola cultura e cando rematou o Bacharelato non encontrou mellor xeito de abrirse camiño na vida que recorrendo ao ingreso na Academia Militar, pero sen deixar en ningún momento de cultivar o seu intelecto dun xeito autodidacta. Tras moitos avatares, no ano 2008, publicou unha monografía de extraordinario interese: Caroianos: unha viaxe pola nosa historia rural, feita en colaboración con Germán Fortes e beneficiándose de contribucións varias de César Portela, Marcial Gondar e Sergio Portela. O estudo histórico, rigoroso e moi completo da súa aldea, na que constatou como a introdución do cultivo do millo marcou un antes e un despois na vida das súas xentes, non foi apreciada só polo gremio dos historiadores senón tamén por lectores de variadas inquedanzas. Un deles, Méndez Ferrín, encontrou a obra engaioladora e suxestiva.
A peripecia vital de Xosé Fortes estivo marcada pola súa condición de militar. Tivo o coraxe de sumarse á clandestina Unión Militar Democrática (UMD), arriscando a súa carreira profesional e mesmo o sustento da súa familia, e ben certo é que tivo que pagar un alto prezo por asumir este compromiso: foi acusado de "conspiración para a rebelión", expulsado do exército por un consello de guerra e condenado a catro anos de cadea. Pero, ao cabo, converteuse nun heroe da democracia española, quedou rehabilitado en 1987 e mesmo recibiu, no ano 2009, a medalla ao Mérito Militar do Ministerio de Defensa. Pasou, xa que logo, do inferno á gloria. Cuando las derrotas otorgan la victoria (2011) refire a historia da UMD ollada por un testigo privilexiado que fixo “investigación participante”. Sen dúbida é a mellor historia das varias que se teñen publicado sobre este relevante aspecto da Transición española. Fortes aborda a cuestión co seu habitual rigor, cunha pretensión de obxectividade e unha ollada comprensiva, amén do distanciamento que resulta humanamente posible. O libro está francamente ben escrito e resulta ameno e interesante, mercede a orixinal técnica narrativa que emprega, afastada do tradicional enfoque cronolóxico. Diante dunha obra como esta, un comentarista como quen isto asina, que non fixo a mili, ten a tentación de cadrarse e poñerse no primeiro tempo de saúdo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario